Publicado por: MontePituco | 26/03/2013

PLENO DE MARZO (e IV)

Para rematar a crónica do pleno deste mes de marzo só quedaba dar conta do apartado de rogos e preguntas.

Francisco Veiga sacou o tema do plan de axuste presentado polo Concello de Marín para acceder ao que deu en chamar “préstamos brandos que saen caros”. Queixouse de que no día do pleno pola mañá houbera “dificultades” para falar coa interventora e reclamou a súa presenza no pleno. O voceiro socialista criticou que das condicións estipuladas polo plan de axuste “non cumprimos nada, porque estiveron limpando”, dixo coa retranca facilona de quen pretende facerse o gracioso. “Que consecuencias ten para o Concello á vista do informe de Intervención que di que, dos obxectivos previstos, cero!”, preguntou.

Segundo Veiga, “a interventora di que non se lle dá ao Ministerio” información trimestral obrigatoria, polo que se dirixiu ao Goberno local para preguntar polas medidas que ía tomar. Moito criticar a posta en marcha do plan de axuste, para logo preocuparse tanto e poñerse “colorado” porque non se cumpren precisamente as pautas dese plan de axuste que o socialista rexeita que se aplique. Contraditorio cando menos, non?

A resposta de María Ramallo foi nesa liña: “Vostedes deixaron moito atrás, e se poden axuden a limpar; os informes trimestrais xa eran da súa época”, expuxo a alcaldesa. Continuou Santos Costa, sen darlle máis carrete: “Se o informe di que non cumprimos será que non subimos os impostos”. É o tipo de contestación que a Fran Veiga lle incordia, porque canto menos se explaia o concelleiro do PP, menos fíos ten o voceiro do Psoe para seguir enredando. Entón o seu comportamento tende a berrinchizarse: bótase a rir, protesta… “Se non lle gusta a contestación, non ría”, reprendeuno María Ramallo.

Santos Costa continuou: “Non subimos impostos segundo este informe, non baixamos os soldos, non amortizamos prazas; o plan de axuste é por 10 anos e levamos 8 meses”, engadiu. E non se sabe se a mantenta para botarlle máis leña ao lume, ou por torpeza, o caso é que ao edil de Facenda non se lle ocorreu outra cousa que rematar a súa intervencíón coa matraca de sempre:

“Vostedes saben tan ben coma nós que isto é unha herdanza recibida”.

Os da oposición botáronse a rir con moitos aspaventos. Os da cla do Bloque, que imitan canto fan os seus dous gurús, tamén botaron unhas risotadas.

Turno de Muradas, coa súa parsimonia e os seus clásicos vidos a menos: os informes do Arela, as medidas do Goberno local contra a empresa Antalsis… A continuación púxose seriote e dramático para proclamar sobre o artigo 23 da Constitución: “…vulnérano permanentemente”, criticou Muradas dirixíndose a equipo de Goberno, e “imos ter que formar unha sociedade en comandita os grupos da oposición” para obter conseguir os seus propósitos. Este discurso tan vehemente era simplemente para pedir por enésima vez unha copia da lista de rexistro de facturas, unha información que considera “necesaria para que a oposición fiscalice e controle os pagos”.

…Alguén lembra o PP na anterior lexislatura con eles na oposición pedindo o tal rexistro das facturas? Ou acaso Psoe e Bng pugnan por converterse nos tesoureiros municipais?

Máis muradadas: o concelleiro socialista denunciou que os edís do Goberno local teñen “borracheira por saír na prensa”, en alusión a noticias recentes sobre Marián Sanmartín e unha doazón de calcetíns incautados a un vendedor ambulante en situación irregular “para repartir aos pobres; se llos quitaran a un banco…” engadiu Muradas en ton despectivo.

Ás veces semella que Muradas dá por suposto que ser o veterano da Corporación dálle dereito a dicir o que lle peta, por groso, desafortunado, inoportuno ou fóra de contexto que lle resulte a calquera con dous dedos de fronte. “E non acuse a ninguén de que se utilice a prensa para obter vantaxismo, porque non coñecín a ninguén coma vostedes con tan poucos escrúpulos en utilizar os medios de comunicación”, díxolle á alcaldesa e “a ese que ten á súa dereita”, en alusión a Santos Costa. En fin, Muradas style. Habería que lembrarlle episodios máis ou menos bochornosos ou ridículos como as escenificacións de Fran Veiga, rodillo en ristre, borrando unhas raias invasoras na praza Marqués de Valterra, ou a Luz Santiago, tesoiras en ristre, cortando a lona na que se mesturaban os actos do Entroido cos do Día da Muller. Cousas da desmemoria e da soberbia.

Ao concelleiro de Tráfico, Martínez Salazar, pediulle que lle contestara por escrito a que se debe o “frenazo” na recadación de multas. “Huelga de bolis caídos na policía non hai, ninguén mo sorprou”, dixo Muradas. Parafraseando unha mítica frase do ex-alcalde Toneco, a ver se vai ser que os axentes teñen “pupita en la tripita”; unha pérola máis dos socialistas, que presumen de ser tan comedidos na súa relación cos medios. E por último, preguntou sobre a obra “incorrectamente executada” na rúa Ezequiel Massoni, para saber se o Concello “vai meter no xulgado á empresa”.

…A preguntas repetidas, respostas repetidas. Sobre o Arela, María Ramallo contestoulle que iniciouse o expedente, que o Concello está pendente dos informes técnicos e económicos, e que “estamos en prazo”. En relación á copia do rexistro de facturas, a alcaldesa explicou que “non todo o que se pide por rexistro hai que dalo aos 5 días” e que os concelleiros da oposición “non teñen dereito a todos os papeis”, algo que lles instou a contrastar porque “está recollido na normativa”.

“Non sei se o terán será empacho e exceso de información”, engadiu María Ramallo, insistindo en que o problema para facilitar ese material é que “hai facturas sen rexistrar”, polo que “o libro non é de libre acceso” e que, tiñan que “distinguir consulta de facer copia, e vostede sábeo”, dixo, referíndose directamente a Muradas, que xa está bregado nestas lides. “Vostede mestura a Constitución con outras leis”, reprochoulle, “e cando pregunta estas cousas e resulta que as sabe, pois molesta”, díxolle Ramallo a modo de reprimenda. E en canto á obra de Ezequiel Massoni, explicou que a valoración do técnico municipal vai ser “fundamental á hora de reclamar”.

Para as intervencións que fai Pazos Lamoso, no pouco que di debería ser máis prudente. Porque o mesmo solta que o Monte Pituco é o sitio máis chan de todo Marín e queda tan pancho, cando a zona ten máis dun 15% de pendente en máis do 90% da superficie; que acusa os concelleiro da oposición de pasar o tempo “chateando, ata sete persoas simultaneamente”. E todo isto, cun rictus moi flemático, apelando a que o pleno é “a máxima expresión da Corporación” e moita milonga. E tanto que é a máxima expresión, con sesións de ata 5 horas de duración buscando as voltas e os tres pés ao gato.

María Ramallo contestoulle con certa severidade: “Mire para todos, e coidado co que di, non faga determinadas afirmacións”.

Carmen Villanueva volveu repetir a pregunta de Muradas sobre as facturas: “Non entendo por que non podo ter o listado; se o deciden vostedes ou a lei, que maior transparencia que nola dean”. Entre abogadas -Ramallo e Villanueva- este debate é inútil, coma tantos outros. Que se aplique a normativa, que para iso está, e se deixen de turrar polo incuestionable para deixar de gastar cuspe e tempo en balde…

Aínda así, María Ramallo contestoulle: “Hai 18 anos que cheguei ao concello”, Muradas uns poucos millóns de anos luz antes, cabería engadir. “As dinámicas variaron, pero non se pode ter acceso a unha factura porque ao mellor haina que devolver, porque non está ben feita, etc.

Turno para o Bng, comezando por Pilar Blanco, que volveu pedir contestación ás preguntas que lle quedaran sen contestar no pleno de febreiro. Outra pregunta de vitalísima importancia foi sobre o desfile de Entroido, que tivera “parado unha hora” o servizo de autobús sen que os usuarios tiveran aviso previo, polo que quería saber como se organizara aquilo. Ramallo respostou que non tiña coñecemento desa queixa e que como houbera que aprazar o desfile pola chuvia, os vehículos desviáranse polo vial interior do porto, pero que se fora certa a incidencia, correxiríase na vindeira ocasión.

Xosé María Vilaboa pediulle á secretaría un informe para aclarar “a que tipo de información temos dereito os da oposición, por exemplo, o rexistro de facturas”. Un, dous tres, responda outra vez.

Máis do mesmo, tamén pola súa parte: “Que me dea a documentación que lle pedín” en plenos anteriores, “ou se non, denéguema, e así facilítame outro dereito que eu teño”. Outro que, como Muradas, sabe máis que Lepe e non dá puntada sen fío aínda que veña de volta e media.

Vilaboa ten a cualidade de converter o apartado de rogos e preguntas nunha orde do día dun pleno en si mesma; cousa tediosa, pesada, rebuscada, furando en preguntas formuladas anteriormente por outros concelleiros e que xa foron contestadas, solo por darse o gusto de converterse no centro de atención por un tempo considerable que para os demais é un xesto de abuso e de tomadura de pelo. Se tan importantes considera que son os temas que propón no apartado de rogos e preguntas, que xogue limpo e que os presente vía moción urxente ou ordinaria, pero que se deixe de esgotar a pacencia allea cando se supón que o pleno debería estar rematando.

E máis que dicir sobre o plan de axuste: “Autocomprometéronse a que había que cumprir, no pleno cos votos a favor do PP aprobaron o plan de axuste, un acordo plenario que se autoimpuxeron; o informe de intervención que vai ao Ministerio en xaneiro di que do prometido, nada, e a responsable do incumprimento é a alcaldesa; a que se dedica Santos Costa?”. Coa súa retórica parsimoniosa, modulando a voz e revirando a cabeza para fiar cada palabra.

Outra cualidade de Vilaboa é que vai ao pleno para lernos recortes de prensa; neste caso para preguntar que había de certo nunha información do Faro do 27 de xaneiro (pasou mes e medio, Vilaboa leva con certo retraso a revisión con lupa da hemeroteca) sobre unhas supostas medidas de posta a punto do contorno de Castiñeiras: “Preguntóuselle na comisión e negouno, a ver se o Concello é o titular do Lago”, preguntou con sorna o voceiro do Bng.

Sobre o centro de saúde fixo unha ristra de preguntas: Se será realidade, se figura nun paquete de licitacións, se está licitado, cando comezarán as obras, o prazo…

Tamén preguntou “se se presentaron recursos ao PXOM, cantos e por parte de quen se presentaron”.

E seguía Vilaboa, emocionado coa súa traca de temas, cando María Ramallo interrompeuno, máis ou menos polas boas: “Señor Vilaboa, sea serio, no la liemos, haga preguntas concretas, que lleva 20 minutos hablando”.

O concelleiro do Bloque o que pretendía precisamente era provocar ese toque de atención, porque é o que fai pleno tras pleno. E de tanto que se repite, vólvese previsible, aburrido e incómodo. Non polo que pregunte ou deixe de preguntar, que pode ser do máis lexítimo, senón porque as formas, e o fondo que reviste a súa actitude, está viciado pola mala fe e o afán por crispar o ambiente a unhas horas nas que non é prudente manter un mínimo de rigor no que se fala.

E como entrara en debate coa alcaldesa, María Ramallo quixo zanxar a cuestión aclarándolle que “os rogos non se contestan”. “Se teñen debate!”, retrucoulle Vilaboa, tensando máis a corda. O xesto da alcaldesa, como dicíndolle “xa está ben!” fixo que o voceiro do Bloque exclamara, cun evidente ton de burla: “¡Ay, que miedo!”.

Hay actitudes que se retratan por si soas; porque nun ambiente distendido pode caber algunha que outra broma, pero cando non está o forno para bolos, o mínimo que se lle require a calquera concelleiro é seriedade e respecto polo cargo que representa. Pero Vilaboa ten momentos de azoute do PP e momentos de parvulario; cada vez máis dos segundos que dos primeiros, un síntoma inequívoco de que este Bloque perde a velocidade de vértixe o pouco talento que lle quedaba na recámara.

As respostas de María Ramallo foron telegráficas: “Non se incumpre o plan de axuste, adícome a traballar por Marín. Non se fixo ningunha declaración sobre o Lago, foi mal recollido polos medios. O centro de saúde gustaríanos que estivera adxudicado, hai 3 millóns no orzamento da Xunta, que empece o antes posible”.

E en canto ás reclamacións do PXOM confirmou o que xa foi noticia no seu día: que houbera cinco recursos ante o TSXG, un de DEFENDE O MONTE PITUCO, otro de Telefonía Móviles, outro da congregación das Fillas da Caridade e dous máis de persoas particulares.

Por último, Isabel Martínez Epifanio reiterou tamén a solicitude para saber a que información ten “dereito” a oposición, interesándose o mesmo que os outros grupos polo informe trimestral de morosidade e a copia do rexistro de facturas. Tamén se queixou de que a interventora non estaba pola mañá. Volveu preguntar por unha cuestión formulada nun pleno anterior sobre as sobrantes na vía pública trala construcción da variante. Interesouse tamén pola caseta de pescadores de Seixo e pola celebración da Xunta Local de Seguridade tralo roubo no colexio Carballal.

María Ramallo xustificou a aprobación do plan de axuste “para financiarnos”, comentou que a Xunta de Seguridade seguía pendente de celebración, que non había resposta da Xunta sobre a consulta realizada encol das sobrantes, e ofreceuse a pasarlle o plano da caseta.

…E sendo case as 00:25 horas, levantouse POR FIN a sesión…

Preparados para o seguinte pleno-maratón? Con ou sen protestas dos afectados polas preferentes?

 


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: