Mañá ás 20:00 horas na Biblioteca Municipal de Marín proxectarase o documental “Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños: Encrucillada do tempo”. Trátase dun traballo audiovisual que pretende defender e poñer en valor o patrimonio histórico, cultural e medioambiental dunha área xeográfica que abarcan os montes de Salcedo e Lourizán en Pontevedra, e San Xulián en Marín. Nesta última zona, como vimos denunciando nos últimos anos, está proxectada a instalación dun polígono industrial que lle afecta ao Monte Pornedo (ou Pituco), incluido nos Montes do Morrazo, catalogados como Espazo Natural Protexido. Lonxe de preservalo e coidalo como lle correspondería ao rango de protección que se lle deu a través das Normas Subsidiarias e Provinciais de Planeamento; lonxe de velar polos petróglifos e mámoas que se atopan na súa contorna e de proxectalos como recurso turístico e educativo; lonxe de desenvolver para este lugar un plan de explotación forestal respectuoso e sostible, o Goberno local e a Xunta pretenden arrasar con toda esta riqueza, destrozando o medio no que habitan especies de fauna e flora protexidas e privando a veciñanza de seguir abastecéndose dos acuíferos naturais existentes no seu subsolo, cunha obra que provocará un impacto visual brutal irreparable en plena fachada litoral de Marín. E co consentimento da Comunidade de Montes da parroquia, que trala excusa demagóxica da crise e do paro, evidencia un afán de enriquecemento que xa vén de tempo atrás: a liña de alta tensión, a variante…
O sábado 27 realizarase unha andaina polos Sete Camiños que partirá ás 17:00 horas do Monte Pornedo, co obxectivo de gozar do patrimonio rupestre coa luz rasante do solpor, que permite apreciar mellor os gravados na pedra.
Grazas a Queremos Galego Marín por incluir estas actividades no programa das I Xornadas sobre Patrimonio.
Deixar unha resposta