Publicado por: MontePituco | 12/02/2013

PLENO DE FEBREIRO (I)

O pleno de febreiro comezou aprobando a acta, mais non a da sesión do mes pasado, senón a de decembro de 2012. A independente Isabel Martínez Epifanio preguntou se ía ser “habitual” esa dinámica de encadear actas atrasadas, ao que María Ramallo contestou explicando que o de xaneiro fora un pleno longo e que se a acta estivera rematada, teríase presentado na sesión dese día, mais non era o caso. Aprobouse por unanimidade.

No seguinte tema informouse das alegacións ao regulamento de venda ambulante, cuxo prazo de exposición pública rematou o 7 de xaneiro. Presentáronse 3 alegacións, das cales só se admitiu unha, referida á autorización de venda a máis familiares: os pais podían habilitar os fillos para atender o posto, pero non ao revés; os fillos non podían habilitar os pais.

O Bng e o Psoe abstivéronse. Muradas afirmou que o expedente tramitárase mal e pediu que este tema quedara sobre a mesa. Pilar Blanco criticou que, malia ter durado 8 meses a tramitación do regulamento, non supoñía novidades alén da adaptación á lei. A edil nacionalista queixouse de que o Goberno local “non fai ningunha iniciativa seria para reactivar os mercados ambulantes e xerar emprego”. Tamén advertiu que habería “serias dificultades para aplicar o regulamento e que o Concello carecía de persoal para controlar o seu cumprimento. Tampouco deixou pasar a ocasión para botar lixo sobre a xestión da Concellería, afirmando que permitía “tinglados”; e calificou de “incongruencia” que na festa corsaria non se lles cobrou aos vendedores, que “fixeron negocio en chan público”.

O único grupo que apoiou a aprobación do regulamento foi Mar-In. Isabel Martínez lembroulles aos grupos da oposición que “todos puidemos melloralo” cando tiveron responsabilidades de goberno. Aínda así, coincidiu co Bng que “hai problemas” para garantir o cumprimento da ordenanza e pediulle ao PP que faga o posible para que os vendedores ambulantes sigan o regulamento.

…O pleno comezou así de aburrido. Antes de iniciar o terceiro punto na orde do día, parte do público xa miraba para o teito mentres o concelleiro Antonio Traba -que chegou tarde- non paraba de mascar, e mascar… chicle? Pero a sesión foise animando na liña habitual: enredar, marear e repetir.

Á hora de tratar a resolución ás alegacións -presentáronse 11- no proceso de disolución do Padroado de Cultura, a concelleira Beatriz Rodríguez lembrou os argumentos que xa expuxera no pleno do pasado mes de decembro: razóns de persoal e acadar unha maior funcionalidade, para o que se celebraran dúas mesas de negociación que remataron sen acordo. Así, trala disolución do Padroado, o Museo Torres quedaría adscrito ao sistema público de museos, xestionado polo Concello.

A socialista Luz Santiago anunciou que o Psoe votaría en contra e calificou de “cacao maravillao” este asunto. Foi a primeira en chamarlle a atención á concelleira de cultura por referir que unha das alegacións fora presentada por Manuel González Prieto, mais non a título persoal, senón como representante do sindicato CSIF. “Farragoso, tramitado con moita présa” foron outros defectos que Luz Santiago lle puxo a este expedente, do que augurou que “á larga, vai traer cola co persoal”. Insistindo na súa intervención de hai dous meses a respecto deste asunto, volveu insistir en que suprimir o Patronato “é un erro” porque, aínda que o persoal desempeñe as mesmas funcións e cobre o mesmo, con esa figura podíanse conseguir subvencións que a través do Concello non se poden obter.

No turno do Bng sorprendeu que intervira Xosé María Vilaboa en vez de Esther Crespo, que de vez en cando tusía. O voceiro nacionalista tiña o día chistoso: “Parece que se estaba presentando a unha oposición”, espetoulle a Beatriz Rodríguez para criticar o tono da súa intervención como concelleira de Cultura. En parte con razón, porque as intervencións da concelleira están case sempre suxeitas ao uso dos papeis e adolecen de cercanía; de tan técnica e ta -por deformación profesional- xurídica, carece de frescura.

Vilaboa pediulle que deixara o tema sobre a mesa, que convocara a mesa de negociación, e xustificou por que o seu grupo ía abterse: “Isto é unha chapuza”, asegurou, criticando que o expediente tramitárase “a correr”. En canto ás alegacións, “hai que tratalas con respecto”, díxolle á concelleira, argumentando que “hai cousas nas alegacións que teñen razón, hai que actuar con sentido común”. Como se o Bng puidera acreditar o sentido común co que actuou durante a súa etapa no anterior goberno; mais, auga pasada xa non move muíño.

Aínda que xa en decembro apoiara a disolución do Patronato, unha decisión que secundou tamén neste pleno de febreiro, a concelleira de Mar-In foi máis crítica aínda con Beatriz Rodríguez. Para empezar, botoulle en cara que non fale en galego: “Vostede é concelleira de cultura e ten máis obriga que os demais a respectar o galego”. Esta crítica debeuse a que, na súa intervención, Beatriz Rodríguez leu en castelán un fragmento do informe que estaba escrito en galego, un detalle ao que tamén se referiu de refilón Vilaboa. “Non é a primeira vez que traduce o galego ao castelán; entrene, lea en galego e custaralle menos; como traduce mentres le, non lle será tan difícil ler en galego”, reprochoulle.

Isabel Martínez volveu incidir no que xa comentara hai dous meses: o Padrodado non estaba a cumprir a súa función, e o feito de depender de Cultura responsabilizaría máis a Concellería para que, en diante, funcionen mellor as casas de cultura de Mogor e Seixo, a biblioteca e o museo Torres. “Que funcione a lectura e a cultura”, concluiu.

No turno de réplica, Beatriz Rodríguez intentou minimizar os discursos do Psoe -“repite sus argumentos”- e do Bng, recalcando que esta medida non lle afecta ás funcións dos traballadores e que busca a funcionalidade. Luz Santiago apoiouse na intervención de Vilaboa. E Vilaboa, despois de felicitar a concelleira de cultura porque “leu en galego e non lle pasa nada na boca”, intentou sacar punta do tempo perdido na tramitación do expedente e da intervención que fixera Beatriz Rodríguez no pleno de decembro, na que non prevía a celebración de máis mesas de negociación, motivo polo que o sindicato acabou presentando alegacións.

Despois de escoitarlle dicir que faltaba un documento e a concelleira non sabía onde se atopaba, Isabel Martínez díxolle, nun ton irritado, que levara “os temas preparados” ao pleno, porque “non pode dicir que non é responsable de onde están os papeis”.

“No sabía que era el día de las Letras Gallegas y que tenía que hablar en gallego”, dixo a concelleira. Inaceptable comentario. A edil de Mar-In ten toda a razón cando insta a Beatriz Rodríguez a dar exemplo, a exercer como defensora da cultura, que é o mesmo que dinamizar o uso do galego predicando coa propia experiencia. Non vale a excusa de que o castelán é unha lingua tan oficial coma o galego. No mandato anterior, o alcalde era delegado de normalización lingüística; usaba o galego daquela maneira, unhas veces si e outras non. Así como deixou de desempeñar esa función, xa volveu ser plenamente castelán-falante. Ata o punto de que, neste pleno de febreiro dixo en varias ocasións: “Bloque Nacionalista Gallego”. Os seus colegas do Bng non lle pediron corrección ningunha.

Para ir zanxando o debate, Beatriz Rodríguez expuxo que na segunda mesa de negociación houbera “boa vontade” para chegar a un acordo que non se acadou finalmente, e acusou o Bng e o Psoe de que “en vez de facilitar o funcionamento das cousas, queren todo o contrario e xerar confusión”.

Por último, a alcaldesa sinalou que non había inconvinte en sustituir o nome e apelidos do funcionario alegante pola súa calidade como representante do sindicato.

Primeiro votouse a proposta do Bng de que este tema quedara sobre a mesa: Mar-In abstívose, Psoe e Bng votaron a favor, o PP votou en contra. En segundo lugar votouse o dictame da comisión informativa, que quedou aprobado cos votos a favor do PP e Mar-In, fronte ao Psoe que votou en contra e o Bng que se abstivo.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: