Ás veces cómpre ver máis aló do Pituco. Cambiar de rumbo e, en vez de guiar os pasos monte arriba, cómpre dirixirse monte abaixo. Porque moito do que acontece no Pituco, ten repercusións no val, nas veigas da Curxeira e de Vilafíns. Se chove moito, a auga alimenta o regato -río, segundo o PXOM de Marín- do Pornedo: a vexetación nota ese aporte hídrico, e máis aínda na primavera. A carballeira da Curxeira é un espazo húmido, de terra escura, no que medra unha abondosa flora silvestre e, ao abeiro desta natureza, insectos, paxaros, coellos e seguramente algún raposo habitan nos tobos construidos baixo as raíces e as oquedades das pedras.
Mais toda esta biodiversidade vería comprometida a súa conservación se prospera o proxecto de instalación dun polígono industrial no Monte Pituco: esa infraestrutura arrasará cos abundantes mananciais naturais que hai no subsolo. Uns fornecen de auga para consumo doméstico aos habitantes da Pena, do Caeiro, da Laxe, do Casal. Outros abastecen as veigas de regadío da Curxeira, Vilafíns, A Bouza… Na medida en que eses recursos hídricos mermarían moito, ou desaparecerían, toda a flora e a fauna deses espazos naturais padecería graves repercusións.
…Campos de herba, viñedos. Aínda que hai familias cuxa supervivencia non depende necesariamente do aproveitamento desas fincas -no século pasado probablemente significarían moito-, é indubidable que no seu mantemento destínanse recursos económicos e esforzo físico. E nun tempo de crise como o actual, é obvio que o campo -a través dos cultivos- e o monte -a través da colleita de toxo ou leña- contribúen a unha maior estabilidade da vida doméstica. Había tempo que non se vían as leiras traballadas e os montes pelados. Mais ante promesas ilusorias de postos de traballo na industria asociada a un hipotético polígono (que na práctica será un ermo), os parroquianos non valoran o medio de vida tradicional dos nosos -non tan lonxanos- antergos.
Habería que ser de pedra e ter a sensibilidade dunha estruga para non apreciar a beleza deste contorno enxebre, verde, fresco e cambiante: onde tanto conviven as primeiras flores da nova tempada coas follas encarnadas do outono; onde atoparemos vestixios etnográficos, dende muros de pedra ata vellas espaldeiras de viña; onde aínda sexa posible rescatar algunha lenda antiga que contaran os vellos do lugar de camiño ao mercado por esas corredoiras.
Se o polígono destroza o Monte Pituco, o efecto dominó destructivo avanzará tamén cara á Curxeira e Vilafíns: a auga deixará de baixar polo surco do regato actual ou, se baixa, non será cristalina, senón contaminada de lodo. En ningures hai polígonos limpos. Outra cousa é pecar de inxenuos ou deixarse comprar pola cobiza…
…Hai alguén na casa?
…As cores da primavera conviven coas reminiscencias do pasado outono.
…As veigas e as viñas da Curxeira.
Déitome na terra
e sobe por min a súa esencia,
a lene caricia do aire,
o olor da herba fresca.
Circúlanme regatos,
abrollan transparentes
fontenlas dos meus ollos.
Xorden da frente menceres luminosos.
Déitome na terra e alentan
humildes margaridas.
Canta un grilo ledo na miña man,
escoito a sinfonía mineral
dos seres diminutos,
a sístole do mundo.
Acougan no meu corazón as andoriñas.
Déitome na terra
e interpreto o seu poderoso signo.
Abandónome á súa querencia.
Intégrome nela.
(Xulio L. Valcárcel)
Grazas por agasallarnos con tanta beleza… magoa que algún prefiran o gris formigón!!!
By: Arben on 02/04/2013
at 19:53
ë a nosa vida””
By: Pitu on 02/04/2013
at 20:24
É unha beleza humilde, como as cousas realmente importantes da vida. Outros, por desgraza, prefiren o “relumbre” que lle ven a unha conta bancaria con moitos ceros.
By: MontePituco on 02/04/2013
at 21:47