Publicado por: MontePituco | 13/05/2013

PLENO DE MAIO (I): ESCOLA INFANTIL DE SEIXO-PUNTO LIMPO

O pleno deste mes de maio comezou coa intervención dos afectados polas participacións preferentes e obrigas subordinadas, que penduraron do balcón da Casa do Concello unha pancarta de apoio á súa causa, na véspera da multitudinaria manifestación celebrada en Pontevedra.

Cando xa os integrantes da plataforma saíra do Salón de Plenos, o seguinte tema abordado pola Corporación foi o proxecto para a construcción dunha escola infantil en Seixo.

Luz Santiago anunciou que o Psoe absteríase, cuestionando se tería que ser o Concello o que asumira máis custes dos previstos inicialmente. A concelleira socialista asegurou que este proxecto era unha “idea nuestra” que xa incluíran no seu programa electoral e rematou queixándose de que non puidera ter acceso ao expedente da galescola de San Pedro.

O expór que o Bng votaría a favor, Xosé María Vilaboa preguntou con ironía “que garantías temos de que esta gardería se vaia facer”, argumentando que o plan Educa 3 no que se sustentaría o seu financiamento “foi eliminado polos recortes”. O edil do Bloque tamén protestou porque o grupo de Goberno deixou o convenio “a durmir” e pediu explicacións sobre por que, tendo un mes para someterse ao pleno, “entrou en febreiro e estamos en maio”. Seguindo na liña eu-me-min-comigo do Psoe, o Bng tamén se atribuiu que as casas do profesorado onde está previsto acometer a reforma “desafectáronse a iniciativa do goberno anterior”. E o terceiro dardo de Vilaboa foi para chamar a atención sobre a falta de orzamento que impediría consignar a cantidade para acometer o proxecto: “Antes dicían que o bipartito levábase mal, agora vostedes deben levarse mal tamén e pelean polas partizas orzamentarias”, dixo Vilaboa. Os comentarios infantís de sempre. “Que isto non quede nun acto publicitario”, engadiu.

Pola súa parte, Isabel Martínez Epifanio volveu reiterar unha queixa que vén planteando nos últimos meses: “Adolece de prazos, tempos e datas”, dixo a concelleira de Mar-In sobre este proxecto. Como este tema debía terse exposto no pleno de abril, no que non se chegaron a tratar todos os temas porque a sesión suspendeuse en solidariedade cos afectados polas preferentes, Isabel Martínez criticou que o feito de non telo priorizado canda o recoñecemento de crédito e o contrato de limpeza que si puideron debaterse o mes pasado, é “unha mostra do que lle importa ao Concello a educación”. Ademais, amosou a súa estrañeza porque “o informe de intervención tardou 60 días” e explicou que o seu voto sería de abstención porque non había datos sobre o número de nenos e nenas que utilizarían este servizo.

“Nós non vendemos fume”, afirmou a concelleira Marián Sanmartín, razoando que o Goberno local “quedaría peor” se anunciara algo que non se levara a cabo. Tras este recado a Vilaboa, dirixiuse a Isabel Martínez para reiterar que “non se pactou” cos afectados polas preferentes os temas que puideron someterse a debate no pleno de abril. Á concelleira independente tamén lle contestou que este ano haberia máis de 100 nenos e nenas os candidatos a optar ás 41 prazas desa escola infantil. “É certo que non temos orzamento, pero temos compromiso”, concluiu Marián Sanmartín.

No segundo turno de intervención, Luz Santiago volveu repetir todo o que dixera na primeira quenda. “Que nos abstengamos no quiere decir que no lo apoyemos”. Nin si nin non, senón todo o contrario.

Vilaboa, tamén, máis do anterior: “Venden fume”, espetoulle a Marián Sanmartín, sacando a colación un dos talóns de Aquiles do grupo de Goberno, o centro de saúde. E de propina, advertiu que na construcción desta escola infantil habería “copago”, de xeito que se sobrepasaban o orzamento, serían o Concello “e os pais” os que asumiran o incremento.

“Non vou retirar o que dixen do pleno de abril”, remachou Isabel Martínez Epifanio sobre a súa acusación ao Goberno local e o suposto pacto sobre os temas debatidos na sesión que se acabou suspendendo. “Porque se non pactaran, aquel pleno teríase suspendido dende o principio, así que algo se falou”. A edil independente tamén criticou que o PP “oculta datos”, ao coñecer naquel momento a información sobre os potenciais usuarios da escola, unha cifra que non se dera na comisión informativa: “Parece que teñen medo a que utilicemos os datos e vostedes non saiban defenderse”.

Cando Marián Sanmartín facía ademán de iniciar a contra-réplica oiuse entre o público a voz dun dos siareiros do PP: “Non digas máis nada, muller!”. Con razón, este debate xa empezaba a cheirar, total, con pouca discrepancia, habida conta de que ía saír aprobado, e máis reproches da oposición que outra cousa, cada quenda de intervención resultaba monótona e repetitiva. E só iamos no terceiro punto da orde do día!

A concelleira de Servizos Sociais tratou de convencer de que en febreiro non dera tempo a abordar este tema, que en marzo non dispoñían dos informes necesarios, que en abril non se debatera pola suspensión do pleno, e que por iso tocaba na sesión de maio. E con non demasiado acerto no ton pola escasa repercusión que tivo o seu comentario, Marián Sanmartín reprochoulle ao Bng que pegara “pancartas en paneis de obras que aínda están sen auditar”.

Este punto aprobouse cos votos a favor do PP e do Bng, e coa abstención do Psoe e Mar-In.

O seguinte tema foi a posta a disposición dos terreos para a dotación da rede de sumidoiros en Miñan-Esperela. Trala explicación inicial de Marián Sanmartín, Vilaboa fixo unha encendida defensa deste tipo de obras tan importantes para a “calidade de vida dos veciños”. Foi falar o experto en calidade de vida alguén que quere cargarse a traída de augas dos habitantes do Caeiro e os dereitos dun bo número de regantes que van quedar en terra de secano por culpa dun polígono industrial que estragará os mananciais subterráneos que nos fornecen dende moito antes que el nacera.

O seu discurso foi parecido ao anterior: que a concelleira, á que lle lembrou que ten adicación exclusiva, “durmírase” na tramitación deste proxecto. Ademais de queixarse do “retraso” da Xunta no cumprimento do convenio do saneamento, poñendo como exemplo a rede de sumidoiros de Caños de Moledo, Vilaboa pediulle explicacións á edil popular sobre por que non se traía a este mesmo pleno a disposición dos terreos para a zona de Pereiro-Pozo, que tamén foran requeridos pola Consellería. “E explique por que non se vai facer o tanque de tormenta”, engadiu Vilaboa, augurando que a Xunta podía paralizar o convenio polo feito de que o Concello tampouco dispoñía dos cartos, 271.000 euros, para esta obra. “Votaremos a favor porque é un traballo do mandato anterior”, afirmou Vilaboa. Outro que non ten avoa…

O tema aprobouse por unanimidade.

Tamén se aprobou por unanimidade a adhesión do Concello a un convenio de colaboración con Tráfico para a cesión dun vehículo para radar.

O 6º punto da orde do día era unha moción de Mar-In sobre a solicitude á Consellería de Medio Ambiente para a dotación dun punto limpo no noso Concello, unha medida que se complementaría coa instalación de composteiros domésticos no rural. Este tema tiña dictame favorable da comisión e ía aprobarse por unanimidade, pero Isabel Martínez Epifanio pediu que quedara sobre a mesa porque consideraba que a parcela municipal “non é a máis axeitada, tendo en conta as curvas de nivel”. Tampouco é en absoluto axeitado o Monte Pornedo para a instalación dun polígono industrial, nun terreo cun forte desnivel, e aí está aprobado no Pxom, coa beizón de todos os grupos municipais. “Grazas ao Bng”, que lle avisou á concelleira de Mar-In que o lugar elixido para o punto limpo era un barranco. Pilar Blanco&Cía non estivo tan espabilada á hora de fixarse nas curvas de nivel do Pornedo; sería porque non tivo a ben pisalo endexamais.

Isabel Martínez propuxo que o Concello fixera xestións coa Consellería para preguntar se esa ubicación era válida. Dende o Psoe, Pazos Lamoso pediu varias alternativas e que se consultara tamén coas comunidades de montes. A de San Xulián estaría encantada de ter un polígono industrial, un punto limpo, un macro-depósito de auga, unha subestación eléctrica, unha empacadora de lixo e unha planta de residuos nucleares se cómpre. Todo con tal de arañar un feixe de euros. Outra cousa é a guerra que dean uns cantos veciños agrupados baixo o lema DEFENDE O MONTE PITUCO, que teñen fama de non entrar polo aro.

Neste punto houbo un amago de debate, dos moitos debates absurdos que se abren no pleno, porque Vilaboa fixo ademán de meter baza sobre a parcela de Urbaser, pero a cousa quedou en nada. Fran Veiga tamén aguilloou para que Vilaboa saíra coa súa, pero María Ramallo apañouse para atallar o lance. Por unanimidade dos grupos, este tema quedou aprazado.


Responses

  1. “Que nos abstengamos no quiere decir que no lo apoyemos”
    (Luz Santiago)
    En fin, calidade política, si señor


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

A %d blogueros les gusta esto: