Publicado por: MontePituco | 27/02/2013

PLENO DE FEBREIRO (e IV)

Parecía que o pleno de febreiro enfilaba a recta final cunha moción do Psoe sobre a taxa polo subministro de auga e o servizo de recollida de lixo e sumidoiros. Para non variar, os discursos de Fran Veiga son dispersos e abstractos: tanto valen para defender a diminución dunhas taxas, que para reclamar un polígono no Pituco, que para propoñer que as vacas voen ou as ras críen pelo. A súa estratexia consiste en repetir por activa e por pasiva que durante o seu Goberno o Concello gozaba dunha saúde financeira excelente; valéndose diso que xa promulgaba un tal Goebbels: ‘Unha mentira mil veces repetida transfórmase en verdade’.

Para o voceiro socialista as medidas aplicadas polo actual Goberno son “incomprensibles nun Concello coas contas saneadas”, capaz de permitirse unha asesoría xurídica para a alcaldesa e de subvencionar “cantos eventos aparezan”. Para inxectar máis dramatismo á súa ponencia non faltaron as doses lacrimóxenas de rigor: 3.000 parados, funcionarios sen paga extra, xubilados en situación precaria. E fronte a esta panorama tan chungo, Veiga criticaba que o Goberno local “segue vivindo de rentas”, actuando con “desinterés e desidia. “Se cargan despropósitos sobre los vacíos bolsillos de los marinenses”. Non sobre “los bolsillos vacíos”. Senón sobre “los vacíos bolsillos”, literalmente, supoñendo que ao antepoñer o adxectivo ao sustantivo a frase adquire unha maior intensidade, refórzase a carga simbólica e dramática, enfatízase a mensaxe remarcando a idea principal: o que vén sendo estar a dúas velas.

…Pero como se pode escribir tan mal. Se Vilaboa se burlaba da concelleira de Cultura por semellar que se presentara a unhas oposicións, no caso de Fran Veiga a súa pretensión debe ser gañar unha cadeira na Real Academia Española, que non Galega, porque o seu galego quedou colgado no percheiro cando deixou de ser delegado de Normalización Lingüística.

E despois de seguir mesturando churras con merinas, que se Acuanorte por aquí, que se orzamento por alá, por fin deixou entrever as peticións do seu grupo municipal: reducir as taxas de auga e lixo, baixar a presión fiscal e solicitar que o presidente de Augas de Galicia explique a aplicación do canon da auga.

Así son os discursos de Veiga: como os anuncios publicitarios que se preguntan polo arrecendo das nubes, nos que se ve xente bailando unha coreografía, ou un mosaico de “vacíos bolsillos”… que non sabe un se lle están vendendo un paquete de compresas, un coche ou un fondo de pensións.

Santos Costa contestou que o propio Veiga nos anos 2003 e 2004”subiu todos os impostos” e xustificou a retirada da bonificación do 5% aos recibos domiciliados “para igualar cos que non estaban domiciliados”. Risotada na oposición. Tamén intentou explicar que o servizo da auga en Marín é “deficitario”: que se compra a 0,17 euros o metro cúbico e cóbrase a 0,18, mentres que en Pontevedra o fixo trimestral é de 10,17; en Poio de 12,41; en Vilagarcía de 16,30; e en Vilaboa de 30 euros, a diferenza de Marín, cun fixo trimestral de 3,60. É que o 0,18 de Marín contrastaba tamén co 0,37 de Pontevedra, o 0,24 de Poio, o 0,39 de Vilagarcía e o 0,36 de Vilaboa.

“É difícil rebaixar máis este recibo”, engadiu o concelleiro de Facenda, que tamén rexeitou a posibilidade de reducir o recibo pola recollida de lixo, “outro servizo deficitario”, dixo. Polo tanto, a baixada que pedía o Psoe é “inviable”, por máis que xa ás persoas con “dificultades” estáselles aplicando unha bonificación do 100%.

No seu turno, Xosé María Vilaboa empezou preguntando se o Goberno local vai subir a auga. E argumentou que “a auga non subiu pola supresión da bonificación, senón pola aplicación da Lei de Augas aprobada polo PP”. E así criticou que haxa recibos que pasan de 36 euros a 76, por exemplo; e que máis da metade do importe dun recibodoran impostos. O voceiro do Bng propuxo proclamar o 10 de febreiro de 2012, cando o PP de Marín organizara unha reunión na biblioteca sobre a Lei de Augas, como o “día da mentira”, porque nese acto afirmaran que “non ía haber que pagar máis” para que logo “a traición” acabaran aumentando os recibos. E dirixíndose ao público, escenificou unha vez máis o seu afán disertador: “Explíquello aos veciños!”, espetoulle a María Ramallo e a Santos Costa. Por veciños debía estarse referindo a dous ou tres que estaban polo medio, porque os demais asistentes non debían estar moi contentos de que Vilaboa os metera no saco dos simpatizantes do seu partido. E rematou a súa primeira intervención pedíndolle á alcaldesa que se dirixa ao PP para que derogue a Lei porque “a xente non pode pagar, vostede sí, que ten tres soldos”. O de sempre, Vilaboa tan demagogo como de costume.

Seguiulle Isabel Martínez Epifanio, para manifestar o seu apoio á moción do Psoe, recordándolle ao PP que foran polas parroquias “dicindo que por riba aínda ían pagar menos”. A concelleira de Mar-In advertiulle a Santos Costa que os servizos “de primeira necesidade non teñen que dar superhábit, nin hai por que buscarlles rendibilidade”. E propuxo que a Xunta siga cobrando o canon, pero que se investiran os ingresos a nivel municipal.

No segundo round, Fran Veiga, coa agudeza que o caracteriza, non puido evitar comezar botando man do refrán máis predecible e antiorixinal, dado o tema e as circunstancias: “daquelas augas, estes lodos”. O discurso que tiña preparado xa en gran medida llo pisaran os outros edís da oposición, pero el tirou para adiante: “mentiron descaradamente”, “o Psoe aprobou a bonificación”, “por que será que temos mellores resultados que os outros concellos”… e volta e dálle coa boa saúde financeira que deixou o Psoe no anterior mandato: “…aínda que queiran botar lixo sobre a realidade económica do Concello” e máis bla-bla-bla. E parafraseando a Gallardón, acusou o PP de Marín de “causarlle dor” á cidadanía, de estar “enganando e desinformando”. E rematou dando por feito que o Goberno local subirá todas as taxas, augurando que os veciños de Marín serán “os paganinis mentres outros fan negocio das actividades que patrocina o Concello”, e reclamándolle ao PP que se poña “na pel dos veciños”.

A esas horas, a función xa empezaba a demorarse de máis: sen apenas público nas cadeiras, sen xornalistas escoitando eses discursos de Veiga tan sobreactuados.

Santos Costa pouco máis engadiu: que as taxas que se aplican en Marín están “moi por debaixo doutros concellos”, que o servizo xa é “moi deficitario” e que “moi ao noso pesar non é viable a día de hoxe esa rebaixa”.

Volveu á carga Vilaboa, repetindo o mesmo que xa dixera anteriormente: “vostede chamounos mentireiros pero a mentireira é vostede, explíquello aos veciños que están aquí”.

…Pero que veciños, Vilaboa. Aprenda a contar, que non chegaban a media ducia de persoas, das cales non sería descabellado pensar que a maioría estarían desexando meterlle un zapato na boca. Os ensaios, con gaseosa, non con persoas de carne e óso sobre as que nin vostede nin ninguén ten o máis mínimo dereito a utilizar como escudo populista dos seus pesados monólogos…

Isabel Martínez reprochoulle ao PP que, “estando todos os días na prensa”, non compareceran para explicar a subida do recibo.

Finalmente, o Psoe, o Bng e Mar-In votaron a favor da moción, pero quedou rexeitada cos votos en contra do PP.

O seguinte tema foi unha moción urxente do Psoe para demandar que o Programa de Acción Municipal da Deputación destine máis recursos a servizos sociais, para paliar así a desaparición de iniciativas como o plan concertado, subvencións á inmigración, iniciativas a prol da integración dos xitanos e outras medidas en materia de educación. Santos Costa pediulle ao Psoe que modificaran un dos puntos da moción, porque “xa hai cousas comprometidas”. Pilar Blanco pediu que o tema quedara sobre a mesa, cousa que non podía ser porque remataba o prazo, e propuxo “seguir reclamándolle á Xunta que cumprira as súas obrigas” en materia de servizos sociais. Unha cuestión sobre a que tamén incidiu Isabel Martínez, que apoiaría a moción “en contra” do seu criterio, argumentando que “estas accións ten que facelas unha Administración superior”. Como non se admitiu a modificación solicitada polo PP, a moción non prosperou porque os populares votaron en contra e aplastaron os votos a favor do Psoe, Bng e Mar-In.

Era xa medianoite cando aínda estaban abrindo o turno de rogos e preguntas. Alá ían xa 4 horas de Pleno.

Comezou Fran Veiga, preguntando se era certo que o servizo da Aduana ía marchar de Marín para instalarse no edificio de Facenda en Pontevedra; non sen deixar pasar a ocasión de botar a “pullita” porque o Porto marinense non fora de declarado de interse europeo -cousa que tampouco sucedeu co Porto de Vigo, moi ao pesar do seu alcalde socialista, Abel Caballero-. Tamén se interesou pola posible desestimación por parte da Xunta do expediente de deslinde entre Marín e Pontevedra. E lembroulle a María Ramallo que lle contestara a preguntas pendentes de plenos anteriores.

A alcaldesa comezou por isto último: que a súa viaxe a Madrid para entrevistarse con Ana Pastor, nun voo de Air Europa, custara 280 euros, e que os imputara nos gastos do Plan Arela. Por escrito, pediulle Veiga.

Sobre a Aduana anunciou que habería unha xuntanza no Concello pero matizou que o traslado afectáballe en principio a un servizo de cobro que estaba nun local alugado en Pontevedra, que se trasladara a Marín, pero que habendo un edificio propio en Pontevedra, o que se trasladaría ao municipio veciño sería o servizo de impostos especiais, mentres que o servizo de Aduana permanecería en Marín trasladándose a un edificio de Capitanía dentro do recinto portuario.

En relación ao deslinde, que se tratara na Xunta de Voceiros e que se encargaría un informe xurídico para discernir o que era mellor para os intereses do Concello.

E por último, falou do alumeado do Nadal, do que o Goberno local quedara “moi descontento”.

Muradas, que non abrira a boca en todo o pleno máis que para cuchichear con Veiga en momentos puntuais, tiña ganas de comezar tirando a dar: “Vagancia e chulería” foron algúns dos piropos que lle dirixiu ao grupo de Goberno, criticándolle que as catro xuntas de Goberno do mes anterior invertiran soamente hora e cuarto. Queixouse por enésima vez de que non se lle contestan as preguntas sobre o Arela, e insistindo en ter “acceso permanente” ao expediente que o Concello lle abrira a Antalsis. Tamén chamou a atención sobre un “trasego” de cadros entre o Museo Torres e o Concello, pedindo “que se firmen os ‘recibí’ deses trasegos”. E ante o abraio xeral, a súa intervención rematou nunha curiosa anécdota que será recordada pola ignorancia que demostrou ter en materia de novas tecnoloxías.

-“Que es ese pinganillo que parpadea encima de la puerta de la sala?”, preguntou, explicando que se fixara na luz durante o momento que o Psoe e Mar-In se ausentara durante o debate do recoñecemento de débeda.

-“La wifi”, dixo Gestido dende o bando do PP.

-“Que es, qué?”, interrogou Muradas. Risotada no PP e no público.

-“La conexión inalámbrica a Internet”, contestou Gestido con expresión atónita.

…Incrible pero certo. Muradas, que intercambia susurros con Ipad Veiga, aprendeu esa noite o que é unha wifi. E durmiu máis tranquilo sabendo que o que parpadea no teito non é un lucecú nin unha cámara oculta de Método 3.

En canto ás súas preguntas, María Ramallo contestoulle que as reunións “non é o que duran, senón o que resolven”. Que efectivamente se lle abrira un expedente a Antalsis “cando o indica o informe xurídico” e despois de valorar os “perxuízos”, tendo en conta que había “tres pleitos pendentes” con esa empresa. Que os cadros estaban no faiado do Museo e que o encargado do Museo “leva o control”.

Despois de catro horas de intenso adestramento facendo malabarismos co seu bolígrafo, Pazos Lamoso, loxicamente, tiña que preguntar por asuntos deportivos: Ao fío dunha visita do delegado de Deportes da Xunta, Lete Lasa, reclamou que se lle volvera pedir que a Xunta cumplira “o que promete” en relación ás mellores plantexadas no recinto de San Pedro. Preguntou tamén se estaba desbotado o proxecto de campo deportivo en Seixo. E, seguindo as tácticas de Veiga, empezou enredando co campeonato de baloncesto junior, que “ían saír gratis e xa imos por 30.000 euros”, seguiu cuestionando que Marín tivera infraestrutura hoteleira para albergar citas deportivas dese nivel, argumentando que “nestes momentos a xente pasa dificultades e a pesar diso organízanse bailes de salón e festas moteiras” e que era “escandaloso” que o Goberno local non prioirizara para dar axudas á compra de libros de texto e organizar cursos formativos para desempregados, e que por iso “imos hinchar a riri coas próximas facturas” e máis bla-bla-bla.

…Pero céntrese Lamoso, que a esas horas intempestivas da noite a xente está para algo máis que escoitar falar do seu libro. Tanta verborrea para preguntar “se se valorou o retorno económico” das actividades que apoia o Concello.

María Ramallo confirmoulle que o proxecto en Seixo desbotárase “porque este ano non hai posibilidade” orzamentaria. Que a pesar das dificultades económicas o Goberno local pretendía “optimizar o diñeiro dispoñible e apostar por mellorar as infraestruturas deportivas”. Que, nesa liña, estábase valorando un proxecto de campo de herba sintética no campo de Santomé, propiedade da comunidade de montes. Que a aposta polo baloncesto era “interesante” e que por iso se realizaran melloras nos pabellóns “financiadas pola Deputación”. Que a capacidade hoteleira de Marín “é a que é” e por iso estábase plantexando establecer unha colaboración coas infraestruturas hoteleiras da Escola Naval “para que a xente quede máis en Marín”. E que as obras na Laxe comezarían este verán.

Turno para Pilar Blanco. As cousas empezáronse a torcer. Criticou a voceira do Bng que a moción das preferentes aprobada en decembro non se remitira aínda a pesar de que o PP dixéralle á prensa que se remitían “en tempo e forma”. E sobre o expediente de rehabilitación do restaurante de Portocelo, “non había por onde collelo”.

María Ramallo comezou dándolle un toque de atención que chamou a atención, non polo fondo, senón pola forma: Ten vostede o mal costume de ir polos servizos administrativos do Concello a ver se picotea algo, e teño queixas dos funcionarios pola actitude súa de dificultar o seu traballo”. A cara de Pilar Blanco empezou a palidecer primeiro, revirarse despois, botar fume…

A alcaldesa empezou a contestarlle: “Eu son quen asina o acordo pero non vou levalo ao rexistro de saída, reúnome coa plataforma de afectados todas as semanas, están informados e faise todo o que se pode”. Ramallo criticou a “inquina” de Pilar Blanco polas datas co ánimo de collela “nun renuncio para montar unha historia”, unha actitude que calificou de “triste”.

A esas alturas, Pilar Blanco levaba xa un rato interrompendo o turno de palabra de María Ramallo, falando ao mesmo tempo que ela para que non se lle escoitara: “Cando non me deixa falar non lle contesto máis”, advertiulle a alcaldesa. “É que se se queixan do meu modo de actuar quero saber quen é para pedirlle desculpas”, replicou Pilar Blanco.

…Impresionante. O panorama estaba empezando a adquirir dimensións surrealistas e a situación dexeneraba por momentos.

María Ramallo deulle a palabra a Vilaboa. Aí xa o Pleno acadou un punto insostible. “Grazas por deixarnos falar”, espetoulle Vilaboa a María Ramallo.

A todas luces, o dúo Blanco&Vilaboa conseguiran poñer o pleno a punto de caramelo, onde a eles lles gusta encender a mecha para que todo explote; ou que vén sendo o mesmo: rematar de reventar a sesión. Cinco horas de pleno. O mínimo que se pode agardar dos concelleiros é seriedade e respecto; xa non só pola institución que representan, senón pola cidadanía, cando menos a que ten a forza de vontade de agantar pacientemente todo ese tempo para ter unha experiencia directa do que alí se di e se escenifica. Sen necesidade de que os xornalistas o vaian contar dous días despois en función de como o pinten uns grupos e outros. Pero Vilaboa&Blanco non están polo labor de colaborar en prol dun bo clima democrático e o que fan é botarlle máis e máis cizaña á caldeira da locomotora para que acabe descarrilando.

“Espero que retire o que dixo porque o teño anotado”, ameazou Vilaboa tras escoitar a queixa da alcaldesa. “Aquí o problema é descubrir algo”, engadiu o concelleiro do Bloque, que con esas palabras o que facía era transmitir a imaxe dun Concello corroído polas intrigas e a corrupción. Vilaboa facía unha enardecida defensa “do dereito dos concelleiros a obter a información que precisan para facer o seu labor de oposición”, ao tempo que acusaba a Ramallo de “actitude antidemócrata, de mentir e asoballar a oposición”. Levantando ben a voz, Vilaboa queixábase de que a alcaldesa non lle entregaba a documentación nin lle contestaba ao que el preguntaba.

A discusión parecía non ter fin. María Ramallo preguntáballe que rogo ou pregunta quería facer e Vilaboa seguía erre que erre, co seu axuste de contas. “Está facendo abuso deste turno”, advertiulle María Ramallo. “Quere facer rogos e preguntas, ou quere estar de broma”. Vilaboa non atendía a razóns e seguía botando imprecacións. “Estamos tomando de broma, quítolle a palabra”, rematou por dicirlle María Ramallo, farta do show de Vilaboa, que nos seus adentros debía estar moi orgulloso de volver saír coa súa. “Que conste en acta”, exclamou Vilaboa, demostrando que o seu era unha actuación en toda regra para que o pleno acabara en incidente. María Ramallo deulle un segundo aviso e perdiulle que abandonara a sala. O policía local xa se lle achegaba a Vilaboa para acompañalo ata a saída mentres Vilaboa seguía berrando: “Quero preguntar!”. Esther Crespo impertérrita. Pilar Blanco tesa coma un gharabullo.

Desde o bando de enfronte escoitouse a Benito Touriño: “Con educación…”

Simplemente, LAMENTABLE.


Responses

  1. En canto a Muradas, de tod@s é coñecida a súa iñorancia con todo o que teña que ver con ordenadores e con Internet.
    Nos tempos do goberno bipartito, cando Erasmo escribía sobre os polígonos no foro Marinenses.com, Muradas mandáballe a unha persona que lle imprimira todos aqueles artigos para poder lelos.

    En canto a Pilar Blanco ten un grave problema de adaptación. Era tanta a seguridade que tiña de que ía ser a próxima alcaldesa de Marín, que cando lle chegou o batacazo non pudo asimilalo. Como consecuencia, ese rencor contra a actual alcaldesa, convírtese en veleno. Esa muller vai acabar mal.

    Vilaboa, pola súa parte, ten dous problemas: un é a mala educación que o caracteriza. O outro é o seu “apego” a Pilar Blanco.

    • Quédanme unha ducia de páxinas no caderno de notas dos plenos. Que apostamos a que non me chegan! Canto irá durar o pleno desta tarde-noite-madrugada? E total, para tratar… que?! Algo útil, proveitoso dende o punto de vista cidadán? Algún discurso intelectualmente edificante?
      …Son simples preguntas retóricas…


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: