Publicado por: MontePituco | 25/02/2013

PLENO DE FEBREIRO (III)

En plena polémica entre o Goberno local e os grupos da oposición pola intención da alcaldesa de reformar o regulamento dos plenos, en DEFENDE O MONTE PITUCO seguimos analizando polo miúdo o contido da sesión deste mes de febreiro. Cinco horas. 15 páxinas de caderno mediano. E aínda imos pola metade. Ánimo, que aínda queda moita espiga que debullar. Despois de ter publicado todo o que deparou este pleno da Corporación, a moit@s que -deixándose levar polo que se publica nos xornais, que non deixan de ser meros transmisores do que din os políticos dun xeito absolutamente interesado- bramaban e poñían o berro no ceo ante o que consideraban un ataque sen precedentes á democracia e acusacións tanto ou máis grosas, igual lles cambia o conto. Porque hai que ir aos pleno, hai que vivilos… sufrilos, cabrearse e cansar de escoitar os mesmos argumentos unha e outra vez ata que -coma unha vela que se consume- se esgotan en si mesmos e chega o momento de que os concelleiros fagan aquilo polo que cobran do erario público: erguer o brazo.

Fóra da orde do día aprobouse cos votos a favor do PP -o Bng votou en contra, e Psoe e MarIn abstivéronse- a conta xeral do Concello de Marín 2011. O concelleiro de Facenda, Manuel Santos Costa, recoñeceu que se presentara “máis tarde do previsto” e comprometeuse a “evitar que volva producirse”. Sinalou que existe un remanente líquido de tesourería de 1,3 millóns de euros e un superhábit de 909.000 euros.

…Fran Veiga resplandecía. Non, non era un halo de santidade o que o iluminaba, senón a luz do seu Ipad rebotándolle na cara. 

O voceiro do Psoe criticou a “actitude irresponsable” de Santos Costa por ter baseado a súa oposición na anterior lexislatura nunha “suposta quebra” do Concello. E cuspiu unha ráfaga de improperios, entre os cales o de “difamación” foi o máis suave. E demostrando que aínda non curou o seu resentimento e mal perder nas últimas eleccións municipais continuou afirmando que o resultado electoral do PP obedecera a unha “técnica propagandística que calou na opinión pública” a pesar de que a situación económica era “saudable”, segundo el, e a situación económica era “envexable”, argumentando que o Concello puido “resistir un ano sen 1 millón de euros”, en alusión á retención do Estado. E continuou advertindo que a presión fiscal por habitante pasara de 212,14 euros a 275,94, lembrando que os pagos domiciliados perderan a bonificación, e advertindo que chegaría a 300.

Pola súa parte, Vilaboa pediulle explicacións a Santos Costa porque as contas tiñan que estar presentadas en outubro, “como reclamou o Consello de Contas” en dúas ocasións. Falou de “ocultación” e “deixación” de funcións, argumentando que a interventora aludira a “problemas en intervención” que motivaran que a contabilidade de 2011 non rematara ata agosto de 2012. Tamén lle lembrou ao concelleiro de Facenda que “cobra un salario do Concello” pola súa dedicación exclusiva e preguntoulle se, polo retraso na presentación das contas, se perderan subvecións, unha contestación da que reclamou que quedara constancia na acta do pleno. “Xa lle gustaría a moitos Concellos ter esta situación e vostedes faltaron á verdade todo o tempo”, espetoulle Vilaboa, que lle advertiu: “Acabóuselle a historia, en intervención hai 1,6 millóns sen pagar e un recoñecemento de débeda de 500.000, e iso que ían ser o mellor equipo”.

Isabel Martínez Epifanio tamén fixo fincapé en que Santos Costa ten dedicación exclusiva e criticoulle que “cando ven algo mal, a culpa é dos técnicos. E citou a interventora, segundo a cal, “que a conta non estivera non obedecía a que houbera moita carga de traballo en intervención, polo tanto o problema é do grupo de goberno”.

…Pero en que quedamos? O Bng dicindo que hai problemas en intervención, e Mar-In dicindo que intervención funciona ben…

Santos Costa contestou que “sempre” se referiu ás contas como “traballos técnicos, porque a conta final é un traballo técnico” e, nese sentido, o Goberno local “non elude a responsabilidade, pero non lle bota a culpa aos técnicos”. Pero é ben certo que o concelleiro debería ir mudando de discurso porque a teoría do caos xa vai algo sobada: “Nos últimos anos as contas presentábanse tarde tamén, isto non é novo, pero co caos que deixaron non me estrana”, engadiu. Santos Costa remitiu a oposición ás actas dos plenos na lexislatura anterior, porque “dixemos que había descontrol de gasto, non que o Concello estivera en quebra”. Dirixíndose a Veiga, contestou “que non subestime os votantes; non creo que sexa polo noso discurso que vostedes perderon as eleccións”. E para Vilaboa afirmou que “non perdemos ningunha subvención”.

Fran Veiga podía ter aforrado a súa segunda intervención, porque fóiselle tanto a olla, quedou tan á altura do betún, que máis lle valía non ter aberto a boca. Porque é lamentable que os segundos turnos sirvan para darlle a palabra a persoas que, en vez de cumprir co seu labor de oposición, usan o seu cargo para insultar, para intentar manipular con asuntos externos ao motivo do debate, e traídos a colación dun xeito tan burdo que resultan patéticos no fondo e na forma.

O caso é que Veiga anunciou que o seu grupo municipal absteríase en protesta pola “incompetencia” do PP, ao que repetiu que o Concello “non contestou as dúas peticións de información, en outubro e xaneiro, do Consello de Contas, e non se nos deu traslado desa contestación”. Pero que di este home? Ou non se sabe explicar ou non sabe o que di. Pero hai que recoñecerlle o mérito de ser quen de dicir unha cousa e a contraria en tan poucas palabras, porque non é nada doado: se é certo que o Concello non contestou, como é posible que o Concello lle facilite a súa (non) contestación ao Psoe?

Sen dúbida, Fran Veiga estaba empezando a perder o norte, porque que dixo a continuación: “Parece que estamos falando de Bárcenas, quen mete medo?”. E a conto de que mentaba a Bárcenas? Non será que Veiga xa non sabe que dicir para chamar a atención? E se quere chuzarlle ‘pullas’ ao PP de Marín para intentar sacarlle os colores polas chafalladas do PP a nivel estatal, por que non o fai con máis elegancia, máis sutileza, ou máis intelixencia? Non será que son cualidades que a Veiga lle van un pouco grandes?

Seguinte metedura de pata, dirixida a Santos Costa e, por extensión ao grupo de Goberno. Vai en castelán de Castela porque é no que fala Veiga: “No sabe hacer ni una propuesta de gasto, no hay planificación de gasto, solo hacen gastar y gastar, de qué descontrol habla si es el rey del descontrol que no sabe ni poner orden en la JAURÍA que tiene a su lado”.

A reacción de María Ramallo foi inmediata: “Ya está bien que nos mente a Bárcenas, pero que nos llame jauría…”. “LO RETIRO!”, contestou Veiga baixando a cabeza mentres se lle escapaba unha risiña. Definitivamente, ridículo. Non merece máis comentarios porque el mesmo se retrata… e se retra(c)ta.

Vilaboa volveu á carga reprochándolle a Santos Costa que “o que antes criticaba agora sérvelle de argumento, e que iso é desprezar os veciños e a oposición”. Tamén lle reprendeu que levan máis dun ano e non foron quen de arranxar “o caos e o desgoberno” que o PP lle achacaba ao anterior bipartito.

A voceira de Mar-In apoiouse na intervención do seu homólogo do Bng afirmando que “hai que ter moita cara para dicir que os demais tiñan descontrol e desgoberno cando fóra da orde do día traían un recoñecemento de crédito”.

O PP votou a favor das contas. Psoe e Mar-In abstivéronse. Bng votou en contra.

E por fin comezou o debate sobre o seguinte tema fóra da orde do día: o polémico recoñecemento extraxudicial de crédito que, entre outubro e decembro de 2012 supuxo 549.523 euros en subministros e subvencións.

Santos Costa xa comezou a súa escueta intervención adiantando que “en próximos plenos traeranse máis facturas” e atribuiu este recoñecemento de débeda a que “o crédito esgotouse, o orzamento non está actualizado” e á “dinámica” de anos anteriores, unha afirmación que motivou que a oposición botara a rir.

Isabel Martínez calificou de “vergonzoso” e “descaro descomunal” que o PP plantexara este tema e criticou que non houbera “ningún técnico de intervención para facer o noso traballo”. E coa mesma, anunciou que se levantaba e saía do pleno “para non participar desta charada de entroido”.

Aproveitando as iras da concelleira de Mar-In, Fran Veiga subiu ao carro dos azoutes e tildou de “insultante” a actitude do PP, ao que lle pediu que deixara o tema sobre a mesa.

Vilaboa tamén cargou as tintas sobre “como se tratan os temas económicos, que deixa moito que desexar”, argumentando que “a interventora estaba de días libres e o técnico non estaba”, polo que ese día pola mañá “non se puido falar con ninguén” dese departamento.

As críticas da oposición non serviron para nada porque os votos do PP evitaron que se aparcara o asunto, así que Francisco Veiga and The Socialista Sound Machine tamén abandonaron o pleno entre acusacións de que “non había referente na historia da democracia” e as tarambainadas pseudodramáticas de sempre.

Con Mar-In e Psoe vendo os touros dende a barreira, Vilaboa inflouse coma un fol e comezou o seu monólogo, cunha declaración de intencións artificiosa, na liña do arrebato de indignación de Veiga: “O corpo pídenos marchar, pero se o facemos, o recoñecemento vai pasar sen pena nin gloria”, aclarou o voceiro do Bng nunha heroica declaración que o podería ter elevado aos altares da democracia como sufrido mártir do municipalismo galaico.

E así pasou un longo rato facendo por desacreditar o concelleiro de Facenda alegando por enésima vez que “o que antes criticaba agora sérvelle de argumento”: que o Goberno local levaba dous anos prometendo un orzamento e que mentres tanto servíanse do orzamento prorrogado polo bipartito, que o Goberno local acumulaba unha débeda de 1,6 millóns de euros en 20 meses de xestión, que ían 6 meses retrasados no pago de facturas pendentes dende agosto… e que tiñan “montado un cristo no servizo de intervención”.

E comezou a enumerar de vagar unha relación de gastos, salpicados de comentarios pretendidamente chistosos: 4.500 euros en trofeos, 10.000 en bailes de salón, 9.000 nunha barandilla no río Lameira, 29.000 da concentración de motos… outros 40.000 no que Vilaboa deu en chamar, con retranca, “chuvia fina de albaráns”, parafraseando o propio grupo municipal do PP cando estaba na oposición e criticaba a xestión económica do anterior Goberno local.

E mentres facía a súa intervención estelar, Vilaboa dirixíase ao público: catro ghatos sentados desperdigadamente, que malamente se contaban cos dedos dunha man. E unha de dúas, ou Vilaboa falaba maiormente para os seus compañeiros/as da oposición, que estaban de pé diante da porta do salón de plenos; ou estaba en trance e vía dobre ou triple ou cuádruple, e na súa imaxinación o salón estaba cheo a rebosar de veciños aos que ilustrar coa súa florida e eficaz verborrea.

E mentres ridiculizaba as intervencións anteriores da concelleira de Cultura, da que dicía que semellaba que “se presentaba a unhas oposicións”, calquera con dous dedos de fronte podía dar en pensar que o que Vilaboa precisaba nese momento era un espello para verse a si mesmo en plena acción: xesticulando e facendo aspaventos sobreactuados. É moi doado ver a palla no ollo alleo e non ser quen de ver a viga no ollo propio. Que por máis ou menos verdades do barqueiro que solte pola boca, nin os fondos nin as formas son os máis axeitadas nos voceiros do Bloque, tan encantados de coñecerse, tan dados eles ao exceso e ao estupendismo.

Se fora certa a opacidade que tanto critica o Bloque, non chegarían aos plenos con tanta tela que cortar, facendo alarde público de facerlle a colada ao PP cos supostos trapos suxos do actual Goberno, cando o bipartito anterior tamén precisou cantidades industriais de deterxente para lavar os propios.

Vilaboa leu un escrito da empresa que organizou a concentración motorística do verán “reclamando o pago dunha factura”, motivo que lle serviu ao Bloque para reprocharlle ao PP a “actuación de novo rico” que se permite agora no Goberno e propiciando o que deu en calificar como un “descontrol fantástico”. E outro vicio insufrible do Bloque, machacar ata a saciedade temas e datos que sacan a colación en todos e cada un dos plenos, como tratando de amortizar cada milímetro do labor de oposición: os reparos de intervención nas resolucións de aprobación de facturas saen á palestra un mes si e outro tamén. Como se Vilaboa&Blanco ignoraran que o público dos plenos é sempre o mesmo, e de tan repetido e sobado, o discurso que gastan volveuse predecible.

Aínda así, o Bng garda ases na manga, que xa Vilaboa ameazou: “Algún fai algún negocio, e xa llo descubriremos, que vai saír”, advertiu, sinalando o bando do goberno local.

Santos Costa fixo o que puido -que non foi moito nin moi convincente- por contrarrestar o discurso de Vilaboa: “A diferenza entre os recoñecementos de crédito seus e os nosos é que os nosos son de meses e os seus son de anos”, afirmou o concelleiro, facendo boa a táctica do e ti máis. O tenente alcalde engadiu que o Concello vai “seguir apoiando eventos que xeneren retorno”. “Retorno para Poio, Vilagarcía, Pontevedra, onde a xente está hospedada”, replicoulle Vilaboa.

“Vostedes son expertos en facer modificacións de proxectos”, criticoulle Santos Costa, que puxo como exemplo a obra na Porteliña “na que duplicaron o custe e a legalidade era dubidosa”. Con isto xustificou a instalación da barandilla no río por indicación dos técnicos. E sobre os demais gastos, explicou que “o que se paga está subvencionado, e vánnolo pagar, así que non se fixo tan mal”, engadiu o concelleiro de Facenda.

O Bng xa non daba para máis: “A nós xa nos xulgou o pobo, estamos na oposición, e os que dixeron que ían facelo diferente eran vostedes, estamos xulgando a súa actuación, e se nós fomos malos, vostedes peor”. Perogrullada made in Vilaboa. E ti máis, segunda parte.

Tanta leria, para que ao final o Bloque se abstivera no recoñecemento de crédito, que se aprobou, naturalmente, cos votos a favor do PP.

Próximo capítulo: taxa de auga, lixo e alcantarillado; programa de acción municipal para incrementar as partidas en servizos sociais; e rogos e preguntas, que comezaron a formularse cando xa o pleno rondaba a medianoite.


Responses

  1. Tes toda a razón cando dis que hai que acudir ós plenos para coñecer a verdadeira realidade da política marinense.
    A min fanme moita gracia esas voces que se levantan nos foros decindo cousas como :”prohibido preguntar nos plenos” e cousas polo estilo, sin ter asistido nunca a unha sesión plenaria nin escoitar ó Vilaboa decíndolle á alcaldesa: “vostede non vai falar porque non a deixo eu”.
    Onde estaban esas voces cando ducias de veciños quedabamos de porta afora por orden expresa do bipartito?
    Ó meu entender o equipo de goberno aínda ten moito que aprender, pero a actual oposición, nin aprendeu nada nos seus anos de mandato nin tomou nota do seu batacazo electoral, nin sabe o que significan as palabras decencia, democracia, vergonza, dignidade…
    Saúdos e moitas grazas a Montepituco polo exercicio de pacencia que demostra.

  2. Esquecinme de falar das famosas facturas esgrimidas polo BNG.
    Entre risiñas mencionaron tantos Euros gastados polo PP aquí e tantos acolá, pero esquecéronse de mencionar a factura do famoso e fallido proxecto que o BNG encargou para o polígono da Brea.
    Parece ser que ese proxecto, encargado polo Bloque sin consentimento do alcalde e utilizado como propaganda electoral, hai mais de tres anos, vai ser pagado agora cos cartos de todos nós.
    Pero claro, Vilaboa e Pilariña, coidanse moito de mencionar esta factura.

    • Así son as “regras” do “xogo”. Ata para as “pifias” oportunistas e disparatadas hai que ter o peto “disposto”. O dito, que a palla no ollo alleo non ten parangón coa viga do ollo propio. Pero xa vai sendo hora de pasar páxina e traballar seriamente. E seriamente, dende o noso firme punto de vista, non pasa en absoluto por “cargarse” o Monte Pituco, estragando un espazo protexido, un patrimonio arqueolóxico catalogado, e xerando un sobrecuste descomunal “que nin o Gaiás”, nunha ubicación que non cumpre as condicións óptimas para solventar as necesidades do porto ou dos demais empresarios da vila. Xa basta de presións e intereses. Máis sentido común e menos demagoxia.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: