Publicado por: MontePituco | 11/07/2012

AS EIVAS DO PLANO TURÍSTICO DO CONCELLO DE MARÍN

(Premer na imaxe para ampliala)

Circula por aí un plano turístico do Concello de Marín, deses de peto, dobrado en varios pregues. Na parte que fai de portada destacan imaxes dos petroglifos de Mogor, do porto de Aguete e da praia de Mogor. E dándolle a volta vense fotos do paseo de Portocelo, do Lago de Castiñeiras e do parque multiaventura de Cadro. Abrindo o prego de papel, como quen extende un acordeón, aparece unha relación de puntos de interese subdivididos por áreas. Unha delas é a de arte rupestre, na que se citan os seguintes lugares, cos seus correspondentes números situados no mapa para que o usuario poida localizar a súa ubicación:

-Mámoa de Chan de Armada, en Chan de Armada-Monte Pedrouzos

-Mámoa de Pedralonga, en Castiñeiras

-Petroglifos de Mogor

-Castro da Subidá

-Clube hípico A Lagoa, en O Pereiro, San Tomé de Piñeiro

(con todos os respectos para o clube hípico, non sei que relación ten coa arte rupestre e, sen dúbida, debera estar incluido no apartado de áreas de recreo).

DEFENDE O MONTE PITUCO critica as eivas que presenta este plano, onde non figuran onde lles corresponde os petroglifos do Monte Pornedo (conxunto rupestre de Pornedo 1 e 2, gravados de Pinal de Caeiro) e de Sete Camiños. Son elementos arqueolóxicos perfectamente recoñecidos polas autoridades autonómicas de Patrimonio Cultural, catalogados como Bens de Interese Cultural e, por tanto, tan dignos coma os archicoñecidos de Mogor, ou os do Bosque de Cadro, que estes días tamén están de actualidade.

Fai moi mal o Concello de Marín en discriminar estes restos arqueolóxicos silenciando a súa existencia nun plano turístico. Máis aínda cando representantes de DEFENDE O MONTE PITUCO e da comisión para a posta en marcha do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños se reuniron coa alcaldesa de Marín, coa concelleira de Cultura e con outros responsables municipais para amosarlles persoalmente e sobre o propio terreo, estes elementos que, lamentablemente, ningún deles coñecía. Tendo constancia da súa existencia e da necesidade da súa protección, como así recoñeceron na súa estancia no Pornedo, o feito de non marcalos neste mapa denota a súa falta de sensibilidade e, o peor de todo, a lastimosa sensación de ter perdido o tempo nesa visita.

Sendo Marín un municipio cunha extraordinaria riqueza en elementos rupestres, é unha mágoa que o Concello non aproveite para resaltar na súa oferta turística a existencia de todos cantos vestixios teña rexistrados. É de sobra coñecido o auxe do turismo cultural e da importancia que os visitantes lle dan a este tipo de experiencias relacionadas cos restos que se conservan da etapa prehistórica. Por máis que o Concello inclúa merecidamente no seu plano turístico os petroglifos de Mogor e o castro da Subidá, está privando o público de achegarse a outros elementos igual de interesantes, aínda que sexan máis descoñecidos. Precisamente por iso, cómpre unha maior difusión destoutros gravados que, asemade, precisan tamén de actuacións básicas a nivel de conservación e mantemento: desbroce e sinalización requeren un investimento moi razoable e asumible que, abofé, sería amortizado en breve coa repercusión que terían entre os visitantes.

Ben pouco ambicioso é o Concello de Marín cando non “presume” de todo o seu potencial nun campo tan brillante como o patrimonio histórico. Máxime cando outros municipios veciños, como Pontevedra ou Poio, están impulsando accións de posta en valor dese sector, ou mesmo unha Administración do mesmo signo político que o Goberno municipal: a Deputación de Pontevedra, que dun tempo a esta parte está desenvolvendo un ambicioso programa de excavacións no castro da Lanzada, no monte do Castro en Ribadumia, ou apoiando a mellora do castro de Santa Trega ou do Monte do Facho. Xa podían aprender.

Mentres non sexa así, DEFENDE O MONTE PITUCO seguirá esixindo consideración e respecto para este contorno con todos os seus valores, non só os históricos, senón tamén os naturais, nun espazo privilexiado a nivel xeográfico e paisaxístico. Seguro que hai moitos cidadáns de dentro e de fóra de Marín que o saben apreciar, a falta do aprecio do Concello.

(Post-data: Ata no propio mapa hai unha imprecisión. Onde marca A Pena debería poñer O Caeiro, e viceversa).


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

A %d blogueros les gusta esto: