Publicado por: MontePituco | 04/07/2012

VISITA INSTITUCIONAL DE NÚÑEZ FEIJÓO A MARÍN

Trala rúbrica do conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, no aciago día no que veu ata Marín para anunciar a aprobación dun PXOM que condea o Monte Pituco a converter este baluarte da natureza e do patrimonio nunha morea de naves colgantes rodeadas de asfalto e cemento, o Libro de Ouro do Concello vén de incorporar hoxe a sinatura do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, no marco dunha visita institucional.

Porque o tempo corre veloz e, a poucos meses de convocarse unhas eleccións autonómicas, os inquilinos do goberno autonómico agarran o pano de sacarlle lustre ás medallas e aos trofeos da vitrina. No caso de Marín, o trío de ases co que o PP intentará sacar peito nas urnas -co permiso dos afectados pola estafa das accións preferentes- son o cacarexado PXOM, a apertura do tramo pendente da Variante de Marín -ese vial tan pouco recomendable-, e o anuncio da licitación do novo centro de saúde, que a pouco máis case se fai esperar tanto como o propio planeamento.

Dirán os da oposición que todo é fume, porque para iso están. Tamén o PP lle botaría terra aos carros e carretas que foran vendendo -por xunto ou por separado- o PSdeG e o BNG, principais artífices da espada de Damocles que -en forma de urbanización salvaxe- pende agora sobre o Monte Pituco por culpa da acérrima negativa do bipartito local a estudar no seu momento unha alternativa razoable despois de aceptar a regañadentes a retirada do descabellado proxecto dos minipolígonos. Entre uns e outros, o Monte Pituco foi o comodín recorrente para que ninguén lles puidera atribuir máis retrasos na tramitación dun PXOM que tanto se fixo de rogar. Sacaron a idea, o estudo ou o papel de turno dun caixón de hai a saber cantos anos, sen importarlles que neste tempo cambiou a sensibilidade polo medio ambiente, a cultura e o patrimonio. O que demostra a hipocresía de quen ousa encher a boca con frases pomposas sobre desenvolvemento sostible, respecto pola paisaxe e posta en valor dos elementos arqueolóxicos como elemento de promoción turística, e tal e tal.

Mal que lles pese nun bando e noutro, a orografía do Monte Pituco é a que é, cunhas pendentes que non se poden maquillar nin con todo o chapapote do mundo. A súa ubicación na fronte litoral da ría dá o cante ata para o máis pitoño. A ubicación non pode ser máis desafortunada ao pretender desmantelar un espazo cunha abundante concentración de restos arqueolóxicos. Que tiren para adiante coa connivencia das altas instancias, e coa presión engadida dos múltiples intereses económicos e especulativos que inevitablemente acompañan estes procesos, xa é fariña doutro saco. A razón e a convicción están do lado de DEFENDE O MONTE PITUCO. O tempo e a xustiza serán a mellor proba de que se vai cometer un adefesio irreparable.

A continuación a nota oficial da Xunta sobre a visita de Núñez Feijóo a Marín.

 

FEIJÓO ANUNCIA QUE O VENRES ENTRARÁ EN SERVIZO A VARIANTE DE MARÍN, NA QUE A XUNTA INVESTIU 37 MILLÓNS DE EUROS, PARA LIBERAR O CENTRO URBANO DE 9.000 VEHÍCULOS DIARIOS

Fai un chamamento a “todas as administracións públicas” nun momento no que “debemos seguir facendo o maior dos esforzos para recuperar canto antes a vía do crecemento e a creación de emprego”

Lembra a aprobación “dunha das ferramentas principais que calquera concello debe manexar para garantir un desenvolvemento económico e social sostible no tempo, o Plan Xeral de Ordenación Municipal”

Respecto ao “compromiso claro da Xunta de Galicia coas políticas destinadas a mellorar os servizos públicos esenciais”, o presidente recorda como “o pasado venres o Consello da Xunta aprobou a licitación do novo Centro de Saúde de Marín”

Marín (Pontevedra), 4 de xullo de 2012.- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe que “dentro de 48 horas, o vindeiro venres”, entrará en servizo a variante provisional de Marín, unha infraestrutura na que a Xunta investiu 37 millóns de euros e que permitirá liberar o centro urbano da vila do paso de 9.000 vehículos diarios. O xefe do Goberno galego realizou hoxe unha visita institucional ao Concello de Marín, na que informou de que os traballos da variante estarán plenamente concluídos en agosto.

“A partir do venres empezamos a utilizar un centro urbano para as persoas, empezamos a usar Marín para a xente de Marín e a deixar os coches que pasen cara a outros lugares polas estradas”, afirmou. Salientou que, coa variante Marín, disporá “dunha infraestrutura que vai significar unha importante mellora en canto a seguridade e redución de tempos de desprazamentos para todos os veciños desta comarca”. Segundo explicou Feijóo, “Marín e todo o Morrazo estarán mellor comunicados, co beneficio que iso supón para as persoas, para as empresas e para o porto de Marín”.

O titular da Xunta manifestou o compromiso do Goberno autonómico por contribuír a facer de Marín “un lugar mellor onde vivir”. Ese é precisamente o obxectivo que nos marcamos para Galicia desde a Xunta cando puxemos en marcha o Plan Estratéxico de Galicia 2010-2014 (horizonte 2020), engadiu.

Na súa intervención, Feijóo definiu a situación actual como “un momento de extraordinaria importancia para este concello e para toda Galicia”. “Un momento no que España está atravesando unha das peores crises que se lembran”, apuntou. No tocante ás “cifras de paro que a todos nos preocupan”, o presidente informou que “neste último mes a evolución do paro foi algo mellor” ao tempo que advertiu que “queda moito camiño por percorrer”. Neste sentido, fixo un chamamento a “todas as administracións públicas” nun momento no que “debemos seguir facendo o maior dos esforzos para recuperar canto antes a vía do crecemento e a creación de emprego, e afrontar todos estes retos desde a colaboración e a lealdade institucional”.

O responsable do Executivo galego afirmou que, nesta liña, “o Concello de Marín leva dando pasos importantes para poder mellorar a situación actual”, actuando con “determinación e con realismo, consciente das dificultades e dos escasos recursos cos que se contan na actualidade”.

No eido da implicación da Xunta con Marín, o presidente citou “algúns exemplos” da colaboración do Goberno galego co concello pontevedrés, ademais da variante que se abrirá o venres, como son “a aprobación do Plan Xeral de Ordenación Municipal ou a licitación do novo Centro de Saúde”.

Plan Xeral de Ordenación Municipal

O mandatario galego lembrou, así, a recente aprobación “dunha das ferramentas principais que calquera concello debe manexar para garantir un desenvolvemento económico e social sostible no tempo, o Plan Xeral de Ordenación Municipal”. Segundo Feijóo, unha vila como Marín non podía aturar máis tempo co seu territorio regulado con normas subsidiarias de hai máis de 30 anos.

En verbas do presidente, “foi un proceso longo e complicado, que durante 19 anos freou as posibilidades de crecemento de Marín, pero finalmente logrouse o obxectivo grazas precisamente ao traballo conxunto de todas as forzas políticas e dos veciños de Marín”. “Con este Plan lógrase o desbloqueo que estaban sufrindo núcleos do litoral como Aguete, Casás, Loira, Teoira ou Mogor”.

Para o presidente da Xunta, o Plan Xeral de Ordenación Municipal representa “unha excelente oportunidade para todos, para os cidadáns, para as institucións e permitirá o crecemento ordenado de Marín, a construción de vivendas e de equipamentos públicos e o establecemento de empresas capaces de crear emprego”.

Novo Centro de Saúde

O responsable do Goberno galego recordou como “o pasado venres o Consello da Xunta aprobou a licitación de 15 centros de saúde en Galicia, entre eles, o de Marín, nunha mostra do noso compromiso coa mellora e a sostibilidade do sistema sanitario galego”.

Neste sentido, salientou o “compromiso claro coas políticas destinadas a mellorar os servizos públicos esenciais e, de xeito moi particular, os vinculados coa educación e a sanidade”. “En Galicia levamos tres anos facendo un esforzo importante por seguir mantendo unha sanidade pública, universal e gratuíta”, aseverou. O presidente sinalou as “políticas de xestión rigorosa e de busca da eficiencia” como “as que posibilitan que os cidadáns poidan contar con máis e mellores servizos”.

 


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: