As súas siluetas entre a vexetación recurtábase no horizonte, coa bocana da ría e co arquipélago de Ons como telón de fondo. Os cabalos ceibes forman parte da paisaxe do Monte Pornedo: pastan entre a matogueira ou no prado da ladeira. Por desgraza, os máis dos cabalos que atopamos nesta contorna son vítimas de propietarios despiadados que non se preocupan en absoluto polo seu benestar, mirando unicamente polo proveito económico que lle poidan tirar co nacemento de novas crías que venden nun mercado de dubidosa transparencia. Eluden as súas responsabilidades dende o punto de vista sanitario, permanecen invisibles e impasibles cando o gando mostrenco causa algún dano nos cultivos das veigas. Non lles move ningún tipo de inquedanza cultural nin a prol da transmisión da tradición, a diferenza doutros propietarios que velan pola conservación dos curros ancestrais. Son gandeiros de pacotilla e sen escrúpulos, que deberían responder ante a Fiscalía por incumplir a lei de protección animal.
Os catro cabalos que atopamos no Alto do Pornedo tiñan as patas dianteiras atadas con cordas moi curtas.
Colectivos como a Asociación Libera expoñen que, malia a lexislación relativa ao gando equino, que obriga a identificar os animais, e a lei galega de protección animal, que prohibe calquera artiluxio colocado nas patas, moitos propietarios seguen optando por limitar os seus movementos con pexas, trancas, cordas ou cadeas que lles dificultan gravemente a supervivencia.
Libera vénlle reclamando á Fiscalía unha “maior contundencia” na solicitude de condeas para os responsables desta práctica, xa que moitos deles son sancionados con “multas irrisorias”. Os concellos, pola súa parte, deben colaborar na recollida e custodia destes animais; sen embargo, alegan falta de medios e competencias para actuar.
O Diario Oficial de Galicia publicou o 6 de xullo deste ano o decreto da Consellería de Medio Rural e do Mar que regula a identificación e ordenación sanitaria dos cabalos e a xestión dos équidos mostrencos. Sobre a detección e captura dos cabalos susceptibles de provocar danos, a norma concreta as responsabilidades dos titulares dos terreos e da autoridade municipal á hora de capturar, trasladar, manter e custodiar estes animais.
Ligazóns:
–Liña de denuncia “Cabalos con cepos” da Asociación Animalista Libera
Coa publicación deste video e deste artigo, DEFENDE O MONTE PITUCO volve dar conta publicamente desta grave problemática, para que quede constancia do noso rexeitamento ao maltrato animal, para que medre a concienciación e a denuncia social destes casos tan lamentables.
Deixar unha resposta