Publicado por: MontePituco | 15/04/2013

‘PAXAREANDO’ POLO GAFOS CON VAIPOLORÍO

Andaina ornitolóxica polo río Gafos organizada por Vaipolorío.

Chegamos á Ponte da Condesa, en Tomeza, nunha mañá luminosa e primaveral. Vaipolorío organizaba unha andaina polo Gafos para observar a avifauna deste río, para aprender a identificar o canto dos paxaros que habitan neste ecosistema privilexiado, con dous guías de excepción, Víctor Cabaleiro, biólogo e membro do Grupo de Anelamento Anduriña, autor de senllas guías de aves e de anfibios pertencentes ao Espazo Natural de Interés Local da Xunqueira de Alba, e Ramón Sineiro, do Grupo Naturalista Hábitat, que catalogou para Vaipolorío as aves que habitan no contorno do Río Gafos e que tamén colaborou no documental “Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños: encrucillada do tempo”.

Andaina ornitolóxica polo río Gafos organizada por Vaipolorío.

Ata 26 especies de aves se puideron distinguir ao longo do paseo, que discurriu por espazos de topónimos tan suxerente como As Brañas, a Poza da Moura ou a canle do Muíño de Cabanas. Pero neste territorio fluvial hai uns 80 tipos de paxaros distintos. Entre as pólas das árbores, voando polas copas dos ameneiros ou cruzando o ceo, atopamos o xirín, o ferreiriño, o carrizo, o pimpín, o tordo, a pomba torcaz, o corvo pequeno, o paporrubio ou a papuxa das amoras emitindo ese característico tac-tac como canto de alarma.

Tamén puidemos admirar a vitalidade do río en toda a súa extensión: as augas que aínda non flúen con nitidez abondo polas enchentas dos últimos días de chuvia, a fauna de insectos e de anfibios que habitan na ribeira e nas charcas, entre os que non faltaron bolboretas, cabaliños do demo ou crías de ra patilonga. E a flora, da que son maxestuosos exemplos o loureiro, o estripeiro ou o carballo.

Fauna insectívora do río Gafos.

Caisa-niño instalada por Vaipolorío na ribeira do Gafos.

As raíces dun robusto carballo na ribeira do Gafos.

Sinalización no itinerario do río Gafos.

Treito do río Gafos.

Unhas trinta persoas participaron nesta interesante iniciativa que cómpre repetir para seguir descubrindo o Gafos nas súas facetas diversas: a súa función ecolóxica, a súa biodiversidade, o valor etnográfico das súas pontes e muíños, a importancia do patrimonio inmaterial dos topónimos e das historias que foron xurdindo dende tempo ben antigo.

E a pesar das agresións dos que foi vítima o río -as obras do AVE, as arquetas que aínda rebordan de cando en vez, os verquidos de fecais esporádicos- e das ameazas -o parque loxístico- que preocupan a quen leva tanto tempo traballando a prol da súa recuperación, o Gafos ten a sorte de contar cun equipo de valedores que para si querería o Pituco, sobre o que tamén pesa a lousa dun aberrante proxecto de polígono industrial.

Grazas a esta visita ornitolóxica aprendemos a ollar a natureza non só coa vista, senón tamén co oído. A buscar o chío das rapaces que sobrevoan este monte, a reparar no peto que -máis que voar- deslízase polo aire. E a descubrir que as silveiras e as toxeiras non son maleza, senón “bueneza”: eses lugares case inaccesibles, cheos de pinchos, raíces e tallos que se entrelazan uns cos outros formando unha tupida rede están cheos de vida, porque é onde aniñan as aves, ou onde procuran o seu sustento… Biotopos que non deben desaparecer baixo as hélices da desbrozadora.

Andaina ornitolóxica polo río Gafos con Vaipolorío.

Cartel na Ponte da Condesa, en Tomeza.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

A %d blogueros les gusta esto: