Publicado por: MontePituco | 18/05/2013

PLENO DE MAIO (II): PASEO DAS PRAIAS

Trala moción de Mar-In que a propia Isabel Martínez Epifanio propuxo deixar sobre a mesa, o Bng presentou outra moción sobre a ampliación do paseo de Portocelo e a proposta de restauración da cabeceira da praia de Aguete “pola tala indiscriminada” realizada a instancias do Goberno local. Para Pilar Blanco é un “espazo privilexiado”; mágoa que non opine o mesmo do Monte Pituco que, malia pertencer a un Espazo Natural Protexido e ofrecer unhas vistas non menos privilexiadas da ría, foi condeado -co seu voto cómplice e a súa execrable idea de desafectalo- a quedar catalogado como solo industrial no planeamento marinense.

Por suposto, coa falta de humildade que os caracteriza, os nacionalistas comezaron a repasar cantas marabillas obraron durante a anterior lexislatura no vial de praias, sen esquecer o Certificado EMAS obtido non pola cuestionable xestión medioambiental deste espazo, senón polo desembolso económico que fixo o Concello para farolear. Pilar Blanco criticou que o PP criticara daquela a obtención do certificado. Pero non lle critica agora que, por coherencia, os populares sigan apuntados ao EMAS. O criticador que máis critique, bo criticador será…

“Que fixeron vostedes?”, reprochoulle a concelleira do Bloque ao PP, “á parte de restaurar o bar de Portocelo?”. Pilar Blanco calificou de “afición arboricida” a medida adoptada pola Concellería de Medio Ambiente ao talar “loureiros, carballos, sobreiras…”. Moi defensora das especies autóctonas, como non podía ser menos; ata o punto de que obviou que no arrase tamén caeron un bo feixe de eucaliptos. Como no Monte Pituco tamén hai bastantes eucaliptos, un monocultivo potenciado dende a Comunidade de des-montes e secundado polos propietarios privados que ignoran -ou consinten- os efectos negativos desa especie, o mesmo a Pilar Blanco lle puidera parecer que eliminar a principal fonte de ingresos do monte de San Xulián non se podería elevar á categoría de arboricidio. Peores cousas se teñen visto (e oído).

O que o Bng quería denunciar é que o Concello non fixera ningunha xestión ante Costas para efectuar esa tala. E que para chegar a esa vital conclusión os concelleiros do Bloque -agás Esther Crespo, seguro!- tiveron que “perder unha mañá en obter a documentación en Costas”. Titánico esforzo para os edís da oposición, que intentan converter cada xestión súa nunha heroicidade coa pretensión de volver camelar a veciñanza. “Vostedes negan o acceso á información a concelleiros electos”, espetoulle Pilar Blanco á alcaldesa e o seu equipo de goberno, aos que lles atribuiu a práctica dun “secretismo absurdo”.

…Máis absurda é a dinámica do Bloque á hora de expoñer mocións coma esta, ata o punto de converter a exposición dunha simple proposta de actuación nun rosario de acusacións e de ataques ao Goberno local que, por moi lexítimos que sexan, están fóra de lugar en según que momento. Pero a estratexia do Bloque é sempre a mesma: embestir, coma os touros, sempre e en todo lugar, coa expectativa de levar por diante a cuadrilla do PP.

…E o máis chistoso. Non hai moitos meses que María Ramallo acusaba a Pilar Blanco de incordiar os funcionarios municipais, que seica lle deran queixas de que a concelleira do Bloque ía meter o nariz en todo e non podían facer o seu traballo para atender as súas innumerables demandas. Semella que Pilar Blanco tomou boa nota dese toque: “Temos que molestar os funcionarios sen necesidade porque non poñen a disposición a información que teñen que poñer”, engadiu Pilar Blanco. Grazas a comentarios coma este, que dan risa, os plenos fanse un pouco máis levadeiros. Un non deixa de saír do seu asombro ao comprobar que o listón da falsidade e do cinismo de certos políticos non deixa de superarse.

O caso é que o Bng insinuou que podería tomar algunha medida neste caso, argumentando que “o Concello non cumpre cos requisitos que se lle esixen aos veciños” porque neste caso a autorización de Costas puido ter sido posterior á realización da tala.

María Ramallo replicou que “parte das xestións si se fixeron” e que uns meses atrás os responsables municipais entrevistáranse coa xefa provincial de Costas e percorreran a zona. “Moitas desas peticións xa ían no proxecto e estamos traballando nelas”, explicou a alcaldesa. “É lóxico que teñan dúbidas se están na oposición”, díxolles aos do Bloque. A alcaldesa reprochoulle a Pilar Blanco que, tras visitar Aguete e Loira, o Goberno local fixo “unha memoria valorada de 5 folios que vostede trata despectivamente”, e expuxo que se estaba agardando a que viñera o bo tempo para continuar as obras do paseo.

E restando importancia ás críticas do Bloque, optou por quedar “coa parte positiva”, concordando con que todos os gobernos -non só o da anterior lexislatura- invertiran na mellora do paseo das praias, ao que se referiu como un “escaparate para o noso turismo, nun medio ambiente privilexiado”.

Despois do empacho de “efectivamentes” de María Ramallo, chegou o empacho de letras arrastradas do ex-alcalde, que comezou cunha palabra que define ben o seu egoísmo: “Yoooooooo…”. A súa intervención foi outro alarde de principios; Francisco Veiga dixo que estaba “alarmado e afectado” pola tala “indiscriminada” de árbores. Foi falar alguén que malamente debe distinguir entre eucaliptos, pinos ou carballos, de tanto monte que coñece. É tan experto en asuntos medioambientais que ata nos advertiu moi serio e circunspecto que “cualquier temporal o bajada de aguas” podía causar problemas pola falta de suxeición da terra do talude, motivado pola ausencia de árbores. “Hace tiempo que el paseo de las playas se deteriora a pasos agigantados”, advertiu Veiga, referíndose a esta zona como “el escaparate del que disfrutamos los marinenses y los visitantes”.

Os argumentos deste ex-alcalde carecen da máis mínima solvencia e credibilidade porque el mesmo se ten desacreditado hai tempo en todo o que teña que ver coa xestión do medio ambiente. Un cargo público que non respecta un Espazo Natural Protexido como o Monte Pituco, que non recúa no seu empeño de convertelo nun polígono industrial, non ten lexitimidade ningunha para pronunciarse neses termos, disfrazándose de “verde” e insultando coa súa actitude a quen ten a sensibilidade ambiental que a el lle falta. Veiga debería ir ata o porto de Combarro e mirar de fronte cara a Marín para decatarse da barbaridade e do atentado ambiental e paisaxístico -palabras coas que non debería encher tanto a súa boca de hipócrita-  que se cometería coa súa teima.

Na súa primeira intervención, Veiga seguiu critincando a “falta de rigor” dos expedentes tramitados polo Goberno local e a “falta de ideas” do PP. E para rematar, fixo un excepcional alarde de xenerosidade dándolle un “consello” ao Goberno local: “Tras moitas reunións con Costas, en Costas non se move ningún papel se non se fala con Madrid ou co ministro”. Xa podía ter sido algo máis hábil o ex-alcalde e non evidenciar a súa incompetencia, tendo en conta que cando el gobernaba no Concello contaba coa vantaxe de ter a ZP na Moncloa. E nin con esas…

Pola súa banda, o único que pediu a concelleira de Mar-In foi “que as obras rematen antes do verán”.

Na contra-réplica, Pilar Blanco seguiu ao seu, intentando facer sangue do acceso á documentación: “Estráñalle que esixamos papeis, porque temos dereito, non lle entra na cabeza!”. Repetiu que a tala de árbores en Aguete realizada nunha zona de dominio público non tiña a autorización de Costas. E criticou que nunha zona de dominio na que os custes dunha tala deberían correr a cargos de Costas, non o Concello: “A vostede sóbranlle os cartos”, engadiu a concelleira do Bloque, que acusou o PP de ter deixado “barrancos perigosos e acantilados” nunha acción que calificou de “remendo tras remendo”. E rematou recalcaldo o seu discurso de ecoloxista indignada: “Isto é unha agresión en toda regra, e quen impulsou a tala foron vostedes en terreos privados”, concluiu.

“Como non vou saber a que documentación ten dereito a oposición se pasei 12 anos nela”, díxolle María Ramallo a Pilar Blanco, “e non se pode comparar, porque a información que nós lles damos é infinitamente superior, e quen lles escoite falar no Pleno sabe que ten toda a documentación e que a utilizan; o que non se pode confundir é que por presentar unha moción teñamos que encher de documentación”.

Francisco Veiga tiña máis que dicir: “Antes en este ayuntamiento cuando el PP pedía un papel se valoraba si tenía derecho a él o no, ahora no se facilita nada, por la orden dada a secretaría”, dixo o ex-alcalde. “Nada, nada, nada!”, repetiu ata o extremo de que o eco desa palabra case resoaba no pasillo. “Deje trabajar a la oposición, si conseguimos información es por mérito nuestro”, engadiu Veiga. Pois o Psoe non pode presumir de ter moito mérito, que sempre reacciona tarde, mal e arrastro ante a maioría dos temas importantes.

“A súa palabra ten cada vez menos valor”, chantoulle Pilar Blanco á alcaldesa, argumentando que “todos os grupos da oposición se queixan do mesmo” e advertiuna: “O Bng seguirá facendo oposición, así que poña todos os paus nas rodas que queira, que somos persistentes”, engadiu en ton desafiante. Pilar Blanco tampouco puido presumir nunca de ser prudente nas súas intervencións, rozando con bastante frecuencia os límites da chulería, como tamén adoita facer Vilaboa. E aínda por riba de ter agantado este cruce ridículo de intervencións, a concelleira do Bloque culpou a María Ramallo de ter propiciado o debate e advertiulle que o seu grupo municipal daríalle un prazo para o cumprimento da moción.

Moción que, por certo, foi aprobada por unanimidade.


Responses

  1. jajaja, Fran Veiga preocupado polos taludes e polas riadas.
    Cando el era alcalde Montepituco presentou na súa alegación ó polígono os peligros que suporía para Marín a tala indiscriminada de árboles e os abusos de cemento, tales coma inundacións etc.
    En fín, eles que se dedicaron a arrincar as palmeias “acantófilas” do paseo do colesterol por ser “perigosas para os viandantes”
    Con esta xente lixeira de cascos na oposición, temos goberno do PP para rato. Quen ten a culpa?


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

A %d blogueros les gusta esto: