Publicado por: MontePituco | 03/01/2013

PLENO DE DECEMBRO (e IV): ROGOS E PREGUNTAS

Para rematar co amplo resume do pleno de decembro, hai que dar conta da moción que presentou o Psoe a través de Carmen Santiago sobre as taxas xudiciais; unha moción que non tiña ningún obxecto práctico, máis aló do seu efecto simbólico, posto que a nova lei de taxas entraba en vigor o mesmo día no que se celebraba o pleno. E aínda que, a causa do acto solidario cos mariñeiros de Mauritania, a sesión plenaria adiouse uns días con respecto ao segundo venres de mes, tiña tanto sentido antes como despois. O BNG subscribía a moción e tamén pedía a derogación da normativa.

Pero o feito de que o PP metera baza cunha contra-moción que tamén abordaba as taxas xudiciais e que, segundo o PSOE “plaxiaba” parte do contido do seu documento, fixo que os socialistas abandoaran a sala de plenos.

Eran as 23:30 da noite e a cousa, lonxe de ir tocando ao seu fin, complicábase. Beatriz Rodríguez negou que a moción do PP recollera a moción do Psoe e -en ausencia dos socialistas, que non rebatiron o seu discurso- explicou que “as taxas xudiciais xa existían e que, o Psoe non derogou, senón que puxo máis limitacións. Aínda así, Beatriz Rodríguez recoñeceu que o seu grupo era partidario de pedir a reducción da cuantía das taxas que, “son unha barbaridade”.

Isabel Martínez criticou que a moción do PP era “copiada” da anterior do Psoe e calificou de “penoso” que se presenten dúas mocións paralelas sobre o mesmo tema. Vilaboa deixou caer a machada aquela tan desafortunada de Gallardón sobre o feito de que gobernar é “repartir dor”. E a alcaldesa quixo poñer o punto e final ao debate queixándose de que a oposición “critica todo”: se os asuntos van con informe ou sen informe, tanto se pasan por comisión como se non, e que a “mellor intención” do seu grupo nesa cuestión era “chegar a un acordo” que “non foi posible”. E como o PP “non tiña interese en tratar ese tema”, retirábano da orde do día.

No fondo, esta polémica -artificial, como tantas- foi unha manobra do PP que lle saiu ben, como esas hábiles xogadas ensaiadas dos equipos de fútbol: a oposición presenta un tema, o grupo de goberno presenta un contra-tema, a oposición trata de expór os argumentos, e o grupo de goberno actúa con concordia e dá unha imaxe de consenso ata que, no punto onde lle interesa romper a baralla, fai un quebro que acaba prosperando, ben porque gañan en número de votos ou porque, como neste caso, o asunto en cuestión queda fóra. E quedan coma diola, porque os grupos maioritarios da oposición non agantan o tirón e optan pola espantada como medida de protesta, que a fin de contas é unha infantilada.

Pasado este trance, e da maneira máis tonta, aconteceu outra pelotera que tivo como protagonistas a alcaldesa e a Pilar Blanco. María Ramallo a falar, a do Bloque a interrompela: “señora Blanco, no se ponga nerviosa!” e nestas, que mete baza tamén Vilaboa, e xa aquilo a tres bandas chegou a un punto no que Pilar Blanco exclamou de súpeto, traizoada polo subconsciente: “Por favor, Xosé María, estou falando eu!”. Nin a princesa Letizia foi tan impetuosa con Felipe o día no que anunciaban o seu compromiso. Pilar Blanco, for princesa do pobo galaico, xa!

Abrindo o turno de rogos e preguntas, Veiga pediu que se lle entregara o expediente do Arela que xa o seu grupo solicitara por escrito en outubro. Tamén preguntou a que partida orzamentaria se cargou unha viaxe da alcaldesa a Madrid e o nome da empresa que instalara o alumeado navideño.

María Ramallo explicoulle que o grupo socialista “xa teñen parte do expediente porque levaron copia” e que o documento completo, que está na secretaría é moi voluminoso. “No nos llevamos nada a casa”, engadiu a alcaldesa, que lle recriminou a Veiga “que no organizaran antes de marcharse”. Ao resto dos temas contestaríalle por escrito.

Muradas sacou a súa ristra resesa de temas: o Camiño Vello de Seixo, a sinalilzación vertical, as farolas, as árbores non repostas, o espello da rúa Escribano… E a maiores, queixouse de quen fora a idea de ofrecer aparcamento en San Pedro e na Raña. Tampouco pasou por alto a polémica sobre a poda de árbores na Alameda, acusando o Goberno local de “poñer a caldo” os xardineiros municipais, e augurando que a actuación realizada “non garante para nada que no verán vaia haber sombra”. E por suposto, o Arela: se foi aprobado algún reformado do proxecto, críticas porque foi “desnaturalizado” e porque o Concello “consentiulle” ás empresas, que a iluminación tiña que ser en suspensión, que a que bautizou como “fonte da arqueta” ía sufrir actos vandálicos…

María Ramallo optou por comunicarlle que lle contestaría tamén por escrito ” e pormenorizadamente” argumentando que o concelleiro socialista estaba “incidindo” sempre nas mismas preguntas: “Lo he intentado pleno tras pleno, le digo lo que hay y no le satisfacen mis contestaciones”, concluiu Ramallo nun ton molesto.

Tamén interviron Luz Santiago, Pazos Lamoso, Carmen Santiago, que preguntou que medidas tomaría o Concello se o Rexistro Civil quedaba en mans dos rexistros da propiedade.

Cando Pilar Blanco comezou a formular as súas preguntas e rogos a sesión xa superara as 5 horas. Para alivio de dúas mulleres que estaban no público, por fin falaron “do seu libro”. A edil nacionalista lembrou que se presentaran firmas dos veciños para que remataran as obras do muro do Casal. Secundando a Muradas, preguntou se fora modificado o proxecto Arela, por que estivera apagado o alumeado da rúa Méndez Núñez tres días, e que tiña que dicir a alcaldía sobre unha queima de expedientes, asegurando que había fotos e unha acta da Policía Local. Acentuando quen dera a orde para que se cometera un acto de tanta “gravidade”, reclamou que se lle entregara ao BNG a acta “oficial” da policía.

María Ramallo anunciou que a Deputación xa tiña contratado un canteiro para o muro, negou por segunda vez a modificación do Arela, e non entrou a valorar a denuncia sobre a queima de expedientes.

Seguiulle Vilaboa que, ao igual que Muradas, tamén ten unha neveira de asuntos recurrentes; entre eles, o listado de facturas, que volveu demandar por escrito, e o Edificio Castelao, do que tamén pedira documentación. Erre que erre sobre o Arela, o concelleiro do Bng advertiu que “alguén se estaba fumando o proxecto”. Cando comezou a botar un speech sobre modelos de farolas e os seus prezos correspondentes, Muradas debeu botar en conta que esa lección xa a tiña aprendida, e coa mesma ergueuse e abandonou o Pleno. Vilaboa seguiu ao seu: que en vez de ir colgadas e empotradas no chan, agora ían en superficie, que “algo pasa”, que “vostedes van ter moi difícil para xustificar de aquí ao 31 de decembro”…

Máis do mesmo, Ramallo contestaríalle por escrito.

Esther Crespo xa fixera esforzo abondo na súa exigua intervención sobre a supresión do Padroado de Cultura. Unha vez máis non presentou nin preguntas nin rogos; será que todo está perfecto, que nin sequera na súa parroquia hai aspectos mellorables que puideran merecer a súa atención.

A derradeira intervención do pleno foi de Isabel Martínez, que preguntou polo campo de fútbol de San Xulián; e polos sobrantes de terreo a raíz das obras da Variante, a respecto da Administración responsable de inventariar esas superficies.


Responses

  1. Sin lugar a dudas, Pilar Blanco sería unha excelente asesora para calquera príncipe que se precie, incluso podería darlle á realeza unhas clases de tenis, mais que nada, para mellorar o saque.

    • Unha cousa é o “saque” e outra o “saque-te”; ese que se aprovisiona de euros a fin (ou principio) de mes. Mais neses mesteres a realeza xa está abondo adestrada.


Deixa unha resposta a MontePituco Cancelar a resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: