Publicado por: MontePituco | 30/03/2013

CABALOS CON PEXAS: AGORA A XUNTA ACTÚA

Video gravado o 9 de decembro de 2012 no Alto do Pornedo.

…Pasar á acción. Iso é o que fixo a Administración autonómica estes días ao actuar contra os propietarios de cabalos que tiñan impedidos con trancas e cadeas nas patas. Son moitas as queixas que se teñen formulado a través de DEFENDE O MONTE PITUCO sobre a presenza de cabalos con pexas e coas patas atadas con cordas de apenas unha cuarta de lonxitude. Abundan tamén os casos denunciados no contorno da lagoa de Castiñeiras. Cómpre lembrar a todas as persoas que lean este artigo e que sexan sensibles contra o maltrato animal, que existe unha iniciativa a través da plataforma virtual Change.org impulsada pola Asociación Libera e a Fundación Franz Weber para tratar de erradicar esta lacra. Xa se recolleron 33.000 sinaturas, pero cómpre sumar 11.900 adhesións máis. Colabora!

A continuación, a nota informativa oficial, tomada da páxina web da Xunta de Galicia: “Axentes da Policía Autonómica de Lugo liberan a sete cabalos inmobilizados con “trancas” nos montes de Abadín e Mondoñedo“.

Lugo, 30 de marzo de 2013.- Axentes da Policía Autonómica de Lugo liberaron a sete cabalos inmobilizados con “trancas” nos montes de Abadín e Mondoñedo e abriron un expediente sancionador contra os seus propietarios por maltrato animal.

A normativa legal esixe aos coidadores que non se ocasionen aos animais dores, sufrimentos e danos inútiles, e fixa sancións para aqueles que o fagan que poden chegar aos 6.000 euros.

As trancas son pezas de madeira alongadas cunha lonxitude que oscila entre os cincuenta centímetros e o metro de longo, cunha abertura nun dos extremos creada para introducir nela un dos pezuños dianteiros do animal. Unha vez feito isto, péchase a abertura cun pasador deixando presa a pata do cabalo.

Ademais deste tipo de tranca, algúns dos equinos liberados pola Policía Autonómica tiñan unha cadea de 80 centímetros de longo e argolas duns 10 centímetros -das que se utilizan nas máquinas rozadoras- colocada nunha das patas dianteiras.

Estes dispositivos utilízanse, principalmente, para impedir que os cabalos escapen e para telos localizados permanentemente e representan un claro exemplo de maltrato animal, xa que ademais de causarlles dor e sufrimento, dificulta a súa mobilidade.

As trancas poden causar graves danos físicos, como chagas, úlceras, deformacións ou coxeiras irreversibles. Ademais, deixan aos cabalos nunha situación de total indefensión ante o ataque de depredadores ou en caso de ter que fuxir dun incendio forestal. Tamén supoñen un perigo cando o animal invade unha estrada; tanto para el como para os condutores.

O verdadeiro problema para acabar con esta práctica de maltrato animal é a localización dos propietarios dos cabalos, que resulta cada vez máis difícil. O auténtico talón de Aquiles deste tipo de investigacións é que o cen por cen dos equinos que teñen colocados estes dispositivos están sen identificar co correspondente microchip.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: