A noticia na prensa non clarifica nada; catro parágrafos de información invisible. Ás veces o mérito está máis en parecer que se conta algo, que en contar, propiamente. O caso é que María Ramallo e Manuel Santos recibiu á directiva da Comunidade de (des)Montes de San Xulián.
Di o titular que “para acercar posturas”. Esa frase dá a entender que o Concello e a Comunidade ten posturas des-encontradas ou opostas. En que? Por exemplo, na titularidade do campo de fútbol de San Xulián, na estrada que sobe á Lagoa de Castiñeiras. Un tema do que, por certo, se deu publicidade non a través da Comunidade, nin do Goberno local, senón da voceira de Mar-In, naquela moción do pleno de xaneiro que lle pedía ao Concello que inscriba o terreo no inventario municipal. E a moción aprobouse, malia a abstención do PP. A xunta rectora da Comunidade está tranquila: “Iso está parado”, dixera o presidente na última asembleal, a preguntas dun ex-directivo que se declarou en ‘rebeldía’.
A fin de contas, o Goberno local e a directiva da Comunidade son gobernos “amigos”: o presidente foi concelleiro popular na anterior lexislatura co PP na oposición, e segue habendo fío directo a través doutros cargos da xunta rectora ben situados no partido. Todo queda na casa. Así que a cuestión da titularidade do campo de fútbol vai para longo, no máis que remoto caso de que teña visos de prosperar. Entre bombeiros é costume non pisarse a mangueira, e a Comunidade de (des)Montes, que xa ten experiencia en litixios longamente demorados -caso Romero, verbi gratia- ten no campo de fútbol unha nada desdeñable fonte de ingresos a través dos grupos que pagan por facer uso das “instalacións”.
“Se repasaron varios temas que preocupan a los comuneros y se establecieron las pautas para poder actuar de manera conjunta y coordinada colaborando en sacar adelante obras en beneficio de la parroquia”, declarou a alcaldesa ao remate do encontro. É que María Ramallo sabe idiomas: castelán, galego (aínda que o use pouco), supoñemos que algo de inglés… e como boa dirixente popular, domina tamén “guindés” e “cospedalés”: eses dialectos políticos baseados na arte do eufemismo, no virus contaxioso de dicir moito sen dicir nada.
Fala a noticia de conseguir unha acción coordinada entre a Comunidade e o Concello para canalizar as peticións dos colectivos de San Xulián. O que vén sendo pedir subvencións, de toda a vida, pero dito máis fina e subrepticiamente, non vaia ser que se corra a voz de que o Goberno local vai investir en San Xulián e che chovan as peticións. Que se enteren só os que deban enterarse.
O máis desconcertante é que na última asemblea da Comunidade de (des)Montes o pasado xaneiro a directiva encheu peito e bandullo para anunciar a bombo e platillo que viñan de cobrar 354.679,48 euros dunhas expropiacións (167.386,58 nun primeiro ingreso e 187.292,90 que obtiveron a maiores). E que, á marxe de que o 30% había que invertilo no monte, non porque a Comunidade teña unha especial vocación pola conservación do monte (máis ben ao contrario, e non hai máis que remitirse aos feitos), senón porque así o establece a Lei de Montes, como ben fixo constar unha veciña na reunión, por se había algún despistado ou desinformado nos arredores. E o resto, a “pulilo” coas peticións dos comuneiros, “ben fundamentadas”, aclarou o presidente, porque ante todo, hai que gardar as aparencias. E o resto, como dispoña a deusa fortuna e a súa comadre providencia.
Manuel Santos ofreceu máxima colaboración por parte do Concello. Asistía á reunión en calidade de concelleiro de Urbanismo? Mágoa que a “noticia” oculte os dimes e diretes sobre o polígono proxectado no Monte Pituco. Porque a Comunidade ten moito interese en seguir cobrando a conta do (des)monte: se hai que agredir un Espazo Natural Protexido polas Normas Subsidiarias e Provinciais de Planeamento, se hai que rodear de asfalto e formigón uns petroglifos catalogados “do 2000”, se hai que gastar un diñeiral indecente en construir uns taludes indecentes, se hai que cargarse especies da fauna e da flora autóctona e vulnerable, se hai que deixar sen consumo de auga aos habitantes da zona, se hai que tripar os dereitos da xente que se opón a que cometan unha barbaridade avalada por un Planeamento trazado coas regras do Monopoly, o dúo Concello&Comunidade están dispostos a iso, e máis.
“Se hicieron peticiones de mejoras que pueden ser atendidas por el Gobierno municipal y se establecieron vías de comunicación y diálogo para aunar esfuerzos que redunden en beneficio de todos”, concluiu María Ramallo.
Melloras que pode -ou mesmo debe- acometer a Comunidade en solitario, agora que ten a súa conta corrente ben dotada, e como xesto de solidariedade coa Administración local, cuxo concelleiro de Facenda porfía en seguir chuzando as penurias económicas que atravesa o Concello co descontrol de facturas dos seus antecesores.
Na súa primeira e única visita ao Pituco hai ano e pico, María Ramallo aseguraba que non había nin pa pipas e que para botar man do patrimonio rupestre había que encomendarse á Comunidade de Montes, que tiña cartos. Máis cartos ten agora que daquela, e tamén menos monte entre cesións e expropiacións varias, que é ao que se adican; de modo que por unha sinxela regra de tres, os recursos dispoñibles serán maiores posto hai menos territorio a repartir. Claro que, o que parte e reparte sempre leva a mellor parte.
Ogallá entre as “cuestións que preocupan” a Concello e Comunidade estean os que DEFENDE O MONTE PITUCO leva reivindicando dende hai tempo:
-A posta en valor dos gravados rupestres do Pornedo, que carecen de paneis de sinalización e de perímetro de seguridade. Que están á beira dun camiño expostos ao tránsito de vehículos rodados e doutras agresións.
-A proliferación de verquidos ilegais, dende rodas e uralitas, ata restos de podas e limpezas de fincas, pasando por refugallos de obras, e por suposto plásticos, envases, mobles vellos. Limpeza a fondo, vixiancia intensiva, e unha boa campaña de concienciación cidadá é que podían ir empezando a facer para frear esta lacra crónica e galopante.
-O control do gando mostrenco, coa máis que lamentable cuestión das pexas, trancas e demais artiluxios de tortura aos cabalos.
-A reparación urxente e inaprazable da pista de acceso ao Monte Pituco: erosionada polas riadas, motivadas porque as canalizacións están absolutamente atascadas de terra, pedras, escombros, vexetación, porque a auga busca saída cando a pista adolece dunhas labores básicas de mantemento, xa non só para que a auga circule polos regos, senón para frear o deterioro progresivo do firme polo que transitan tractores e mesmo turismos.
-Apoio á creación do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños: unha iniciativa seria a prol da conservación do Monte Pituco e doutros montes da contorna, privilexiados pola súa situación xeográfica, polos seus valores patrimoniais e paisaxísticos que, cun tratamento axeitado, serían un foco de atracción de visitantes.












Deixar un comentario