Publicado por: MontePituco | 05/07/2013

ALERTA POLA CONSERVACIÓN DOS PETROGLIFOS DO PORNEDO

O nulo mantemento dos petroglifos do Pornedo.

A loita de DEFENDE O MONTE PITUCO contra o polígono industrial é paralela á reivindicación pola conservación e posta en valor do patrimonio arqueolóxico que abunda nesta parte da parroquia de San Xulián. Vimos arrastrando dende o “principio dos tempos” unha enorme preocupación ante a posibilidade de que calquera delincuente -o calificativo de vándalo quedaría curto- decida provocar, por iniciativa propia ou por encarga, calquera agresión irreversible no conxunto rupestre catalogado do Pornedo. Ademais de afectar a unha zona clasificada como Espazo Natural Protexido, o parque empresarial proxectado no PXOM invade a área de protección destes Bens de Interese Cultural.

Mentres que un terreo que resulte arrasado por un incendio forestal queda restrinxido durante unha serie de anos de posibles urbanizacións, nun suposto intento por frear os intereses dos especuladores, os danos ao patrimonio arqueolóxico quedan impunes, tanto no que respecta aos agresores como ao propósito que perseguen. E no caso do conxunto rupestre do Pornedo, ese perigo existe dende o momento en que hai persoas e colectivos empeñados en que se leven a cabo unhas obras que contan cun atranco: a existencia duns petroglifos e dun grupo de cidadáns que reclaman a súa protección.

Boa parte do “mérito” de que o conxunto rupestre do Pornedo consiga “sobrevivir” neste complexo cruce de intereses, débese precisamente a que DEFENDE O MONTE PITUCO e a comisión técnica do proxecto de creación do ESPAZO NATURAL E ARQUEOLÓXICO DOS SETE CAMIÑOS traballan arreo a prol da difusión deste xacemento, dándoo a coñecer en numerosos roteiros, charlas informativas e proxeccións do documental “Sete Camiños: encrucillada do tempo”.

Pero tan perxudicial como a agresión física pode ser tamén a desidia no mantemento destes elementos; a “estratexia” de brazos caídos para que sexan “outros” factores os culpables do seu deterioro irreversible ou da súa desaparición.

Esta semana presentouse unha solicitude ante a Comunidade de Montes de San Xulián para que, como propietaria dos terrenos nos que se atopan estes gravados rupestres, se autorice unha intervención arqueolóxica consistente na limpeza e no acondicionamento da zona. Esta petición ampárase na propia Lei de Patrimonio que, no artigo 25, refírese ao deber de conservar o Patrimonio Cultural:

“Os propietarios, posuidores e demais titulares de dereitos reais sobre bens integrantes do patrimonio cultural de Galicia, están obrigados a conservalos, coidalos e protexelos debidamente para aseguraren a súa integridade e evitaren a súa perda, destrucción ou deterioración”.

Foi moi satisfactorio saír do edificio da Casa de Montes de San Xulián cun compromiso verbal -que nos próximos días se tornará nun documento oficial- de conformidade con esas tarefas de acondicionamento. Ao redor do conxunto rupestre do Pornedo hai vexetación que xa acada unha altura considerable, que coas elevadas temperaturas do verán é previsible que vaia murchando progresivamente. Coa eliminación desta maleza minimizarase mesmo o risco de incendios.

Tamén se detectou a acción de alguén que cortou herbas e toxos que medraban pegados á laxe, posiblemente con algunha ferramenta. Aínda que a intención fose boa, este tipo de traballos cómpre que se realicen con supervisión de técnicos na materia para evitar calquera método con repercusións negativas e garantir a seguridade dos gravados.

O nulo mantemento dos petroglifos do Pornedo.

O crecemento de varias árbores arredor dos petroglifos tampouco semella positivo na medida en que as raíces penetran na terra e presionan o bolo granítico, que pode fragmentarse. Terán que ser os arqueólogos os que determinen que medidas cómpre tomar para preservar este xacemento arqueolóxico.

Coa autorización da Comunidade de Montes de San Xulián e co control pertinente dos responsables da Dirección Xeral de Patrimonio, moi pronto será posible que o conxunto rupestre do Pornedo presente un aspecto digno, acorde á importancia deste ben cultural, para que os visitantes poidan aprecialo en plenas condicións. Noraboa a todos.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

A %d blogueros les gusta esto: