Publicado por: MontePituco | 17/09/2012

PLENO DE SETEMBRO: PRESENTACIÓN DO PXOM

No pleno ordinario do mes de setembro que se celebrou o pasado venres trascendeu que hoxe ás 18:00 na Biblioteca Municipal ía celebrarse un acto de presentación do PXOM. Foi no apartado de rogos e preguntas ao final da sesión, cando o concelleiro nacionalista Xosé María Vilaboa se queixou de que a alcaldesa tiña que ter consultado a convocatoria coa oposición. Vilaboa acusou a María Ramallo de que “leva tempo intentando aproveitarse do traballo” realizado polas sucesivas Corporacións que participaron na tramitación do planeamento. O edil do Bloque calificouno de “acto propagandístico” e protestou porque non sabía “a quen se invitou”. Como se o BNG tivera dereito de veto, ou pola contra, pretendera converterse no fiscalizador dos colectivos que poden ou deben participar. Que se tranquilice o Bloque, que seguro que ningunha das súas asociacións afíns queda sen entrada, pola conta que lle ten ao Goberno local que non o acusen agora de sectarista.

María Ramallo replicoulle que a celebración desta presentación xa se comentara na comisión de seguemento do PXOM, dando a entender que non entendía por que Vilaboa “se facía de repente o sorprendido”. “A vostede nunca lle pareceu ben que se faga unha presentación”, replicoulle a alcaldesa, que afirmou que ela tiña “a conciencia tranquila” a respecto de darlles conta da xuntanza aos demais grupos municipais.

Ramallo explicou que a presentación vai consistir nunha “exposición técnica” que vai realizar o equipo redactor De Cabo Pascual. Que foran invitados ex-alcaldes marinenses e ex-representantes municipais que participaran na elaboración do documento na súa longa historia, así como representantes das asociacións de veciños.

A alcaldía debería revisar ben o seu listado de colectivos veciñais. Porque unha entidade cunha representación tan importante como a Asociación de Veciños de San Xulián NON foi invitada a esta presentación, moi a pesar de que no seu día Xan Montenegro presentou alegacións ao PXOM para amosar a disconformidade desta organización pola elección do Monte Pituco como chan industrial, entre outras consideracións. Alegacións que foron desestimadas, sen máis explicación que un escueto comunicado de rexeitamento que en absoluto satisfacía os argumentos que xustificaban esa negativa.

Tampouco DEFENDE O MONTE PITUCO foi invitado a ese acto; e non será por falta de datos de contacto, á vista dos numerosos escritos que nos últimos anos se lle enviaron polas canles oficiais ao Goberno Municipal. A alcaldía sabe perfectamente que DEFENDE O MONTE PITUCO é unha parte rotundamente interesada no contido do PXOM, a respecto da zona clasificada como chan industrial: primeiro, porque María Ramallo sabe que na anterior lexislatura o ex-alcalde Francisco Veiga eludiu todas e cada unha das peticións que esta asociación lle enviou, moi educadamente, para coñecer en que términos, e con que argumentos técnicos, se elixira o Monte Pituco como potencial emprazamento dunha área empresarial ou plataforma loxística vencellada ao Porto, habida conta do forte desnivel da zona, motivo polo cal a propia Autoridade Portuaria rexeitou este emprazamento; segundo, porque malia que María Ramallo tivo o xesto de recibir a representantes de DEFENDE O MONTE PITUCO en desagravio á actitude do seu predecesor, tamén sabe que esta plataforma veciñal presentou alegacións ao Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais de Galicia; e terceiro, porque é sobradamente coñecido, ben a través deste blogue ou a través dos medios de comunicación locais, cales son os argumentos de DEFENDE O MONTE PITUCO para rexeitar a urbanización deste espazo natural protexido, polo agresivo impacto visual e paisaxístico que causaría esa actuación, así como pola afección ao patrimonio arqueolóxico, os acuíferos que suministran de auga para consumo doméstico e de regadío os habitantes da zona, o perxuizo irreversible para a flora e a fauna do lugar, con especies endémicas ameazadas. E non son motivos caprichosos nin peregrinos, senón fundamentados por técnicos e expertos na materia.

Cómpre refrescar novamente dous artigos nos que se analiza pormenorizadamente, con datos e gráficos informativos, o tremendo erro que suporía a destrucción do Pornedo baixo as excavadoras, os taludes, o asfalto e o formigón.

CONSELLEIRO: INFÓRMESE E NON SE CONTRADIGA (10 de agosto de 2012)

MARÍA RAMALLO APOIA O POLÍGONO NO PORNEDO (17 de agosto de 2012)


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: