Publicado por: MontePituco | 11/02/2013

‘MONTE PITUCO’ ALEGA CONTRA O PARQUE EÓLICO DE PEDRAS NEGRAS: PARALELISMOS DUNHA DESFEITA

Afeccións do parque eólico de Pedras Negras (fonte: Morrazo 20 20).

AFECCCIONES Ó MEDIO. As liña violetas son APERTURA DE NOVAS VÍAS ( mais de 17km!!), o rectangulo verde e UN EDIFICIO de SUBESTACIÓN ELÉCTRICA, os azuis EDIFICIOS DE INSTALACIONS, e o conxunto un XIGANTESCO CIRCUITO ELECTROMAGNÉTICO, pasando pegado o dolmen de Chandarquiña , por encima do Río da Fraga e moi preto do nacemento dos pricipais Ríos da comarca. A vía que percorre o parque ten que estar deseñada para que un TRAILER DE MAXIMAS DIMENSIONS chegue cargado a todolos puntos; esto é: pendentes, radios de xiro, ancho de rúa….esto ten un nome URBANIZAR O MONTE! [Fonte: Morrazo 20 20]

DEFENDE O MONTE PITUCO sumouse a varios colectivos sociais -como a Plataforma Montes do Morrazo, Luita Verde, Colectivo Nacionalista de Marín, Movemento Veciñal polos Bens Comúns, Queremos Galego Marín ou Parapente Morrazo, entre outros- e persoas que, a título individual, presentaron alegacións contra o proxecto do parque eólico de Pedras Negras, que lles afecta aos concellos de Marín, Moaña e Vilaboa. De feito, existen moitos paralelismos nos motivos para rexeitar tanto a instalación deste parque eólico como para opoñerse ao proxecto de construcción do polígono industrial que proxecta o PXOM marinense no Monte Pituco: a afección aos mananciais, á fauna e á flora autóctona, ao patrimonio arqueolóxico, ou o impacto visual nunha zona de alto interese turístico e paisaxístico, sen esquecer que o Pituco, ao igual que Pedras Negras, están integrados nos Montes do Morrazo, inscrito no Rexistro Xeral de Espazos Naturais de Galicia e catalogado desde 1990 como chan rústico de especial protección de espazos naturais polas Normas Complementarias e Subsidiarias de Planeamento da provincia de Pontevedra.

Como din as alegacións presentadas ante a Consellería de Economía e Industria en relación ao proxecto do parque eólico, “habería que avaliar moi polo miúdo se a produción eléctrica destes aeroxeradores neste lugar contrarresta o altísimo impacto paisaxístico que producen.” Do mesmo xeito, habería que avaliar se a produción económica das empresas que chegaran a instalarse no Monte Pituco contrarrestaría o altísimo impacto paisaxístico que ían producir nesta ubicación”.

En base ao dano irreversible que se lle causaría ao Monte Pituco pola súa catalogación como espazo natural, e á alteración tan agresiva que sufriría para corrixir a forte pendente do terreo, este colectivo veciñal considera que o PXOM debería ter respectado a súa catalogación como solo rústico de especial protección, onde están explícitamente prohibidos os usos industriais. Non en van, o Informe de Sostibilidade Ambiental, xa recollía que esta zona tiña unha capacidade limitante absoluta para usos industriais e residenciais.

Afeccións do proxecto de parque eólico de Pedras Negras (fonte: Morrazo 20 20).

PARROQUIAS AFECTADAS: MOAÑA _ 2 en Meira (Sta. Eulalia) _ 9 en Domaio (S. Pedro) VILABOA _ 2 San Adrian de Cobres (Sto. Adrán) MARÍN _ 2 Sto. Tomé de Piñeiro (San Tomé)

Ao igual que no caso do Monte Pituco onde, de xeito totalmente irracional e contrario o sentido común, primaron os intereses económicos, en Pedras Negras o interese dunha empresa ou empresas, en connivencia coa Xunta, tamén cualificou a zona como “solo rústico de protección ordinaria”, cando a súa verdadeira clasificación debería ter sido “solo rústico de protección de espazos naturais”.

Un dos motivos nos que se basearon as alegacións presentadas ata o día de hoxe, cando remataba o prazo de exposición pública, radica en que o proxecto do parque eólico en Pedras Negras incumpre o Plan Sectorial Eólico de Galicia. Hai entidades que chegaron a reunir ata 40 argumentos en contra desta infraestrutura; o que dá a imaxe da pouca seriedade coa que se plantexan estas iniciativas e a falta de garantías legais, o que obriga a cidadanía a rebelarse, informarse, mobilizarse e actuar colectivamente para frear inxustizas que, con honestidade e rigor por parte po poder económico e político, podíanse evitar. Pola contra, a sociedade ten que estar sempre vixiante; nin sequera os partidos que se supón que deben fiscalizar a acción de goberno son dignos de confianza.

Cómpre, felicitar, por tanto, aos promotores das accións a prol da conservación de Pedras Negras por seren capaces de involucrar a unha parte importante da bisbarra, por organizar roteiros reivindicativos, por conseguir algo tan importante como o apoio dos comuneiros das parroquias de San Adrián de Cobres, Domaio, Meira, Moaña e San Tomé de Piñeiro.

Afeccións do proxecto de parque eólico de Pedras Negras (fonte: Morrazo 20 20).

ANALISIS IMPACTO VISUAL. AREAS DONDE É VISIBLE O PARQUE. A imaxe e moi significativa, UNHA FERIDA ABERTA NO CORAZÓN DO MORRAZO E DAS RÍAS BAIXAS [Fonte: Morrazo 20 20].

As comunidades de montes teñen moito que perder con este proxecto eólico. Por desgraza, a comunidade de (des)montes de San Xulián está noutra órbita; na órbita do diñeiro fácil e rápido. A diferenza desta, as comunidades de San Adrián, Domaio, Meira, Moaña e San Tomé non queren renunciar ao que consideran a galiña dos ovos de ouro. Como se expoñía nas alegacións contra o plan eólico, “o proxecto de Pedras Negras vai a supor un cambio da cualificación urbanística dunha parte dos terreos afectados polo parque eólico, que van catalogarse como solo rústico de protección de infraestruturas. Este cambio imposibilitará a realización dalgunhas actividades que ate o de agora eran posibles nestes terreos, polo que cómpre ter en conta o lucro cesante do cambio de cualificación; cuestión esta que non se realiza na información pública do proxecto de parque eólico Pedras Negras”. Isto é actuar con intelixencia; o demais é plegarse aos intereses políticos e económicos. 

Ademais, advirten con moi bo criterio que “as actividades gandeiras e forestais contan con grande importancia no terreos afectados pola instalación eólica. Moitos dos terreos afectados polo parque eólico forman parte de subvencións relacionadas coa actividade gandeiras, forestais e iniciativas dinamizadoras como por exemplo as axudas da Política Agraria Común (PAC)”. Se prospera o parque eólico, deixarán de ter posibilidades de optar a esas valiosas axudas comunitarias para impulsar proxectos de dinamización do medio rural.

Lamentablemente, este tipo de estratexias son ciencia ficción nunha comunidade onde o monte está a monte: nin se aplica un plan de xestión forestal, nin se realizan traballos de limpeza, nin se pon en valor o patrimonio histórico e etnográfico, nin se fai acondicionamento de pistas, nin hai convenios de colaboración con institucións académicas do ámbito universitarios para potenciar a investigación e a formación de profesionais como fan noutras comunidades veciñas, nin se interactúa con colectivos sociais de defensa da natureza, nin de actividades de lecer ao aire libre, como sendeirismo… Nin nada de nada que teña un mínimo nivel cultural, social, intelectual. A única (in)cultura asociada ao monte é a proliferación de vertedoiros incontrolados pola nula vixiancia, o descoido na conservación dos xacementos arqueolóxicos, o descontrol do gando mostrenco, a permisividade con prácticas motorísticas irregulares fóra das pistas forestais autorizadas, o negocio lucrativo coa práctica do fútbol nun campo que semella unha finca particular…

Afeccións do proxecto do parque eólico de Pedras Negras (fonte: Morrazo 20 20).

DATOS XERAIS, DIMENSIONS E SUPERFICIES DA INSTALACIÓN DO PARQUE EÓLICO NO ESPACIO NATURAL MONTES DO MORRAZO [Fonte: Morrazo 20 20]

“A instalación do parque eólico afectaría a prevalencia dos usos tradicionais forestais, agrogandeiros, silvopastorís e, xa que logo, o patrimonio social, económico, cultural e ecolóxico do monte mancomunado das parroquias de San Adrián de Cobres, Domaio, Meira, Moaña e Santo Tomé de Piñeiro. A grande envergadura dos aeroxeradores e as súas pás farían imposíbeis as repoboacións forestais con especies arbóreas na liña onde estiveran situados para poder obter o vento. (…) Non existe un estudo económico realista nin existe unha valoración do lucro cesante que a implantación do parque eólico suporía para as distintas comunidades de montes e propietarios particulares. Non se ten en conta que a actividade forestal, agrícola ou gandeira, xunto co custe de oportunidade para o sector turístico, pode aportar uns beneficios económicos maiores. Beneficios económicos e tamén ambientais, estes últimos non cuantificados”.

As alegacións dos colectivos contrarios ao parque eólico teñen claro que non existe ningunha actividade que, xustificadamente, deba primar sobre “os valores e o interese social e público do monte veciñal en man común”; por iso demandan a súa prevalencia, baseándose no disposto na lei 13/1989 que regula os montes veciñais.

Os afectados polo parque eólico de Pedras Negras tamén poñen de manifesto nas súas reclamacións “a existencia de augas veciñais na contorna do proxecto de parque eólico, polo que habería que considerar os posíbeis impactos nos recursos hídricos e respectar a protección de concas que determina o Plan Sectorial Eólico de Galiza”.

Tamén no Monte Pituco temos localizados os mananciais subterráneos que, dende tempo inmemorial fornecen os veciños das vivendas próximas, e as leiras de regadío. O movemento de terras e as excavacións que lle afectarían aos nacementos e os cursos dos ríos Miñouva, Libón, Río dos Ladróns, os afluentes do Río Maior, Rego da Maceira e Neibó, así como ás brañas de Corno Peneda e Monte Sobreira, no proxecto de Pedras Negras, tamén serían motivo de contaminación e estrago dos acuíferos do Monte Pituco e do seu contorno. En DEFENDE O MONTE PITUCO non estamos dispostos a renunciar a ese legado.

 Afeccións do proxecto de Pedras Negras (fonte: Morrazo 20 20).

Tamén reivindicamos a calidade de vida da que gozamos, e que xa se veu en parte alterada polo trazado da Variante de Marín. Pero a veciñanza non está disposta a sacrificar o seu dereito a unha vida relativamente afastada das aglomeracións de tráfico propias das zonas urbanas, do tránsito de vehículos pesados, da emisión de gases contaminantes que procederían as hipotéticas empresas que aspiraran a instalarse no Monte Pituco. E, dende logo, é absolutamente inasumible aturar verquidos nas correntes de auga, como acontece noutros polígonos que nos rodean.

Neste sentido, as alegacións contra o parque eólico tamén alertan contra os posibles impactos da contaminación electromagnética, de como incidiría na saúde da poboación que reside preto do parque; dos efectos do chamado “efecto discoteca” que se produciría ao reflectirse a luz do sol nas pás en movemento dos aeroxeneradores.

Outro apartado relevante das alegacións contra o parque eólico de Pedras Negras ten que ver coa máis que razoable incompatibilidade desa infraestrutura cos intereses turísticos dos concellos afectados, situados entre as rías de Pontevedra e de Vigo. No estudo de impacto e integración paisaxística, indícase que “o sector turístico ten un peso económico moi destacado e, dentro deste sector, o turismo de verán e praia é o dominante”. Así, hai actividades que se apoian no potencial turístico destes municipios: a práctica do parapente a través do Clube Parapente Morrazo, ou o sendeirismo. “É preciso, polo tanto, realizar medidas de análise deste impacto e deseñar medidas correctoras que sirvan para paliar os posíbeis impactos e a compatibilidade ou non da instalación eólica con estas actividades turísticas de tanta importancia na economía da Comarca do Morrazo”, expoñen as alegacións contra o proxecto de Pedras Negras.

Afeccións do proxecto de Pedras Negras (fonte: Morrazo 20 20).

No Monte Pituco non somos alleos ao efecto negativo que tería a instalación dun polígono industrial en plena fachada da ría, afectando directamente un espazo de interese arqueolóxico que podería recibir moitas visitas se estivera minimamente acondicionado como están outros espazos de características similares: os xacementos arqueolóxicos da Caeira en Poio, o parque arqueolóxico de Tourón en Ponte Caldelas, ou os gravados rupestres de Mogor no propio Marín. Co aliciente de que arredor do Monte Pituco existen outros xacementos que, integrados nun roteiro conxunto, conforman un proxecto xa deseñado, o Espazo Natural e Arqueolóxicos dos Sete Camiños, que levamos anos reivindicando a través de publicacións, roteiros, e un documental.

Ao igual que en Pedras Negras, no Monte Pituco existen especies de interese ecolóxico, como a Chioglossa lusitanica, catalogada como “vulnerable”. Existen informes da Consellería de Medio Rural que resaltan a importancia dos Montes do Morrazo; no caso de Pedras Negras, ese espazo ten valores engadidos, como turbeiras e brañas, que se suman á relación directa desa zona co Lugar de Interese Comunitario da Enseada de San Simón.

Tamén cómpre fixarse na riqueza do patrimonio arqueolóxico: a ampliación das pistas existentes, a apertura de novos viais para o paso da maquinaria, a apertura de gabias para a instalación do cableado… todas esas actuacións causarían un impacto terrible nas áreas de protección das mámoas de Fonteseca e Chan de Lagucheiros, od petróglifo de Outeiro do Gorgullo, da área de protección da mámoa de Chan de Arquiña, declarada Ben de Interese Cultural, do proxecto de posta en valor e divulgación cultural e ambiental da rota das mámoas do Morrazo. “No catálogo de xacementos arqueolóxicos faise unha infravaloración de todos os eles resaltando o seu mal estado de conservación cunha intencionalidade clara de infravalorar o noso patrimonio artístico”, precisan as alegacións contra o parque eólico.

Afeccións do proxecto de Pedras Negras (fonte: Morrazo 20 20).

FOTOMONTAXE PARQUE EOLICO DO MORRAZO. CAMPO DE GOLF DOMAIO (esquerda) E ENSENADA DE SAN SIMÓN (dereita). O chan de Pedras Negras en DOMAIO é un destes maravillosos espacios “ALTIPLANOS”, que existen no entorno das CIMAS; que son as fronteiras entre os Concellos, no ESPACIO NATURAL MONTES DO MORRAZO. O parque ocupa unha zona moito mais ampla, extendendose pola liña do perfil mais elevado do monte, ocupando o “SKY LINE”, e FACENDOSE VISIBLE DENDE PRACTICAMENTE TODO O MORRAZO, VIGO, PONTEVEDRA, RÍAS BAIXAS….EVIDENTE A VARIOS KILOMETROS DE DISTANCIA  [Fonte: Morrazo 20 20]

Da mesma maneira, os petróglifos do Pornedo, dos Sete Camiños, da Carrasca… catalogados como Bens de Interese Cultural, resultarán afectados polo proxecto do polígono industrial do Pituco. Non hai garantías de que se respecten as áreas de protección; semella que o parque empresarial fora metido a presión entre os petroglifos, que de ningunha maneira preservarían o seu valor e o seu interese rodeados de asfalto e de moles de formigón.

“Unha forma de poñer en valor todo este patrimonio é creación dun parque temático cos xacementos arqueolóxicos da zona e do resto dos montes do Morrazo, o que tería un potencial histórico-cultural e económico mais importante que o parque eólico. Esta actuación permitiría ademais continuar coa explotación agro-forestal da zona”, precisan as alegacións contra o parque eólico. Da mesma maneira, DEFENDE O MONTE PITUCO vén reivindicando como alternativa a posta en marcha do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños, abarcando territorios dos concellos limítrofes de Pontevedra e Vilaboa, creando unha área de esparcemento para a cidadanía que combine natureza, paisaxe, historia e cultura; de fácil mantemento e perfectamente compatible coa explotación sustentable do monte por parte das comunidades, que resultarían claramente beneficiadas tirando aproveitando da multifuncionalidade do monte.

Por se fora pouco, o parque eólico de Pedras Negras , que prevé a instalación de 4 muíños na zona de Marín (lugares de Miñán, Pastoriza, Allariz e Troncosa), existe unha “área de reserva eólica do Morrazo”, que propón 7 ubicacións alternativas e formarían parte dunha hipotética ampliación do parque: 1 aeroxenerador no Alto da Encavada, 2 no Alto de Castiñeiras, 1 na Chan de Castiñeiras, 1 en Cotorredondo e 2 no Monte de San Lourenzo.

Ao lonxe, o Alto da Encavada.

De ser así, a comunidade de montes de San Xulián resultaría afectada, xunto coa de Santa María de Ardán. “A apertura e ampliación de pistas nas zonas alternativas ou futuras afectarían a área de protección de varias mámoas en Chan de Castiñeiras e de Outeiro de Ombra e toda a contorna da área de lecer da lagoa de Castiñeiras”, advirten as alegacións. Numerosos núcleos de poboación da parroquia de San Xián resultarían afectados polo impacto visual e acústico dos aeroxeneradores previstos nesa suposta área de ampliación: A Bouza, A Grela, Igrexario, A Roza, Macenlle, Pardavila e Rúa Nova, así como Pastoriza en Ardán, e O Pereiro, Silvestre e Cadrelo na parroquia de San Tomé.

Tamén dende o Monte Pituco se verían os muíños, posto que o Alto da Encavada queda xusto por riba do Monte Pituco. E que dixo a este respecto a comunidade de montes de San Xulián? N-A-D-A.

Se o proxecto de Pedras Negras quedaría a menos de 2 quilómetros de diversos núcleos de poboación dos concellos de Marín, Moaña e Vilaboa, razón pola que se pide a súa inviabilidade; o polígono industrial do Monte Pituco quedaría a moita menos distancia dos núcleos da Pena e do Caeiro, por non falar da desfeita natural nun espazo protexido e do impacto visual, do despilfarro económico que suporía acondicionar un terreo que non reúne unhas condicións orográficas favorables para unha urbanización dese tipo. Sería un despropósito e calquera organización ou institución que a apoiara sería cómplice.

Por iso resulta incomprensible a actitude de partidos políticos que, como o Psoe e o Bng, amosaron publicamente o seu rexeitamento ao proxecto de Pedras Negras e, sen embargo, son arte e parte na condena firme e implacable contra o Monte Pituco na súa pretensión de instalarlle un polígono industrial tan alegal como o parque eólico nos Montes do Morrazo.

Vista de Marín, co Monte Pituco na parte inferior, desde o Alto da Encavada.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: