Publicado por: MontePituco | 20/11/2012

…PRECAUCIÓN, CAZADORES!

Un cazador mata a otro de un tiro al confundirlo con un jabalí, La Voz de Galicia.

Un joven murió al disparársele su escopeta en Vilalba, La Voz de Galicia.

Rara é a tempada de caza en Galicia que non depara traxedias como as que aconteceron este pasado fin de semana en Vilalba e Vila de Cruces. O monte é un espazo no que, coma en calquera outro sitio, estamos expostos a perigos: caídas ou golpes pódense levar en todas partes, mais co que non se conta é con recibir un impacto de bala fortuito que, á vista destas malas noticias, pode ser mortal.

O título do artigo, “Coidado, cazadores!”, ten un dobre significado: dunha banda, vai dirixido aos propios afeccionados á caza que acuden ao monte para que extremen as precaucións non só cos integrantes do grupo entre si, senón tamén con outros usuarios do monte cos que poden estar compartindo un territorio próximo. Camiñantes, deportistas, recolectores de froitos do outono, habitantes da contorna que van realizar algunha actividade agrícola…

E vai dirixido tamén a estes últimos, para que sexan conscentes de que no seu camiño ou nas cercanías do mesmo poden atopar unha cuadrilla de caza. Aínda que se supón que no monte “cabemos” todos, case é preferible non estar presente no radio de acción das armas de fogo que participan nunha batida. Sempre se pode derivar a actividade -o paseo, a recollida de cogomelos ou de toxo, a sesión fotográfica ou a rutina deportiva- a outra zona libre de perdigóns.

Se os cazadores actúan con máxima responsabilidade e prudencia, o mesmo que o resto dos usuarios do monte, non debera producirse ningún incidente. O que non pode ser é tentar a sorte, incorrer na fanfarronería e baixar a garda, habendo vidas humanas en xogo.

Este fin de semana fomos testemuñas da seguinte situación no Alto do Pornedo: dous cazadores esculcan dende unha elevación as posibles presas que hai na parte máis baixa da montaña. Os dous levan colgada cadansúa escopeta, co canón apuntando ao alto. De súpeto, un deles descolga o trebello e bótao ao ombro, de maneira que a traxectoria do orificio enfócase cara atrás, en dirección ao miradoiro natural, onde naquel momento había xente. Unha persoa que estaba sentada no penedo avísalle ao tirador que, por favor, volva colgar a súa arma en posición regulamentaria. Este contéstalle que estea tranquila, que el nunca dispara cara atrás, sempre cara adiante.

…A resposta, evidentemente, está fóra de ton e de lugar. A persoa aludida opta por evitar o enfrontamento e pospoñer o seu momento de disfrute da paisaxe para outra ocasión, ao non darse as condicións de seguridade suficientes para permanecer alí.

Malia que as armas cárgaas o diaño, como di o refrán, hai persoas que semellan non estar á altura das circunstancias nin abondo capacitadas para portar unha e usala adecuadamente. Non lle tería custado nada, aínda que só fora por educación, corrixir a postura da escopeta. Quizais nun arranque de afouteza quixo demostrar que ‘o home domina o instrumento’ cando o que evidenciou foi todo o contrario: a arma domina o home, ‘debilita’ a súa mente, e sempre está por riba na medida en que un disparo certeiro, por moi desafortunado que sexa, pode acabar cunha vida allea, ou mesmo a propia.

Hai 52.000 licencias de caza en Galicia. Ata o vindeiro 6 de xaneiro, data na que remata a tempada, MOITO SENTIDIÑO, por favor.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: