O Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños recibiu este fin de semana a visita do grupo de sendeirismo do Ilustre Colexio de Avogados de Pontevedra, que realizou unha andaina polos montes de Salcedo, Lourizán e San Xulián guiados polo presidente da Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA), Rafael Quintía, e por integrantes da comisión técnica do proxecto de creación do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños.
Nas últimas semanas vén medrando o interese por coñecer o territorio que abrangue este Espazo Natural e Arqueolóxico, ameazado en parte pola intención do Concello de Marín de instalar un polígono industrial malia que a zona está catalogada como Espazo Natural Protexido pola súa pertenza aos Montes do Morrazo.
Nembargantes, comunidades de montes como a de Salcedo veñen realizando xa un traballo de recuperación dos seus xacementos arqueolóxicos que ata hai pouco non se podían visitar debido a que estaban situados no ámbito da base militar da Brilat. Xunto coa posta en valor dos elementos históricos, tamén destaca o labor de reordenación forestal na que están actuando as comunidades de Salcedo e Lourizán.
O roteiro co grupo de sendeirismo do Ilustre Colexio de Avogados de Pontevedra partiu da área de lecer do Pornedo, continuou polos petróglifos e a mámoa de Sete Camiños, a fonte da Prata, os gravados rupestres de Regato dos Buratos, Outeiro dos Apañados, a Pedra do Fundamento, a mámoa e o miradoiro do Catadoiro, para rematar nos petróglifos e no miradoiro do Pornedo, admirando as vistas da ría de Pontevedra, coa illa de Tambo e o arquipélago de Ons ao lonxe. O itinerario destaca tamén polas lendas asociadas a determinados elementos, a presenza de antigas canteiras e mananciais.
Esta andaina súmase a outras visitas guiadas realizadas recentemente por entidades como a Asociación Cultural Almuinha, Queremos Galego Marín e o Servizo de Deportes da Universidade de Vigo; proba de que o proxecto de creación do Espazo Natural e Arqueolóxico segue sumando apoios a unha iniciativa que xa conta coa adhesión dunha vintena de colectivos a prol da conservación deste territorio que abrangue os montes de San Xulián de Marín, e Salcedo e Lourizán en Pontevedra, valiosos pola elevada concentración de elementos arqueolóxicos, etnográficos e enclaves paisaxísticos singulares.
[Reportaxe fotográfica: Fran Currás, comisión técnica do proxecto Espazo Sete Camiños]
Deixar unha resposta