Publicado por: MontePituco | 20/12/2012

…E MENTRES, OS PETRÓGLIFOS DO PORNEDO, “A MONTE”

Marcas de rodadura a escasa distancia dos petróglifos do Pornedo.

Marcas de rodadura a escasa distancia dos petróglifos do Pornedo.

Os gravados rupestres do Pornedo, Sete Camiños, Pinal de Caeiro… seguen nun estado cada vez máis precario e calamitoso a pesar das peticións que se lle teñen trasladado oficialmente ao Concello de Marín, tanto á Alcaldía como á Concellería de Cultura, para que adopten algunha medida que garanta a súa conservación: unha limpeza básica do perímetro, unha sinxela sinalización, o acondicionamento mínimo do contorno.

Xa que este Goberno local tampouco dá mostras de apoiar a creación do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños para poñer en valor o patrimonio histórico e ambiental da parte marinense neste proxecto que tamén abarca terreos dos municipios veciños de Pontevedra e Vilaboa, polo menos que non afonde na responsabilidade que lle corresponda polo seu estrago a causa da desidia que está demostrando. Se non houbera ningún colectivo social nin persoa que a título individual estivera advertindo sobre o deterioro progresivo destes elementos, o Concello podería non darse por enteirado e actuar con total omisión, como fai con outras moitas obrigas.

Faro de Vigo, 28 de xullo de 2011.

Faro de Vigo, 28 de xullo de 2011.

Pero Defende o Monte Pituco leva tempo reclamando máis atención e máis respecto institucional para estes petroglifos. Está moi ben que a alcaldesa de Marín e a concelleira de Cultura subiran ao Alto do Pornedo POR PRIMEIRA VEZ na súa vida aos poucos meses de tomaren posesión. Mesmo está moi ben que a propia comitiva municipal tome fotos da visita para logo quedar marabillosamente ante a opinión pública cando se publican na prensa. Pero aquilo quedou nunha pose efémera, nunha declaración ficticia de intencións.

E o tempo pasa e as agresións ao patrimonio non cesan, mentres o Goberno local actúa en espazos que xa tiveron a súa oportunidade de recuperar o esplendor perdido durante os anos de esquecemento. E aplaudimos que a Deputación de Pontevedra vaia destinar fondos ao Castro da Subidá: para o seu mantemento, para a súa promoción… E a pesar de que ao Alto do Pornedo e os montes da contorna tamén acode xente a practicar deportes e sendeirismo, a gozar da paisaxe e da natureza, a admirar o que queda destes gravados milenarios, seguen sendo os “irmáns pobres” do patrimonio marinense porque o Concello NUNCA se lembra deles cando vai petar á porta doutras Administracións maiores en busca de financiación.

Plano do PXOM de Marín que afecta ao Monte Pituco, onde prevé a instalación dun polígono industrial.

Imaxe parcial do plano do PXOM que recolle o solo industrial. As figuras circulares en cor azul marcan o (téorico) perímetro de seguridade dos petroglifos CATALOGADOS. Como se pode apreciar, están AFECTADOS polo polígono.

Que se pode agardar dos responsables de velar polos bens culturais cando non toman ningunha medida para evitar que haxa vehículos motorizados circulando a escasos metros dos petróglifos do Pornedo. Que se pode agardar duns representantes políticos que aproban un PXOM que lle afecta directamente a estes gravados e incumpre flagrantemente as distancias de cautela que por lei lles corresponde. Que se pode agardar duns xestores municipais, provinciais ou autonómicos que lle aplican un trato discriminatorio a este patrimonio tan sensible, transmitindo a mensaxe de que non compensa realizar unha actuación arqueolóxica nun espazo que a “x” meses ou anos vista pretenden que acabe converténdose nunha explanada de formigón e asfalto. Con ou sen polígono industrial, van permitir que estes petroglifos continúen “a monte”?

A continuación, a nota informativa na que o presidente da Deputación, Rafael Louzán, anuncia a posta en marcha dun programa provincial para o aproveitamento turístico dos castros e dos recursos galaico-romanos.

Reunión sobre a posta en valor dos castros da provincia.

O presidente da Deputación, Rafael Louzán, acordou a posta en marcha dun Programa Provincial Integral para o aproveitamento Turístico dos Recursos Galaico-Romanos. Para impulsar esta iniciativa, Louzán mantivo hoxe unha xuntanza de traballo con alcaldes de municipios que albergan xacementos arqueolóxicos; representantes da Xunta de Galicia como José Manuel Rey Pichel, director xeral do Patrimonio Cultural; e con responsables técnicos da entidade provincial.

O Plan centrarase nos castros visitables de: Castrolandín (Cuntis), Coto de Altamira (As Neves); Alto da Cruz do Castro (Cotobade), Castro de Alobre (Vilagarcía), Adro Vello ( O Grove) Monte Castro (Ribadumia), A Lanzada ( Sanxenxo), Castro da Subida ó Cividá (Marín), Castro das Croas (Pontevedra), Monte Facho (Cangas), Castro da Punta do Muiño do Vento e Castro de Vigo (Vigo), Castro de Troña (Ponteareas), Castro de Torroso (Mos), Alto dos Cubos de Tui e o de Santa Tegra (A Guarda) e Igrexa Vella de (Valga). Posteriormente, afectará a outros da provincia. Dentro desta intervención a Deputación pretende incluír tamén o Proxecto Depodeza para a posta en valor da riqueza castrexa da comarca do Deza.

En principio, a actuación centrarase naqueles concellos con xacementos arqueolóxicos que foran obxecto dalgunha escavación ou que teñan a particularidade de que a Deputación custodie arquivos documentais sobre eses xacementos, ou restos arqueolóxicos no Museo.

Así, a Deputación pretende establecer vías de colaboración cos Concellos, coa Secretaría Xeral para o Turismo e coa Dirección Xeral de Patrimonio para traballar de forma conxunta na posta en valor, limpeza, mantemento, sinalización, difusión/promoción, escavación, musealización e dixitalización segundo cada caso, dos distintos xacementos arqueolóxicos da provincia de Pontevedra. O Plan para o aproveitamento turístico dos xacementos prevé un investimento total de 2,5 millóns de euros.

Sobre este respecto, o titular da Deputación salientou que “os xacementos arqueolóxicos galaico romanos da provincia constitúen bens con valor científico, turístico e socio-económico cuxa recuperación é preciso abordar mediante un instrumento de planificación da estratexia adecuado”. Considera que “representan un eixo importante para a estratexia de promoción turística provincial” polo que a Deputación quere potenciar porque “somos conscientes de que o Patrimonio é un recurso fundamental na nosa provincia, como atractivo turístico e como valor engadido para a economía e o emprego”.

A potenciación dos xacementos suporía a ampliación da oferta turística provincial. Así, o tradicional turismo de ocio e deportes se sumaría o turismo cultural, moi unido ó emerxente turismo de relax ou termal, tan importante na provincia de Pontevedra. Tamén incidicía na ampliación e desestacionalización da tempada turística “da época estival pasaríase a unha oferta anual e continuada”, dixo Rafael Louzán.

Tamén se persegue con este proxecto a captación de potenciais novos turistas, especialmente en mercados estranxeiros, a través dunha oferta cultural innovadora e a revalorización do turismo de calidade que ofrecen as comarcas pontevedresas mediante o fomento e difusión dun elemento de interese arqueolóxico, histórico e cultural.

Reunión sobre a posta en valor dos castros da provincia.

Onde estaban, nestas fotos da Deputación, os representantes municipais do Concello de Marín?


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: