Publicado por: MontePituco | 29/12/2012

PLENO DE DECEMBRO (III): AS FACTURAS DE NUNCA ACABAR

 

Vencellado ao punto anterior sobre a supresión do Padroado de Cultura, o Pleno tamén abordou a redistribución do cadro de persoal municipal. Neste punto, Muradas dixo que facía falta un informe de intervención e que, en ausencia do mesmo, propoñía “que este asunto quede sobre a mesa” por tratarse dun tema que el considera “trascendente”. Vilaboa seguiu erre que erre coa súa retórica de que o grupo de goberno levaba un feixe de meses -dende marzo- sabendo que cumpría xestionar este tema, e que non fixeran nada en todo este tempo. Isabel Martínez advertiu que o expediente estaba “incompleto”, queixouse de que se estaban creando “castas” dentro do Concello e que o tema estaba “pouco traballado” para o seu tratamento no pleno, polo que secundou a Muradas pedindo que fora aparcado.

Beatriz Rodríguez aclarou que “non haberá máis reunións” para tratar esta proposta coa xunta de persoal, pero que “seguirá habendo mesas de negociación”. Confiaba na boa tramitación do tema porque a interventora municipal asistira ás dúas reunións que houbera, e reiterou que as condicións ás que quedan suxeitos os traballadores son “as mesmas”. Finalmente, cos votos do PP aprobouse este punto da orde do día.

Outro óso duro de roer foi o recoñecemento extraxudicial de crédito. O concelleiro de facenda, Manuel Santos, volveu reiterar -outro erre que erre máis- que a xestión feita polo goberno local no que levamos de lexislatura resultara condicionada “a nivel organizativo e económico” pola herdanza do bipartito. Mentres, os do grupo socialista rían. “Vendían que las cuentas estaban saneadas e tiñan todo sen pagar”, recriminoulles Santos Costa. “El descontrol del gasto del bipartito fue mayor de lo que se esperaba”, engadiu.

Francisco Veiga -que tamén é un erre que erre crónico- acusouno de traer sempre “a mesma retahíla” aos plenos e de ocultarlle á oposición a relación de facturas. Por enésima vez, o ex-alcalde defendeu que no seu mandato “nunca ocultamos nada”, que a xestión fora “clara, nítida e transparente”, e gabouse de que “en 12 anos de goberno socialista Marín era dos concellos máis saneados”. Tamén ameazou ao edil popular de que “ao final vaise saber todo” e afirmou que “marcharan dúas interventoras porque non facían os informes como ustedes querían, porque decían la verdad, que había dinero para pagar”. Máis aínda, advertiu que o PP estaba a “endebedar máis aínda” o Concello, con operacións de crédito “caras e sen publicidade”, polo que como consecuencia, Marín “aparece nas listas de morosos”.

Xosé María Vilaboa criticou que se estaban recoñecendo facturas que xa foran pagadas, que o goberno local tardara 10 meses en entregar a liquidación e que aínda por riba o Ministerio de Facenda aínda non lle ingresara ao Concello o importe da retención, “case un millón de euros”.

O edil do Bng secundou a Veiga ao empregar acusacións de certo calado, como “fraude”, sumando a perda de subvencións da Xunta, a retención da liquidación, a falta de orzamento e os 300.000 euros pola contratación do abogado Félix García como asesor da alcaldesa. Vilaboa rematou o seu primeiro round -quince minutos de rollo- pedindo que lle entregaran un informe sobre a situación de intervención.

Isabel Martínez lembrou que o Goberno local “empeñárase” en pedir un crédito que ten “un xuro moi alto” e demandou que “xa que en 2011 non houbo orzamento porque non daba tempo, e tampouco o houbo en 2012, que o fagan en 2013”.

Nos turnos de réplica, Santos Costa, Veiga e Vilaboa enredaron nunha polémica sobre a actualización do IBI na época do bipartito, ata o punto de que o socialista e o nacionalista fixeron tándem para pedir que se recolleran na acta as palabras do concelleiro do PP porque podían traer consecuencias. “Prefiero ser bolichero aunque no tenga boliche y no pufero como usted” foi outra das lidezas que lle chantou Santos Costa a Veiga, que elevou o listón da ordinariez con comentarios como “Núñez Feijóo me pone” ou “aunque me pidiera el número de teléfono le iba a tener que decir que no”.

Normal que Isabel Martínez lles chamara a atención por facer “bromas” de mal gusto tendo entre mans un tema “tan serio” como o estado de contas do Concello. Pero menos mal que temos a Vilaboa para preguntar no servizo de intervención como andan de liquidez: “Temos 3 millóns en conta e pendente case un millón do Ministerio”. Respiremos todos tranquilos, que aínda non temos que ir empeñar os collares de pérolas nin as peinetas de nácar das avoas para chegarmos a fin de mes.

Cos votos do PP, unha vez máis, aprobouse o recoñecemento extraxudicial de crédito.

Despois tratouse un problema urbanístico: o peche dunha parcela na Brea, sobre a que pesa un expediente de infracción porque o informe que autorizou a obra estaba mal, xa que non estaba clasificadaa como solo rústico, senón como solo de desenvolvemento previsto. Francisco Veiga solicitou que se lle pediran explicacións ao técnico que elaborou o informe, argumentando que o Concello quedaba exposto a unha “situación delicada” se os tribunais lle daban a razón á persoa que denunciou a obra.

Coma se dun dejà-vu se tratara, Vilaboa volveuse queixar de que dende o mes de marzo, cando este mesmo tema quedou “pendente de estudo”, ata este momento, “non se moveu nin un só papel” e que, como tampouco se tratou na Comisión de Urbanismo, era o Pleno o que tiña que “comer o marrón”. “Por sorte” -engadiu Vilaboa- “a clasificación do PXOM é a mesma”.

Pola súa parte, Isabel Martínez reprendeu a Santos Costa porque “non prepara” os temas para as comisións informativas de Urbanismo, corroborando que esta cuestión non se tratou. E ao igual que os anteriores voceiros da oposición, criticou que “non é a primeira vez que se emite un informe que causa perxuízos” e que “alguén terá que ser responsable destes desbaraxustes”, cuestionando a eficacia do servizo municipal de disciplina urbanística cando “ten que ser un particular o que faga o seu traballo”.

Seguiron dous temas de tráfico que se aprobaron por unanimidade sen necesidade de entablar debate: un sobre a adhesión do Concello a un convenio coa Federación Española de Municipios e Provincias e a Dirección General de Tráfico para o intercambio do censo de condutores e vehículos; e outro sobre o tratamento de datos de carácter privado nun convenio coa Xefatura Central de Tráfico.

Eran xa as 22:50h e a alcaldesa propuxo un receso para tratar as mocións de Mar-In e do BNG sobre o proxecto de instalación dun parque eólico nos Montes do Morrazo; un tema que xa comentamos no primeiro capítulo deste repaso ao Pleno da Corporación.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

A %d blogueros les gusta esto: