Publicado por: MontePituco | 18/09/2012

VALORACIÓN DO ACTO DE PRESENTACIÓN DO PXOM

(Foto: Gustavo Santos, Faro de Vigo)

O PXOM de Marín está pendente unicamente da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia e 15 días despois entrará oficialmente en vigor. Esta foi a mensaxe da alcaldesa de Marín antes de darlle a palabra aos técnicos do despacho “De Cabo Pascual”, que dende 2004 foron os responsables da elaboración do Planeamento que onte se presentou na Biblioteca Municipal ante representantes de colectivos sociais e veciñais, abogados, arquitectos, dirixentes políticos locais que no pasado ou no presente tiveron algo que ver na súa longa tramitación administrativa.

Tanto Ignacio de Cabo como Carlos Ardid coincidiron en sinalar, como expuxo este último, que despois de tres décadas de vixencia dunhas Normas Subsidiarias que estaban “practicamente esgotadas”, este PXOM “non é un documento totalmente pechado”, senón que “se pode cambiar e modificar“. Un documento que, metaforicamente falando, seica lles custou “sangue, suor e bágoas” levar a bo porto, tendo en conta os sucesivos cambios normativos, as trabas da Xunta e da Dirección General de Costas, e as protestas da veciñanza por asuntos tan complexos como a ubicación de chan industrial ou a regularización dos núcleos do litoral.

O caso é que, como o mítico Paco Umbral, a maioría dos asistentes á presentación estabamos alí para falar do meu libro. Moitos non agantaron ata o final as case tres horas que durou a exposición, incluidas algunhas preguntas por parte do público e as respostas correspondentes por parte dos membros do equipo redactor. Foi unha sesión moi técnica por momentos, na que o propio Ignacio de Cabo ía aclarando sobre a marcha cando a súa explicación se dirixía especificamente aos técnicos e letrados que había entre o público.

Por máis que puxemos a orella para non perder detalle de todo o que tivera que ver co solo  industrial, non se chegou a pronunciar a palabra Pituco. Parece ser que había certa consigna para non levantar bochas ante a presenza de determinadas persoas que podían xerar certa controversia. Carlos Ardid comezou explicando que Marín se sitúa na ladeira dunha montaña “o suficientemente alta como para que a orografía proporcionara varios inconvintes“. Tamén comentou que no termo municipal marinense hai unha gran masa forestal, aínda que non tiña moita incidencia na economía local. Por contra, a actividade pesqueira e o porto supoñían a maior riqueza produtiva.

En Marín non había un polígono onde desenvolver a industria, só había o porto“, expuxo Carlos Ardid, o que derivou na creación dunha “barreira entre a cidade e o mar”. Tamén lamentou que malia ser o terceiro porto galego en volume de importancia, Marín “non participa do mar”, agás na parte que vai dende a Escola Naval ata Bueu. “E iso xa non ten solución”, engadiu o arquitecto, por máis que “é un problema que habería que resolver”.

En canto ás zonas industriais, unicamente se referiu a unha zona en Pastoriza: “Prevese que se hai posibilidades de desenvolvemento a través de mecanismos supramunicipais… Como equipo redactor desbórdanos… É planificación do territorio a outra escala”. E non aclarou máis nada. Punto en boca.

A continuación referiuse ao patrimonio: “Marín ten pouco patrimonio importante, pero ten bastante patrimonio a protexer“. A Dirección Xeral de Patrimonio foi, precisamente, un dos organismos da Administración que máis problemas lle causaron ao equipo De Cabo Pascual e ao Concello para chegar á recta final da tramitación.

En resume, o máis relevante da intervención de Carlos Ardid foi para plantexar que se desenvolvía solo urbano onde xa había solo urbano, procurando consolidar os núcleos que xa existían, máis que ao desenvolvemento de zonas novas, que se abordaban de xeito controlado, non indiscriminado.

“…E agora, que?”. Con esta expresión comezaba Ignacio de Cabo a súa parte da charla. O director do equipo redactor explicou cales son as fases ás que comezará a enfrontarse o PXOM; entre elas a que catalogou como “elucubrar”: “É bo para que o plan se poida desenvolver”, sinalou De Cabo, asumindo que o seu gabinete podía ter cometido “erros” na redacción ao longo dos últimos 8 anos, alén dos “retrasiños” que impediron a súa aprobación moito antes.

Insistindo nas hipotéticas planificacións futuras, De Cabo precisou que se cómpre modificar o planeamento o que primeiro hai que consultar é a Memoria, porque nela atópase “a xustificación das distintas clasificacións e calificacións do chan”. Logo engadiría que “non é bo que un planeamento dure 30 anos porque na vida cambian moitas cousas”, por iso que este PXOM, coma outros, “non é nada que estea xa bendecido“.

Alturas, fachadas, lexislacións, planos, sistema de cooperación ou de compensación, solo rústico ou residencial, urbanizable delimitado, non consolidado, ámbitos de expansión… Moitos conceptos, os máis deles bastante farragosos, nunha materia pouco asequible para o entendemento da xente do común.

Ao final pechou a presentación a secretaria xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, que se referiu ao PXOM de Marín como un “exemplo” de cooperación entre as sucesivas Corporacións de distintas cores políticas que foron pasando polo Concello. “Os cidadáns non poden estar ao vaivén dos cambios de goberno”, afirmou Rivas, que destacou a capacidade, tanto dos políticos como dos cidadáns, para “ceder“. En definitiva, “non é o mellor plan, pero é o mellor plan posible neste momento“, engadiu a secretaria xeral de Urbanismo que, ao igual que De Cabo e Ardid, sinalou que “nun clima de normalidade, sen ningún drama”, pode ser “obxecto de corrección“. E para exemplo, o planeamento de Barcelona que, dende os anos 80 acumula máis de 1.300 modificacións puntuais, “e sen problema”.

A súa intervención non é sospeitosa de sectaria ou partidista. Tanto “escándalo” como Xosé María Vilaboa pretendía armar no pleno do venres pasado criticando a celebración desta presentación, para que finalmente asistira, como un máis, xunto con outros ex-cargos públicos con responsabilidade directa nesta tramitación: Fran Veiga, Pazos Moreira… Lonxe de beneficiar na súa intervención ao equipo de María Ramallo, a intervención de Encarnación Rivas non serviu en absoluto para que Vilaboa practique o seu deporte favorito: rizar o rizo e poñer o grito no ceo por nimiedades. Polo contrario, a secretaria xeral de Urbanismo agradeceu a “responsabilidade” da “Corporación” e asegurou que a Xunta “non puxo máis empeño cunha alcaldía que con outra” á hora de darlle luz verde ao planeamento.

Ata aquí o estrictamente relacionado coa primeira presentación do PXOM. En días vindeiros a alcaldía artellará un calendario de charlas polas parroquias e casas de cultura, co obxectivo de que os responsables do equipo redactor vaian explicar detalladamente o planeamento aos habitantes de cada zona.

A veciñanza en xeral aplaude a aprobación do PXOM para ter solución ás súas problemáticas particulares: obras programadas que non se podían materializar, valoración de parcelas, dinamismo do mercado de propiedades. Outros -ogallá foran os menos- conseguen a través do planeamento a posibilidade de legalizar chanchullos máis ou menos sangrantes, tanto no centro urbano como no rural. E como chegou a dicir o propio Ignacio de Cabo, virán os “voitres” e demais aves de rapiña, frotando as mans ante a perspectiva de especular e beneficiarse economicamente da nova situación de certos terreos.

Ata que Ignacio de Cabo e Carlos Ardid veñan á parroquia de San Xulián en DEFENDE O MONTE PITUCO non temos de todo claro cales son as posibilidades que se cernen sobre este espazo, porque na sesión informativa pasaron de puntillas sobre o apartado industrial. Podían pensar que a meirande parte do público eran representantes de asociacións veciñais aos que lles interesaba saber como quedan os seus barrios e parroquias. Pero tamén podían botar en conta que houbera empresarios preocupados por un futuro cambio de ubicación da súa nave, e sobre ese aspecto non se incidiu especialmente.

Coa presentación deste PXOM, procede traer de novo a colación as palabras escritas do conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, o pasado 10 de xullo: “A clasificación dun solo urbanizable nas proximidades do Monte Pituco NON SUPÓN UNHA PERDA DO VALOR DO MESMO, xa que os seus valores están recollidos a través da súa ESPECIAL PROTECCIÓN COMO ESPAZO NATURAL“.

Que despois de todas as escenificacións que Hernández e Ramallo mantiveron en Santiago para anticipar en repetidas ocasións a inminente aprobación do PXOM, non é de recibo que o conselleiro se exprese nestes termos tan enganosos sobre a verdadeira situación do Monte Pituco. Pero as súas palabras evidencian tres cousas: que o Monte Pituco é un espazo natural, que é un espazo con valores e, por tanto, é un espazo protexido.

Neste sentido, é un rotundo contrasentido, por non dicir un auténtico despropósito, a clasificación urbanística tan inxusta que os técnicos do PXOM lle deron ao Monte Pituco, tan afastada das circunstancias orográficas do terreo. Catalogalo como solo industrial obedece nada máis que a unha decisión política arbitraria que forma parte desa caprichosa e lamentable ruleta de “cesións” á que xogaron os diferentes grupos municipais nas últimas tres lexislaturas.

Como non cansaremos nunca de repetir neste blogue, o informe do Plan Sectorial de Áreas Empresariais puntuaba negativamente o Pituco como posible ubicación dunha área loxística entre Marín e Pontevedra. A zona afectada tiña un desnivel superior ao 15% en máis do 25% da superficie, segundo o informe técnico encargado por DEFENDE O MONTE PITUCO. Por riba, a análise da conca visual evideciaba que o hipotético polígono sería totalmente visible dende todos os concellos do litoral norte: Poio, Sanxenxo, e tamén en boa parte de Marín e Pontevedra, arruinando a perspectiva costeira dunha zona que vive en boa parte da súa imaxe turística.

Pero tendo en conta que as alegacións do Concello de Marín o que pretendían era arrastrar exclusivamente cara ao termo municipal marinense a posibilidade de contemplar esa posible área loxística, a valoración do estudo topográfico era aínda máis desfavorable sobre a viabilidade do terreo: o 92% do espazo sobre o que se asentaría o polígono tería unha pendente superior ao 15% (o máximo recomendado pola Guía de Recomendacións Técnicas para o Proxecto Integral de Parques Industriais) e máis do 57% do terreo (máis do dobre da extensión prevista) tería un desnivel superior ao 35% (máis do dobre do recomendado).

Con este diagnóstico resulta a todas luces incomprensible que un PXOM poida prosperar propoñendo un asentamento industrial nun lugar onde habería que construir enormes e costosísimos taludes, provocando un brutal impacto visual e paisaxístico, e nun espazo con abundantes elementos patrimoniais catalogados. Non en van, o Concello de Pontevedra ten catalogado como zona de “protección arqueolóxica” toda a franxa lindante con Marín no Pituco. Que xusto a continuación dunha área de protección arqueolóxica estea previsto urbanizar un polígono industrial é unha barbaridade inxustificable. En absoluto cabe pensar que os primitivos poboadores deste monte hai máis de 2.000 anos deixaron de facer petroglifos e mámoas a partir do que actualmente é o límite entre os dous municipios, prevendo que no século XX o Concello de Marín proxectaría un polígono industrial que arrasaría co legado patrimonial que so devanceiros foran deixar inscrito no territorio.

Aseguraba Carlos Ardid que no PXOM “poténcianse os solos especialmente protexidos“, cando non é así. E tanto que aludía Ignacio de Cabo á Memoria do PXOM, para que tamén esta se salte á toreira. O Informe de Sostibilidade Ambiental conferíalle un “valor limitante absoluto para usos urbanísticos de carácter residencial ou industrial” ao espazo incluido nas Normas Subsidiarias e Provinciais de Planeamento, é dicir, os Montes do Morrazo, aos que se pertence o Monte Pituco.

Nas alegacións que De Cabo Pascual elaborou para que o Concello de Marín puidera reclamar máis nota no Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais, cuantificaba nun 81% a aptitude ambiental media do Monte Pornedo para acoller un polígono industrial. DEFENDE O MONTE PITUCO discrepa radicalmente nesa valoración porque os planos reflectían que as restriccións ambientais eran maioritariamente de tipo “medio/alto“, ao que se engadía que as restriccións normativas eran de tipo “medio/alto/moi alto“. Por tanto, sumando eses dous parámetros, a aptitude xeral que reflectían os planos nesa zona era claramente “moi baixa ou baixa“. Daquela resulta incomprensible e kafkiano que estes técnicos pretendan elevar a un 81% a aptitude ambiental media.

Pero o que xa supera o esperpento é que, ante a evidencia innegable de que a intervisibilidade (impacto visual) é “alta/moi alta“, se siga dando por boa a proposta de urbanización poñendo como condicionante a elaboración dunhas “medidas correctoras” que na práctica son un vergoñento brinde ao sol.

E o colmo do despropósito é que o Concello de Marín pretenda xustificar esta barbarie argumentando que un parque empresarial no Pituco satisfaría a demanda de solo do Porto, cando hai 12 anos que a propia Autoridade Portuaria rexeitou esta ubicación polo seu excesivo e irreversible desnivel, así como pola falta de conexión ferroviaria.

Mellor non abundar máis na lista de agravios que o PXOM lle depara ao Pituco, ao proxectar a construcción dunha subestación eléctrica e dun depósito de auga que, con toda a caradura do mundo, deixaría en seco todos os acuíferos naturais -hai polo menos 7 catalogados- que dende tempo inmemorial veñen fornecendo de auga para consumo doméstico e de regadío os habitantes da Pena, Caeiro, Casal, Arealonga, Laxe, Bouza, Bravos…

Que a pesar de todos estes datos, que non están sacados de ningunha manga sospeitosa, e que din todo o contrario do que airea un estudo presuntamente fraudulento elaborado pola Asociación Virxe dos Remendos -alias “remendos”- avalando a instalación xa non de un, senón de dous parques entre o Pituco e os Sete Camiños… haxa veciños de San Xulián que estean a favor dun polígono na mesma cresta da parroquia, é motivo de lástima e vergoña. Pero que aínda por riba se lles dea credibilidade gratuitamente, di aínda moito máis (ou moito menos).

PD: Así como no anterior artigo criticamos que nin a Asociación de Veciños de San Xulián nin Defende o Monte Pituco recibiran invitación para asistir ao acto de presentación do PXOM, tamén agradecemos que a alcaldesa permitira a dous representantes destes colectivos asistir á sesión. O gabinete da alcaldía comprometeuse a actualizar a base de datos: dunha banda, a tomar nota de que tralo pasamento de Xan Montenegro hai máis dun ano houbo un relevo na presidencia da entidade; e doutra, que Defende o Monte Pituco figura no rexistro autonómico de asociacións e, á parte diso, son numerosos os escritos presentados no Rexistro Municipal onde se revela como unha organización activa e implicada no Concello.


Responses

  1. Pola miña parte, non sabía que fixera falta invitación para asistir a este acto. Eu lin a noticia na prensa e asistin por curiosidade, pensei que era para todo o público en xeral. De feito vin a moita xente que non pertence a ningún colectivo e, coma min, entrou sin problemas.

    Por outra banda quero felicitarte por esta crónica tan acertada que nos plantexas.
    A miña opinión é que os dous técnicos redactores do PXOM falaron da mesma maneira que redactaron, é decir: expresáronse de maneira profusa-confusa-difusa.
    O primeiro que tomou a palabra era mellor que non falara, porque non daba pé con bola nin decía unha frase coherente. Ó final ata as ovellas bostezaban.
    O segundo que falou: Ignacio del Cabo contou unhas cantas xeneralidades para dar o visto bo e non ferir sensibilidades, iso sí, sin mencionar ós colectivos veciñais opositores, deixou ben clariño que foi culpa deles o retraso do Plan.
    Se vos tomades un tempo para ler a redacción deste PXOM, darédesvos conta que a redacción do mesmo é esactamente igual: POUCO PROFESIONAL

    Eu penso coma Montepituco que a que amosou maior profesionalidade e saber estar foi Encarnación Rivas, que votou un discurso tan ben pensado que o pailaroco de Vilaboa non pudo sacarlle punta.

  2. A verdade que non sei como se lle pode dar tanta importancia a estes señores do equipo redactor do PXOM se quen ten que informar con detalle o que lle interesa a cada particular pasan polos tecnicos do concello. A min eso de que é o mellor plan posible e todas esas caralladas danme igual. O que si é certo e que en suelo rustico tiña que retranquear 5 metros ao camiño e agora co “maravilloso plan” teño que retranquear 6 a necesito 800 metros para facer unha casa cando o normal son 300 ou 400 metros. Vaia merda de PXOM!
    Seguida escoitando a estes iluminados que solo venden fume, agora polas parroquias e cobrando claro e ben.

    • Como semella que é a primeira vez que participas no blog, dámosche a benvida e agradecemos o teu comentario.
      Volvo reiterar o que pensamos do PXOM: que aparentando elaborar un Planeamento cuxa vixencia tivera unha perspectiva a longo prazo de 20 ou 30 anos, o que resultou ao final é, efectivamente, un PXOM para os próximos 30 anos, pero fundamentado en criterios de hai 30 anos atrás, cando nin o medio ambiente, nin o patrimonio, nin a paisaxe, nin a aposta polo sector forestal ou o turismo de natureza, tiñan a importancia que se lle dá na actualidade a estes factores que definen unha sociedade moderna.
      Saúdos.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: