Publicado por: MontePituco | 28/03/2013

NOVO ANUARIO DA SAGA

Anuario Fol de Veleno 2013

A Sociedade Antropolóxica Galega vén de publicar o seu Anuario Fol de Veleno 2013: 200 páxinas e 16 interesantes artigos de temática variada, dende arqueoloxía e historia, ata antropoloxía e estudos literarios.

Ao longo dos vindeiros días irá chegando as librarías galegas, nas que se poderá adquirir por 10 euros. Malia que este novo anuario contén 70 páxinas máis que a edición anterior e que o coste de produción foi maior, a SAGA decidiu manter o prezo de venda ao público debido á crise económica.

Para o presidente da SAGA, Rafael Quintía, corren “malos tempos para a cultura, entendida no seu senso de creación artística, intelectual e científica” e, por extensión, son malos tempos tamén “para o coñecemento, a investigación histórica e antropolóxica”. Aínda así, e a pesar da falta de recursos e apoios, a SAGA seguirá “insistindo en achegar un pouco de esperanza e luz no tempo e na terra da barbarie”, como apunta Rafael Quintía no editorial do Anuario Fol de Veleno 2013.

No apartado de antropoloxía, Xabier Moure abre a rolda de artigos cun estudo sobre as lendas e tradicións que rodean a morte nos Ancares. Tamén sobre a morte, Rafael Quintía documenta como se realizaba o pago dos enterros na zona de Mesía. Miguel Losada formula algunhas hipóteses sobre o posible comercio de madeira de teixo dende Galicia cara ao Atlántico Norte na antigüidade. José Luis Cardero analiza o simbolismo das rodas de lume e dos círculos máxicos.

Pola súa parte, Joám Evans Pim escribe encol do concepto de saudade, mentres que André Peña asina un artigo sobre a etnografía galega como rexistro arqueolóxico non intervencionista. Esta sección tamén inclúe senllos traballos sobre chamanismo en Siberia e sobre os costumes dos indíxenas tarahumaras de México, por Carmen Arnau e Carlos Víctor Rodríguez, respectivamente.

Para os lectores interesados na arqueoloxía e na historia, José Gavilanes elabora un rexistro de petróglifos inéditos localizados entre os municipios de Xunqueira de Espadañedo e Esgos. Outros dous informes céntranse tamén en Galicia: Manuel Gago e Antón Malde repasan a situación do xacemento de Torre dos Mouros, na Coruña; e Antón Fernández céntrase no santuario de Pena Furada, no concello de Coirós.

Por outra banda, Marie Claude Auffret comenta a existencia de figuras aviformes na arte rupestre e Pablo Novoa explica o achado de pinturas rupestres na Amazonía venezolana.

O Anuario Fol de Veleno 2013 remata cun traballo de Susi Gesto sobre ourivería; un estudo da obra do folklorista estadounidense Joel Chandler Harris, por Alicia Beatriz López; e un artigo de José Luis Lozano titulado “O home de pedra”.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: