Publicado por: MontePituco | 28/12/2012

PLENO DE DECEMBRO (II): SANEAMENTO & PADROADO

O sanemento do rural foi o segundo tema do Pleno, para aprobar unha addenda ao convenio coa Xunta, que remataba este ano. No seu habitual ton burlón, Veiga criticou que o rural segue nunha “situación lamentable” e que parroquias como a de Esperela levan dende 2010 agardando polo saneamento. “Nos están haciendo buenos a nosotros”, ironizou o voceiro socialista que, para comezar o seu show estelar comentou que a addenda viña ao derradeiro pleno do ano porque os do equipo de goberno local “igual creron que acababa o 12 do 12 do 12, coma supostamente predeciran os maias.

Un ás veces non sabe se ir aos plenos cun refresco e un cubo de palomitas, como quen vai a unha función circense. Pero abofé, non se hai que esforzar moito para facelo sequera un pouco mellor que o lamentable tándem Psoe-Bng marinense.

A pesar da súa palabrería barateira, Veiga anunciou que o seu grupo apoiaría a addenda.

Seguiulle Pilar Blanco, que lle reprochou ao PP que dende a sinatura do convenio en agosto de 2010, os populares “non axudaran a nada” cando estaban na oposición. E lembroulle que o Bng non fora precisamente “destrutivo” cando apoioi a sinatura doutra addenda en agosto de 2011. En calquera caso, queixouse de que ao longo de 2012 os do PP “foron incapaces de poñer un só proxecto máis” en marcha e que, por riba, “agocharon” o expediente para non pasalo pola comisión informativa e evitar explicar por que non fixeron a consignación orzamentaria en 2012, para que o investimento se retrasara a 2013 e 2014. En conclusión, Pilar Blanco calificou de “trapallada total” a xestión da concelleira Marián Sanmartín.

Nesa mesma liña, Isabel Martínez afirmou que o tema se presentaba “tarde, mal e pola porta de atrás”, máxime vindo dunha concelleira con dedicación exclusiva, e que grazas a que o Goberno local traballaba cun “goberno amigo” na Xunta, sabía que a Administración autonómica presentaría unha addenda. Pero máis aló diso, a edil de Mar-In lembroulle ao Bng -moi apañados eles para venderse, no sentido literal e figurado da palabra- que “máis do 80% do saneamento xa estaba feito cando eles chegaron” grazas ao traballo de Mar-In cando ocupaba responsabilidades de goberno en coalición cos socialistas.

Rematado o primeiro turno de intervencións, ocorreu algo chamativo: Marián Sanmartín non quixo defenderse das críticas da oposición e no seu lugar María Ramallo ía rematar o debate, cando o voceiro do Psoe enervouse e esixiu que se lle dera a palabra por segunda vez “para responder o silenzo da concelleira”.

Total, para non facer ningunha aportación interesante, ningunha reflexión construtiva -tanto que se vanagloria de ser tan estupendo e marabilloso- senón para descalificar e pouco menos que insultar, calificando de “soberbia a prepotente” a actitude da concelleira.

O único no que puido ter razón de todos os sapos e culebras que lle saíron pola boca foi en considerar “sangrante” o silenzo de Marián Sanmartín que, verdadeiramente, non pode acollerse sempre ao refrán de que o maior desprezo aos ataques é non darlles aprezo. Desa maneira queda en evidencia a súa limitada capacidade dialéctica, un mal moi extendido entre os integrantes do equipo de goberno, que cada dúas por tres son vapuleados pola oposición ata que a alcaldesa entra a rebato para zanxar as discusións e defender a xestión do seu grupo municipal, como se os demais concelleiros non tiveran lingua nin argumentos para xustificarse de seu.

Como era de esperar, Pilar Blanco puxo o grito no ceo magnificando ata o extremo a situación: que se os Plenos son para dar “explicacións públicas”, que se a actitude da concelleira era unha “falta de respecto” e unha “falta á democracia”… Como se os veciñ@s que alí estabamos non tiveramos cabeza para valorar pola nosa conta o silenzo de Marían Sanmartín e tivera o Bng que vir a rescatarnos da ignorancia.

Máis razoable, o rapapolvos de Isabel Martínez, aínda incidindo na “falta de respecto” da concelleira de Medio Ambiente dando a calada por resposta, quixo deixar en evidencia que o máis honesto pola súa parte tería sido “recoñecer que se equivocaron”.

E por enésima vez, a alcaldesa-bombeira María Ramallo, acabou apagando o lume ao explicar en que fase se atopaba cada un dos cinco proxectos contemplados no convenio do saneamento: que dous deles xa remataran, que o de Caños de Moledo estaba pendente, igual que o de Esperela, á “espera”, valla a redundancia, dunha autorización de Estradas da Deputación, e que había que refacer o proxecto no caso do Pereiro. Ensinou uns papeles ao aire para recriminarlle ao Bng que mentira, e con isto e un biscoito, todos os grupos da Corporación aprobaron por unanimidade a addenda ao convenio do saneamento.

Para esta viaxe non facían falta tantas alforxas.

Despois tratouse a disolución do Padroado Municipal de Cultura. A concelleira Beatriz Rodríguez expuxo que a razón era a necesidade de evitar duplicidades, que todos os informes eran favorables e que os traballadores aos que lles afectara esta medida pasarían ao Concello.

A socialista Luz Santiago anunciou que o seu grupo votaría en contra. Cuns argumentos de “mooooito” peso; o máis importante, literalmente: “porque me da pena”. Coitada, Luz Santiago non é partidaria de “destruir o anterior”.

Que llo pregunten á súa colega de partido en Pontevedra, Teresa Casal, se no propio Psoe non se cargan “o anterior” entre eles mesmos: o proxecto para tapar as fachadas traseiras dos edificios que dan á igrexa da Peregrina, o proxecto de construcción do Museo da Historia. Borraron a Teresa Casal do mapa político pontevedrés e con ela unha parte do legado que deixara encarrilado. Se iso non é “destruir o anterior”…

Recoñeceu Luz Santiago que “o Patronato non funcionou como debería dende que se creou, que é un organismo autónomo e local, pero outra cousa distinta do que é Concello”. E malia que “pouco se fixo, podíanse pedir subvencións e patrocinios” para manter esa estrutura.

Despois da súa intervención, e xurariamos que por primeira vez dende que comezou a lexislatura, o seguinte turno de palabra exerceuno a nacionalista Esther Crespo. Tanto tempo sen oír a súa voz, que pensabamos que a súa figura nos Plenos era un holograma programado para erguer e baixar o brazo no momento das votacións, e para coller a botella de auga para beber.

Non se prodigou moito, non fora ser que lle collera gusto a iso de “falar” en público. O único que cuestionou foi “como quedaría a situación do persoal adscrito ao Padroado” e chamou a atención sobre que “o primordial era preservar a obra de Manuel Torres”.

Isabel Martínez, unha vez máis, puxo os puntos sobre os ‘is’ para remarcar que o Padroado de Cultura, nos seus 19 anos de existencia, “non funcionou” e que aínda que, “todos” os partidos con representación “pasaran por aí”, foran “incapaces de poñelo a funcionar”, polo que non había outro remedio que “disolvelo”. Na súa opinión, como a partir de agora a responsabilidade do seu funcionamento vai ser exclusivamente “política”, velaí unha razón para estar máis pendentes da prestación dos servizos de Cultura e da necesidade de reforzalos onde sexa que adolezan.

No seu turno de réplica, Beatriz Rodríguez incidiu en que se os propios concelleiros da oposición “recoñecen que non funciona”, o que cómpre é “non manter algo que non funciona”.

“No sé, no sé”, respondeulle Luz Santiago. “Destruír por destruír”. E volta e dálle.

Que vai pasar cos traballadores, repetiu Esther Crespo. E volta e dálle (bis).

Isabel Martínez abundou en que “non se consultou os representantes dos traballadores” á hora de tomar esta decisión.

Por último, María Ramallo concluiu o debate argumentando que a decisión “non se tomou a présa e correndo, senón que xa se anunciara no plan de axuste do Concello”. E que en canto ao cadro de persoal, os 3 traballadores do Padroado pertencentes á Biblioteca pasarían ao Concello nas mesmas condicións económicas e coas mesmas funcións; e que os dous traballadores do Concello tanto no Museo como na Casa de Cultura de Seixo, seguirían igual. A creación do Padroado xurdira dunha necesidade administrativa para pór en marcha o Museo Torres, pero que unha vez integrado na Rede de Museos de Galicia, “ese requisito xa non existe”.

Na votación sobre a disolución do Padroado de Cultura, PP e Mar-In votaron a favor, o Psoe en contra e o Bng abstívose.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: