Publicado por: MontePituco | 25/04/2013

IMPRESIÓNS PROPIAS E ALLEAS SOBRE O DOCUMENTAL DOS SETE CAMIÑOS

Vista do Monte Pornedo e da ría.

Faga sol ou chova, este sábado ás 17:00 horas participaremos na andaina polo Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños que organiza Queremos Galego Marín no marco das I Xornadas sobre Patrimonio.

Hoxe falouse da teoría, coa presentación do documental “Espazo Sete Camiños: encrucillada do tempo”, con guión e dirección de Lukas Santiago e Rafa Quintía. Dos motivos polos que un grupo de persoas de procedencia e formación académica dispar se xuntaron hai tres anos para botar a andar esta iniciativa: a abundancia de petróglifos e mámoas -e outros que se foron descubrindo nos últimos meses a base de percorrer o monte- nunha área tan reducida entre as parroquias de San Xulián, Salcedo e Lourizán, a existencia de vestixios de interese etnográfico -antigas canteiras, pías, refuxios, valados, penedos zoomorfos- e lendas asociadas a eses enclaves, unha situación xeográfica privilexiada e a localización de varios miradoiros naturais que permiten gozar dunhas vistas e dunha paisaxe espléndida…

A estas razóns obxectivas cabía sumar que a conservación deste espazo corría serio perigo ante unha serie de ameazas: a franxa de seguridade da Brilat é unha pantasma que, tres anos despois, disipouse pola presión veciñal, por máis que a Comunidade de Montes de Salcedo vén de recuperar nos tribunais a titularidade dos terreos. Sen embargo, queda a incertidume sobre o impacto que poida ter o trazado dunha estrada que pretende comunicar a base militar coa variante de Marín.

Pero é o proxecto de construcción dun polígono industrial no Monte Pornedo, recollido no planeamento urbanístico, o principal atranco para que o Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños poida ser unha realidade en toda a súa extensión.

Moito lles proe a certos cargos políticos que se critique publicamente a intención manifestada polo anterior goberno municipal de desafectar o Monte Pornedo do Espazo Natural Protexido dos Montes do Morrazo con argumentos tan ruíns como que o Pornedo xa foi agredido coa construcción da variante ou coa instalación da liña de alta tensión que atravesa preto de Sete Camiños. E teñen máis que dicir, xustificando o inxustificable: que como a Xunta do PP rexeitou micropolígonos como o da Brea, nalgures se tivo que ubicar o solo empresarial, a pesar dos inconvintes ambientais.

…Volver remexer nun pasado que puido ter sido pero que non foi, simplificar ata extremos ridículos un problema de xestión urbanística que vén de tan longo e, por riba, apuntarse agora ao carro do interese polo patrimonio cultural cando, no seu día, eses mesmos cargos políticos rexeitaron apoiar o proxecto do Espazo Sete Camiños, é unha manobra cargada de hipocresía e, se pretenden lavar así a súa imaxe e a súa mala conciencia, están errados. Benvidos sexan, en todo caso, aínda que sexa tarde, mal e a rastro. O tempo dirá se ese interese repentino polo patrimonio antano desprezado é real ou ficticio, se existe un compromiso verdadeiro ou non é máis que unha pose para a galería.

Que somos un fato de románticos empedernidos e de bágoa fácil ante unha simple posta de sol? Que o proxecto do Espazo Sete Camiños vence pero non convence? Que son argumentos moi respectables mais non abondo consistentes?

Son tan rotundos e aplastantes como que os petroglifos inscritos no ámbito deste proxecto son Bens de Interese Cultural cun rango de protección equiparable ao da catedral de Santiago. Non cabe ningunha xustificación máis convincente que a de respectar escrupulosamente a figura de protección ambiental contemplada nas Normas Subsidiarias e Provinciais de Planeamento para boa parte da zona que abarca o Espazo Sete Camiños; o contrario é vulnerar as normas de xogo para que prevalezan os intereses especulativos e políticos, esmagando os dereitos dunha serie de colectivos que, aínda que non representen á maioría da sociedade, defenden unha causa xusta.

E son unha vintena as entidades sociais e culturais da contorna que se adheriron ao proxecto porque entenden que nos montes de San Xulián, Salcedo e Lourizán hai unha riqueza histórica, cultural e natural -e cun potencial económico- que merece ser defendida de posibles destrozos no futuro, e conservada en beneficio das xeracións vindeiras.

Que diferenza hai entre admirar un gravado rupestre de 3000 anos de antigüidade e non pasar de ver unha simple pedra? Que diferenza hai entre referirse a un lugar polo seu nome tradicional -Pornedo, Sete Camiños, Catadoiro, Champás, Pedra do Sapo…- e descoñecer a súa denominación? Que diferenza hai entre contemplar un solpor rodeados de natureza e aire limpo, ou decantarse por un mazacote de formigón en plena fachada da ría?

Cuestión de sensibilidade, de cultura e de educación. Porque non sempre han mandar os números, nin os euros. Porque non todo vale.


Responses

  1. “…que como a Xunta do PP rexeitou micropolígonos como o da Brea, nalgures se tivo que ubicar o solo empresarial, a pesar dos inconvintes ambientais…”

    Esta afirmación do BNG non é certa.
    O BNG mais o PSOE tiñan proxectados CINCO micropolígonos: A Brea, Vista Alegre, Monte Pituco, Casás e Pardavila.
    O proxecto que tiñan era facer os cinco.
    Que non veñan agora con que deixaron Monte Pituco porque a Xunta rechazou a Brea. Esas son manipulacións para tratar de recuperar a credibilidade perdida. Mal andan estes sinvergonzas.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: