“…Anque carecemos de fontes precisas en canto ó coñecemento da nosa historia teatral anterior ó século XIX, esa carencia non necesariamente é interpretable como que non existise. Resulta difícil crer que unha escola trobadoresca como a nosa, non fora herdeira, ou mesmo tivese parella unha bufonesca ou xograresca de semellante importancia e altura, anque de imposible perpetuación escrita por canto a súa condición teatral facíaa esencialmente perecedoira.
Testemuñas quedan non obstante de que algo debeu haber, sen o que non sería posible explicar hoxe a pervivencia aínda de mostras dun teatro medieval ricaz e farturento, en formas como o teatro relixioso, a Semana Santa, os corpus, os maios, e sobre todo o entroido, un dos máis esplendorosos da península ibérica. Que non se queiran entender como formas teatrais puras non debera poñer en cuestión a súa existencia, senón a estreitura de miras dos nosos estudiosos, escravizados maiormente pola cativa consideración de que por teatro só é posible entender hoxe a súa forma culta, ou sexa a burguesa.
A outra historia, a que está datada e contrastada polos documentos, correu sempre parella á nos a necesidade de nos reafirmar como cultura, país, pobo ou nación, cun xeito peculiar de ser e estar no mundo. Xerou xa a súa propia tradición. Arrinca dos Precursores, está nos Rexionalistas e chega ata hoxe a través das Irmandades da Fala, a Xeración Nós, o teatro da emigración e do exilio e o teatro da posguerra. É da busca da satisfacción desa mesma necesidade e dunha e doutra tradición, xunto con aqueloutras do patrimonio universal susceptibles de enriquece-lo noso, de onde xurdiu e segue a xurdir cada día o mellor teatro do presente. Aquel que máis e máis decididamente aposta polo futuro, por un teatro galego capaz de traducir en termos de universalidade o particular e de lles restituír ós cidadáns o dereito a un lugar de encontro no que se espallar, co que sentirse identificado e ó que ter como propio…”
Roberto Vidal Bolaño: Fragmento de “Perspectivas do teatro galego actual” (Actas das I Xornadas das Letras Galegas en Lisboa, 1998).
Publicado por: MontePituco | 17/05/2013
Deixar unha resposta