Publicado por: MontePituco | 26/09/2012

‘MONTES DO MORRAZO’ REXEITA O PXOM

Comunicado da Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo.

A PLATAFORMA EN DEFENSA DOS MONTES DO MORRAZO REXEITA O PXOM DE MARÍN

A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo rexeita o PXOM de Marín recentemente aprobado por especulativo, insustentable e irreal. Ademais, califica de electoralista e interesada a campaña iniciada polo goberno municipal do PP -en colaboración co goberno amigo da Xunta- de charlas informativas sobor deste asunto a escasas datas das vindeiras eleccións autonómicas, onde PSOE, BNG e Mar-In, copartícipes na elaboración do Plan, non deixan de ser unhas meras comparsas, intentando sumarse ao pastel.

Poñen de exemplo a súa tramitación cando non houbo a real e necesaria participación social, xa que a súa elaboración foi impulsada verticalmente dende o poder político e empresarial, deixando só espazo para presentar alegacións ás aprobacións iniciais, onde os colectivos que alegaron ou foron críticos co modelo de planificación foron desatentidos na súa maioría (por suposto, tampouco foron convidados á presentación mediática do novo PXOM).

O PXOM segue o modelo da “burbulla urbanística” estatal e autonómica que desembocou na actual crise financeira e económica. Dise que a súa implantación é para os vindeiros 30 anos, pero a súa filosofía é máis ben de 30 anos atrás, baseada no desenvolvementismo puro e duro do ladrillo e o formigón, que xa se ten demostrado e dabondo que é un absoluto fracaso.

As 9.564 novas vivendas e os 50.000 habitantes previstos (un crecemento 100% da poboación actual) para eses vindeiros 30 anos son inviables, xa que están baseados claramente na especulación do sector da construcción e inmobiliario, e o crecemento poboacional non se corresponde co crecemento vexetativo do municipio que, por exemplo, entre 1981 e o 2005 só aumentou en 2.295 habitantes, ou sexa, en 15 anos apenas creceu un 8%.

No fondo só busca vender Marín (5.369 vivendas en solo urbán entre os núcleos de Marín e Seixo) a prezo de saldo como área de espallamento metropolitano e dormitorio de Pontevedra máis da segunda vivenda. As 2.768 vivendas previstas en solo rural, á parte do impacto que producirían no territorio e na paisaxe, suporían polo contrario unha elitización económica e residencial que non se correspondería coa maioría da poboación autóctona, xa que se esixe un mínimo de 1000 m2 para urbanizar. As 1.430 novas vivendas en solo urbanizable suporían a recalificación do solo rústico de especial protección. No litoral dá cabida a que se contemple a modificación da protección da Lei de Costas.

As áreas industriais previstas no Monte Pornedo, e de reserva supramunicipal na Pastoriza, están sobredimensionadas e situadas no espazo natural dos Montes do Morrazo, protexido polas Normas Complementarias e Subsidiarias de Planeamento provinciais de Pontevedra, en zonas cun alto valor paisaxístico, natural, arqueolóxico e forestal e unha orografía con grandes desniveis na cabeceira de vales fluviais que desaconsellan urbanizar, polo grande e irreversible impacto que se produciría.

A isto habería que engadirlle os servizos de abastecemento e saneamento de augas, máis de electricidade, necesarios para tal crecemento, do que Marín xa é totalmente dependente e deficitario na actualidade, xa que a maioría do subministro de augas vén da cabeceira do río Lérez, a depuradora de augas residuais está en Placeres, e o subministro da electricidade provén de Lourizán, fóra do municipio.

A superficie proposta para espazos libres e zonas verdes, sobre uns 425.771 m2, non compensa o impacto ambiental producido polo total da nova edificabilidade prevista. A presión que se faría a máis da que se está provocando na actualidade sobre o territorio e sobre a ría, á beira da que está asentada a vila e o seu porto, sería totalmente inasumible.

Demandamos outro modelo de planificación urbanística baseada no decrecemento, na realidade xeográfica, urbanística e demográfica de Marín (comarca natural da península do Morrazo) e na consecución de servizos municipais que reduzan a súa dependencia de Pontevedra.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: