Publicado por: MontePituco | 06/07/2012

APERTURA DA VARIANTE DE MARÍN

Nota informativa da Xunta de Galicia con motivo da apertura á circulación do último treito da Variante de Marín. (CONTINUARÁ).

A Xunta abre ao tráfico hoxe este vial no que se investiron preto de 40 millóns

A POSTA EN SERVIZO DA VARIANTE DE MARÍN MELLORA A MOBILIDADE DOS CONCELLOS DE PONTEVEDRA, MARÍN BUEU E CANGAS, E FACILITA OS ACCESOS ÁS PRAIAS AO EVITAR AO PASO POLO NÚCLEO URBANO

 Coa apertura eliminaranse do núcleo urbano 9.000 vehículos diarios, situación que incrementará a seguridade dos máis de 25.000 habitantes do concello de Marín

 Asemade o percorrido entre Pontevedra e Bueu redúcese á metade, xa que se precisarán algo máis de 15 minutos, ademais do aforro da peaxe

 A posta en servizo parcial realizada hoxe permite efectuar a maioría dos movementos de entrada e saída da variante a través do nó de Lourizán, que estará completamente finalizado no mes de agosto

Marín (Pontevedra), 6 de xullo de 2012.- O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, destacou esta mañá na posta en servizo parcial da Variante de Marín que este vial mellorará a mobilidade dos concellos de Pontevedra, Marín, Bueu, e Cangas, facilita os accesos ás praias da zona, así como a conexión coa AP9 e reforza a seguridade do núcleo.

O conselleiro de Infraestruturas destacou que a apertura desta Variante aumenta a seguridade dos veciños de Marín ao eliminar do seu centro urbano unha media de 9.000 coches ao día. Ademais, os cidadáns que acudan ás praias da zona dende Pontevedra ou a AP-9 non estarán obrigados a circular polo núcleo urbano. A variante retirará das travesías de Marín entre 2 e 3 millóns de vehículos ao ano.

Esta nova infraestrutura implica un importante aforro nos tempos de percorrido para os cidadáns. A modo de exemplo, o tempo necesario para percorrer a distancia que separa Pontevedra e Bueu redúcese á metade en condicións normais de circulación (de 30 a 15 minutos), aforro que se multiplicará se temos en conta o tempo que se perdía nos atascos.

A posta en servizo parcial realizada hoxe permite efectuar a maioría dos movementos de entrada e saída da variante a través do nó de Lourizán, que estará completamente finalizado no mes de agosto. Na imaxe pódense ver os movementos de acceso á variante que son posibles a partires de hoxe:

Hernández recordou as palabras do máximo mandatario do Goberno da Xunta para subliñar que esta actuación permitirá que as persoas, as empresas e o porto de Marín e todo O Morrazo estarán mellor comunicados. Así, destacou o feito de que con esta vía en funcionamento, os cidadáns cambiarán 11 quilómetros de travesías por 12 quilómetros a través dunha vía rápida, coa mellora en seguridade e tempo que iso supón.

Rematar actuacións en marcha

O conselleiro de Medio Ambiente destacou que a posta en servizo da Variante de Marín ten un maior significado para o Goberno da Xunta, sobre todo tendo en conta a situación que actualmente atravesan todas as administracións.

Explicou que coa apertura da Variante de Marín cúmprese un fito máis na aposta decidida da Xunta por priorizar as actuacións que están en marcha, rematalas e pagalas.

Lembrou, ademais, que se trata da segunda das infraestruturas de alta capacidade posta a disposición dos cidadáns na provincia de Pontevedra, xa que a semana pasada púxose en servizo o Nó de Curro, unha infraestrutura que contribúe a reducir os problemas de retencións que tradicionalmente presentou a conexión entre a AP-9 e a autovía do Salnés nos meses estivais e nas que a Xunta inviste 39 millóns de euros.

Variante de Marín

A Variante de Marín nace na zona do Regueiriño e a PO-11 e contou cun orzamento de 37,7 millóns de euros. Con esta actuación buscouse completar e dar continuidade ao treito da variante que xa se atopa en servizo. O tramo aberto hoxe, de 4,2 quilómetros, ten a súa orixe no enlace da PO-12 (Autovía de Marín) e a PO-11 (Ramal do Enlace Pontevedra Sur da AP-9) modificando a tipoloxía do enlace existente por outro tipo diamante cunha glorieta e uns ramais unidireccionais proxectados case na súa totalidade en terras con muros verdes.

A súa rampla máxima é de 6,50 % con dous pasos superiores e catro inferiores. Na sección transversal cóntase cun tronco de 12 metros, que inclúe dúas calzadas de 3,5 m e dúas beiravías 2,5 metros. Así mesmo, ten un tronco con carril adicional para lentos de 15,5 metros, con tres carrís de 3,5 e dúas beiravías de 2,5 m.

A glorieta sobre a estrada PO-12 ten 11 metros con duas calzadas de 3,5 metros; dúas barreiras de 0,5 metros e dúas beiravías dun metro cada unha. Para levar a cabo o enlace é preciso facer un desmonte de 87.027 m3; e un terraplén de 114.872 metros cúbicos.


Responses

  1. O que é a crise:
    Cando se puxo a primeira pedra desta variante, instalaron dúas carpas, Unha para que non se mollara a pedra e outra para que non se mollaran os políticos que discurseaban en presenza da prensa.
    Según Touriño (presidente da Xunta Bipartita), aquela pedra “era o alicerce” de non sei que, así que había que terlle un respecto.

    Agora, para a inauguración non hubo carpas nin discursos grandilocuentes. Parece que coa retiradas de vallas e o sorriso correspondente xa se conformaron. Como di miña nai “para aforrar non hai coma non ter”

    • Leva un par se semanas aberta a variante. Xa houbo un accidente, por desgraza; como tantos que hai polas estradas do país. E xa empezan a facerlle parches. Na saída de Figueirido, en vez de poñer un cruce en condicións, os vehículos accedían á estrada que baixa a Marín o que sube cada ao Regueiriño, tiñan moi pouca visibilidade. Solución: poñer un espello? non! podar uns ramallos (con perdón, non vai pola alcaldesa) que medraban na esquina e non deixaban ver viñan coches de arriba. A ver quen é o “xardineir@” no que recae a responsabilidade de velar porque as herbas non medren de máis.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

A %d blogueros les gusta esto: