Publicado por: MontePituco | 16/04/2013

REUNIÓN EN SAN XULIÁN SOBRE O TRAZADO DE ACUANORTE

A xuntanza organizada na Casa de Montes de San Xulián pola Plataforma de Macenlle e a Asociación de Veciños de Pardavila, coa asistencia da alcaldesa e varios concelleiros, para explicar as medidas adoptadas polo Goberno local sobre o trazado da rede de abastecemento de auga proxectado por Acuanorte, resultou moi concurrida. Son moitos os veciños e veciñas afectados, xa que os técnicos, como afirmou Lucinda Montenegro no turno de intervencións do público, “atravesaron as fincas pola brava”.

María Ramallo comezou explicando que o Concello de Marín “alegou a todo o proxecto”e que a alegación presentada “está en boas mans, foi aceptada e tida en conta por Acuanorte”. Que os técnicos van desprazarse ata San Xulián “en dúas ou tres semanas para explicar o novo trazado e as afeccións”. Que esa nova xuntanza sería “antes do 5 de maio”, cando remata o prazo de presentación de alegacións. Que en calquera caso o proxecto vaise someter novamente a exposición pública porque o trazado actualmente exposto “non se vai levar a cabo”. E que tamén se poderán presentar alegacións a ese segundo trazado alternativo ao actual.

Ante a pregunta de por que non se retiraba o proxecto, se resultaba tan perxudicial e se contaba coa oposición do Concello, a alcaldesa explicou que o trazado “afecta a tres concellos: Marín, Pontevedra e Vilaboa”, e que nestes dous últimos tamén se están recollendo alegacións. Aínda que se amosou comprensiva co “nerviosismo da xente”, María Ramallo quixo trasladarlle aos habitantes de San Xulián “total tranquilidade”, argumentando que o Concello pediulle a Acuanorte que se estude un novo trazado que faga “o menor dano posible” e que discurra “preferentemente” por viais “xa existentes” de titularidade municipal, provincial, autonómica ou que discurra polas vías de servizo da circunvalación.

En teoría, segundo a alcaldesa, os técnicos xa están “estudando os custes de reposición e as posibles afeccións” do novo proxecto para levar a cabo unha obra que calificou de “importante”, tendo en conta a “dependencia” de Marín con respecto da auga que se nos fornece dende o río Lérez. Que máis do 63% do consumo de auga que se realiza neste municipio subminístrase dende o Lérez. E que o proxecto contempla a construcción dun novo depósito en Cadrelo e a mellora do depósito das Pedreiras. E que se trata dunha obra “a longo prazo” que se vai financiar con fondos europeos “ata 2015”.

O que non soubo explicar a alcaldesa é por que os técnicos de Acuanorte elaboraron un proxecto que “non tivo en conta o novo PXOM” que entrou en vigor o 1 de novembro de 2012, e que lle confire a moitas propiedades unha catalogación diferente que lles vai “valer moito máis do que valían antes”, algo que tamén incrementaría os custes que habería que aboar polas expropiacións.

Logo desta explicación abriuse un turno de preguntas.

Unha veciña queixouse de que a plataforma de afectados de San Xulián e Santomé foran ao Concello para interesarse por esta cuestión, que a alcaldesa non os recibira e que tiveran que facer presión para ser atendidos. Tamén criticou por que o Concello se subscribía a Acuanorte se non estaba de acordo co trazado. E preguntou por que o Concello non explicara nunha nota pública o seu rexeitamento ao itinerario do proxecto.

María Ramallo contestoulle que este colectivo de veciños solicitara unha reunión na que estiveran presentes os técnicos de Acuanorte, que se atopan nas sedes da entidade en Oviedo e Valladolid, pero que estes mesmos ían contestarlle directamente á plataforma de afectados para aclarar as dúbidas. A alcaldesa tamén explicou que o Goberno local xa “antes de Semana Santa” se pronunciara a través dos medios de comunicación para posicionarse “en contra” dese trazado. Pero que tratábase dun plan “positivo de cara ao futuro”, non só para Marín, senón tamén para Sanxenxo, Poio, Pontevedra e Vilaboa, que se adheriran ao convencio.

“Aínda que hai mananciais e subministros propios”, sinalou a alcaldesa, “o porto ten unha maior dimensión empresarial e industrial”. A iso uniríase a perspectiva de desenvolvemento do PXOM e unha maior actividade na construcción de novas vivendas. Por iso apostou por aproveitar o que considera unha “oportunidade”: a Unión Europea financia o 70% da obra e os concellos asumen o 30% restante en proporción ao custe das obras que lles corresponden.

Outra veciña protestou porque o proxecto contemplaba un novo depósito moi preto da súa casa, ao carón da cal xa hai outro depósito que no seu día xa recibira moitas sinaturas en contra. “Se algún día hai algunha desgraza hai moitas casas ao redor, que o leven ao medio do monte, onde haxa menos afectados, sobra monte, que non fagan o tanque no medio das casas”, comentou esta afectada. “Somos catro, pero pagamos igual que os demais o recibo do lixo e outros impostos”. “Pero soamente somos catro votos”, engadiu a continuación otro veciño.

María Ramallo contestoulle que os técnicos de Acuanorte van “explorar todas as posibilidades” e que “estudarán dende o punto de vista técnico onde é posible” instalar o depósito. Aínda así, matizou que “hai outros depósitos en zonas poboadas” e xustificou que “a auga é caprichosa” porque a ubicación dos tanques depende das cotas de altura.

“É como ter unha central nuclear á porta da casa”, replicoulle a veciña, insistindo en demandar un lugar “menos poboado, con menos risco e máis lonxe das casas”.

“Nós non temos ningún capricho”, dixo a alcaldesa sobre a localización dese depósito, “pero que sirva para o que se quere facer”.

Seguidamente falou Daniel Rosales, presidente da Comunidade de Montes de Santomé, que se amosou sorprendido polo feito de que o PXOM recentemente aprobado “non contemplaba o abastecemento de auga”. Tamén cuestionou o trazado elixido polos técnicos que, en vez de discurrir a carón de estradas, “porque é máis caro”, atravesaron fincas privadas. Pero na súa intervención foi máis aló, ao afirmar que a participación de Marín en Acuanorte “vainos ter hipotecados moitos anos para pagar a subvención europea.

María Ramallo captou que as críticas de Daniel Rosales tiñan máis carga política que outra cousa e así o fixo ver na súa réplica: “Comprendo que non todo o mundo estea de acordo”, sinalou a alcaldesa, insistindo novalente en que o Concello na súa alegación plasmara a súa disconformidade “contra o proxecto enteiro, os eixes 6 e 7 que afectan a Marín”. Que adminsitrativamente non era doado retirar o proxecto completo, pero que os técnicos de Acuanorte xa iniciaran a redacción dun novo proxecto. “Non hai outra alternativa para darlle auga a Marín que non sexa o Lérez”, engadiu María Ramallo.

Esa seguinte afirmación deulle pé ao presidente dos comuneiros de Santomé para afondar máis no debate: “Si que a hai, pero non a queren buscar”, contestoulle Rosales, que asegurou que do Monte Xaxán baixan 13 litros e medio por segundo para a Escola Naval”, unha cantidade que “abastecería a todo Marín”.

Entre Rosales e Ramallo estableceuse unha dialéctica semellante aos debates nos que se enzarza a alcaldesa cos concelleiros do BNG nos plenos: “A Escola Naval ten o seu consumo de auga”, apuntou María Ramallo”. “A Escola Naval xa lle cede a Marín máis de 500 toneladas diarias e o resto vai ao mar”, retrucou Daniel Rosales, reiterando que “se a auga vén de arriba para abaixo, só hai que canalizala”.

Rosales pediulle á alcaldesa unha alternativa, argumentando “que sabe unha empresa de Valladolid o que hai aquí”. Para o presidente dos comuneiros de Santomé o que habería que facer é “coller a auga do monte, facer un depósito no monte e abastecer os veciños en vez de fastidiar milleiros de fincas”.

Entre el e mais María Ramallo entablouse unha discusión que por veces era de “besugos”: un dícía que o proxecto de Acuanorte non valía e había que “tiralo abaixo”, e a outra contestaba que, efectivamente, os técnicos “xa están facendo un proxecto novo”. E cando xa non lle daba a cabeza para máis argumentos, Rosales acabou dicindo que co trazado de Acuanorte ía pasar como coa liña de alta tensión ou como o proxecto do parque eólico de Pedras Negras, que a pesar das alegacións, íase facer igual. “Eu comprendo que non lle sirvan as miñas explicacións, nin o proxecto nin nada”, respostoulle a alcaldesa dándoo por imposible.

A partir de aí as preguntas empezaron a repetirse e a xuntanza foise volvendo cada vez máis tediosa a improdutiva. Outra persoa volveu comentar que “se tendo auga en Marín, a obra non era necesaria, por que se embarcaba o Concello en semellante préstamo” cos fondos europeos. María Ramallo respostou que “semellante obra” tiña como obxectivo “dar garantías á auga de todo Marín”, que era preciso dotar o Concello dun “anel circular” para o abastecemento porque o colector da Avenida de Ourense tiña moitos anos, sufría avarías e sufría perdas. Que “a dependencia” da auga procedente do Lérez era “cada vez maior e que Marín non podía quedar “descolgado” do proxecto de Acuanorte.

Otro veciño queixouse de que o Concello tiña fincas ocupadas con depósitos que non se usaban mentres había moita auga “tirada polo monte”.

E entón tomou a palabra Esther Crespo. A concelleira do BNG, que nos plenos da Corporación non abre a boca, que semella estar de corpo presente e alma ausente, nada máis que para erguer e baixar o brazo cando toca, que endexamais intervén no apartado de rogos e preguntas sequera para plantexar a demanda dun servizo para a parroquia na que vive ou para alertar dalgunha deficiencia, que as hai. Por uns minutos pensou Esther Crespo que a Casa de Montes era o Salón de Sesións do Concello e aspirou a gañar uns puntos frente a María Ramallo, xogando “na casa”. Total, para dicir, que? Que o Concello ten auga, que a Escola Naval non ten a xente que tiña antano para xustificar o actual nivel de consumo, que os técnicos van “ao cómodo” e que tiñan que buscar unha “solución mellor”, que había “moita xente afectada sen necesidade” e que o PXOM “xa se aprobara antes de presentarse o proxecto de Acuanorte”. Para tal camiño non facían falta alforxas e máis lle valía á concelleira do Bng ter seguido no letargo que a caracteriza a nivel municipal.

Otro veciño comentou que “a mediados do ano pasado” uns técnicos estiveran facendo “probas na terra”. María Ramallo atribuiu eses traballos a unha empresa que fora contratada por Acuanorte cando no ano 2010 se comezaron a facer o que denominou “estudos técnicos de base”.

Lucinda Montenegro, da Asociación de Veciños de San Xulián, foi a máis práctica de todos cantos falaron: “Como pode presentar Acuanorte un proxecto sen contar con que o PXOM está aprobado, así xa se empeza mal”. María Ramallo non atinou máis que a dicirlle que malia que xa levaban tempo traballando no proxecto, o caso é que “non tiveron coñecemento do plan”. Lucinda tamén pediu, con bo criterio, que algún técnico municipal intermedie cos de Acuanorte para advertilos de posibles deficiencias do novo proxecto que supostamente se estea elaborando, tendo en conta que o trazado inicial “crúzase” coa antiga tubaría da rede de abastecemento existente. E queixouse moi atinadamente de que a lista de afectados que se publicou “mesturaba” afectados duns lugares e doutros, e que omitía nomes de persoas que sobre o mapa están afectadas a pesar de que non figuran na relación publicada. A alcaldesa contestou que “co novo trazado volverase abrir otro prazo para poder alegar con anticipación”.

Outoro veciño volveu repetir o argumento de que “hai lugares máis adecuados onde facer o depósito, que no monte comunal hai espazo suficiente” e pediulle a María Ramallo “que se molle” para conseguir unha alternativa “coa que todos esteamos contentos perxudicando o menos posible”. Este afectado insistiu en que a alcaldesa “presione para que leven o depósito á parte de arriba” porque na parte de abaixo “afea a paisaxe e rebaixa o valor das fincas”..

Outro veciño amosouse partidario de que, con cota ou sen cota, que se fixera todo polo monte, “que para iso hai bombas”.

E xa no treito final da reunión informativa, volveu interviu Daniel Rosales, que leu un fragmento do BOE no que se xustificaban as obras de xeito que a rede de subministro de auga tiña como obxectivo satisfacer “as cotas máis altas que non poden acceder aos depósitos existentes”, un documento no que tamén se aludía a que neses núcleos rurais a poboación surtíase de mananciais nos que podía darse “un problema pola falta de seguridade na calidade das augas”. Na súa argumentación para reiterar a súa oposición á adhesión de Marín ao convenio de Acuanorte, o presidente da Comunidade de Montes de Santomé expuxo que se o porto precisaba auga, que lla cedera a empresa Ence. Tamén reivindicou a elaboración dun estudo para “recuperar a auga dos montes e dar servizo así á poboación do rural”.

María Ramallo replicou que esta obra non se realizaba “polo porto, senón en xeral”. Pero Rosales seguía insistindo en que lugares como Santomé seguían “sen auga” e por iso a “alternativa” que reclamaba consistía en “recoller a auga do monte, abastecer con ella o rural e que o sobrante vaia para Marín”. A alcaldesa lanzoulle unha directa-indirecta comentando que “foi unha pena que cando houbo diñeiro o concello non arranxara os depósitos que había”, nunha clara alusión ao bipartito, e emprazou o presidente dos comuneiros de Santomé a expoñerlle as súas alternativas aos técnicos de Acuanorte cando se despracen a San Xulián para expoñer o novo trazado da rede.

Unha veciña preguntou por que o Concello de Marín non elaboraba un estudo con técnicos municipais en vez de someterse ao dictame duns técnicos de Valladolid. María Ramallo explicou que no ano 2008 elaborárase un “estudo básico” que xa daquela apuntaba a unha solución nos termos que se plantexaban as obras de Acuanorte. “Non somos quen de servir a toda a poboación cos depósitos, e menos no verán”, recalcou a alcaldesa. “Hai que ir a un sistema de cara ao futuro, pensando en que os núcleos se desenvolvan e haxa máis turismo”.

Por último, tomou a palabra a voceira dos colectivos veciñais que organizaron a reunión para agradecer a asistencia e as explicacións da alcaldesa, que agora non se trataba de buscar culpables sobre por que non se adoptaron medidas no pasado, para xustificar a adhesión do Concello ao convenio de Acuanorte argumentando que “ahora non se pode sacar diñeiro de onde non o hai” e que por iso conviña acollerse á subvención europea, e para anunciar que se presentarían alegacións, ben a título colectivo das plataformas de afectados ou ben a título particular.

…En resume? Hai plataformas e plataformas: unhas para darlle caña ao Concello e outras para apaciguar o ambiente cando -nunca mellor dito- as augas andan axitadas. Neste caso, que ninguén se leve a engano, a asemblea veciñal non tiña otro obxectivo que intentar calmar os ánimos da xente. Outra cousa é que houbera veciños e veciñas que aproveitaran a ocasión para “pillar” e para deixar en mal lugar a quen dirixe o Goberno local. Pero María Ramallo ten moitas táboas e aínda que sexa subida a un tablón é capaz de navegar no medio dun temporal: con respostas que din o mesmo unha e outra vez aínda que sexa con diferentes palabras, con argumentos pseudo-técnicos sacados da manga ou da lóxica que lle serven para tapar un roto cun descosido, e cunha actuación que aínda que non convenza a unha minoría crítica ben vale para transmitir unha imaxe dialogante que lle satisfai a unha maioría conformista e maleable.

O caso é que a adhesión de Marín ao convenio de Acuanorte é unha decisión política, e punto. Que non hai volta atrás por moito que unha veciña suxira inxenuamente que a subvención europea se destine a facer un estudo exhaustivo das necesidades do consumo de auga en Marín. Está decidido e non hai máis volta que darlle porque o PP de Marín goberna con maioría absoluta.

A anunciada reunión cos técnicos de Acuanorte fainos lembrar a presentación do PXOM polas parroquias, vendido como un éxito do PP, igual que agora ese suposto novo trazado se vende tamén como un logo do grupo de Goberno. Ao igual que os de Acuarnorte, cuxa sede central está en Valladolid, aínda que teña delegacións en Oviedo e Vigo, a empresa que elaborou o adefesio de PXOM tampouco é galega. Ao igual que o PXOM, que se aprobou porque si, porque había que aprobalo polo civil ou polo criminal, o trazado de Acuanorte tamén se vai aprobar, vaia campo a través ou vaia a carón de estradas.

Non son realistas os comentarios dos que piden que o dano sexa “o menor posible”, porque dano vai haber sempre e resulta inevitable que alguén non resulte afectado. Por iso non deixa de ser paradóxico o caso deses poucos veciños que se queixan de que o depósito está preto das súas casas. Eles son a proba de que, aínda sendo poucos, son afectados, cos mesmos dereitos que os demais a que se teñan en conta as súas demandas.

Por iso as reivindicacións de DEFENDE O MONTE PITUCO en contra do polígono industrial contemplado no PXOM son tan lexítimas como as desa suposta maioría que reclaman a súa construcción. E para dirimir ese choque non queda otro argumento que o sentido común, os criterios técnicos e a lexislación sempre na man. Porque, como se ten repetido nesta páxina, se ter un depósito de auga ao carón da casa é como ter unha central nuclear, construir un polígono industrial no Monte Pituco é como cimentar as dunas de Corrubedo: unha agresión inxustificable dende calquera punto de vista racional e legal.

Por outra banda, non todo o monte é ourego. Moitos veciños argumentaron que a auga corría polo monte abaixo, desperdiciada. E que calquera lugar do monte sería óptimo para instalar un depósito: craso erro. Por falta de sensibilidade, formación ou educación, hai certa tendencia a considerar o monte como a escombreira de todo o que sobra ou que molesta: velaí os verquidos ilegais de lixo. Se, como dixo un veciño, un depósito “afea a paisaxe” no medio das casas, dependendo de onde se instale un tanque desas características no monte tamén pode causar un impacto igual ou mesmo maior a nivel paisaxístico e visual.

E que pasa cos mananciais naturais que actualmente abastecen os habitantes do rural? Traídas de augas comunitarias, como as que abastecen os veciños de Pena e Caeiro, A Laxe e O Casal? Algúns deles teñen unha antigüidade documentada que se remonta ao século XIX, como se demostrou con algúns dos que están catalogados e mesmo perfectamente legalizados ante o organismo Augas de Galicia, coas súas comunidades de propietarios/usuarios/regantes. É obrigatorio respectar de xeito escrupuloso eses mananciais, garantir a súa pervivencia para non privar do servizo que prestan ás familias que se abastecen deles.

Unha pervivencia que, por suposto, se puxo en perigo cando se construiu a Variante de Marín a causa das sucesivas detonacións que practicaron os operarios con cargas de dinamita para modificar a orografía do terreo. Unha pervivencia que se volverá poñer en perigo se cómpre volver obrar nas vías de servizo que discurren paralelas á circunvalación. Unha pervivencia que, no caso de construirse o polígono industrial, vai significar que eses mananciais van ser directamente arrasados.

O novo look da área arborada a carón do Monte Pituco e da estrada de Figueirido.

DEFENDE O MONTE PITUCO vai presentar alegacións ao trazado proposto por Acuanorte.

…Por unha razón da que non se falou en ningures pero que foi recoñecida no ámbito do Goberno local. A canalización entra no termo municipal marinense procedente do concello veciño de Pontevedra e, dende as inmediacións do Monte Pituco, diríxese cara ás Pedreiras e cara á zona de Pardavila. Pero o proxecto contempla un pequeño ramal que sube por un trozo de monte, a carón da estrada, en fronte da área arborada que hai antes de acceder ao Monte Pituco pola pista forestal. Nese pequeño anaco de monte, entre a estrada de Figueirido e a pista, os técnicos de Acuanorte pintaron no mapa unha liña ascendente que se interrompe. Con que función? Supostamente, abastecer o hipotético polígono industrial que se proxecta no PXOM cos construcción dun depósito que ocuparía algún punto desa contorna.

…Un polígono e un PXOM que están recurridos. Un depósito que pode non ter xustificación no actual contexto de crise económica cando o conflicto polo desenvolvemento do solo industrial aínda non se dirimiu. A previsión dese ramal na rede de abastecemento é un abuso e unha ofensa ao dereito duns veciños a loitar por unha causa -a defensa dun monte comunal protexido- que cremos xusta e fundamentada.

DEFENDE O MONTE PITUCO alegará ao proxecto de Acuanorte antes do 5 de maio e volverá alegar no segundo periodo de exposición se non se suprime ese ramal e se non se desbota a posibilidade de instalar un depósito no Monte Pituco para abastecer o cuestionado polígono industrial.

Cartel prohibindo verter lixo, no acceso ao Monte Pornedo dende a estrada en dirección Figueirido/San Xulián.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: