Publicado por: MontePituco | 03/07/2012

NA FORMACIÓN, O FUTURO

Mentres unhas comunidades de montes atrasadas e retrógradas se rixen por principios que para nada, máis ben ao contrario, apostan polo desenvolvemento do territorio que xestionan con iniciativas encamiñadas á obtención de beneficios baseados no aproveitamento dos seus recursos naturais, e na promoción do seu patrimonio histórico e etnográfico, outras escollen precisamente a vía acertada de potenciar as cualidades do seu monte, poñendo en marcha accións de desenvolvemento rural que, co tempo e cunha xestión axeitada, están dando bos resultados en beneficio da veciñanza.

O mes pasado a Comunidade de Montes do Salgueiral, en Bora, pertencente ao concello veciño de Pontevedra, acolleu unhas xornadas denominadas “O rural que queremos”, coa participación de responsables de diversas organizacións que traballan no eido rural, xerando emprego, favorecendo a recuperación do contorno e contribuíndo a fixar poboación.

O director da área de medio ambiente da empresa Hifas da Terra, Esteban Sinde, asegurou que ningunha especie de árbore coma o castiñeiro é capaz de xerar tanta riqueza, entre a súa madeira, o froito -a castaña- que produce, e os cogomelos que poden medrar no chan micorrizado dun souto. Radicada en Bora, Hifas da Terra é a empresa galega máis emblemática no eido da produción de cogomelos.

Paula Vidal repasou a traxectoria do colectivo ambiental Amigos da Terra, que construiu na serra de San Mamede (Ourense), nos terreos dunha comunidade de montes, o Centro de Educación Ambiental As Corcerizas. Tras superar algún que outro contratempo cos comuneiros, finalmente foi posible que o albergue dunha antiga casa forestal se convertera nun referente en materia de bioconstrucción ao aproveitar os materiais da zona e empregar madeira certificada ambientalmente, e de eficiencia enerxética, ao combinar a pequena escala xeneradores solares, eólicos e hidráulicos.

Hoxe en día, esta “utopía feita realidade”, como a denominan, é un referente formativo no eido da educación ambiental, na organización de campamentos de verán para poboación infantil, na interpretación e defensa do patrimonio. Superados os atrancos cos comuneiros, As Corcerizas e Amigos da Terra colaboran estreitamente coa comunidade de montes de Arnuide: voluntariado ambiental, prevención contra incendios, recuperación de espazos afectados polo lume, actividades de divulgación sobre o monte como fonte sostible de recursos…

Tamén participaron integrantes da cooperativa Ancares de Meu (Cervantes, Lugo); un grupo de mulleres que botaron a andar un proxecto de promoción turística da montaña lucense. O seu esforzo mereceu o 1º premio nun concurso de iniciativas que supuxo o pulo definitivo para que a súa iniciativa pasara do papel á realidade. E así é posible que as protagonistas desta aventura reciban a numerosos visitantes que se interesan pola beleza e pola cultura dos Ancares: dende cocer o pan, ata o funcionamento dun tear tradicional, ou a estancia nunha auténtica palloza son algunhas das posibilidades que ofrecen, que van mesmo máis aló, ao organizar tamén roteiros ambientais.

A última intervención foi de Fernando Bandín, da Fundación Fragas do Mandeo, pertencente á bisbarra das Mariñas (Betanzos), que explicou en que consisten os grupos de custodia do territorio. No seu caso, grazas ás cuotas dos socios foron mercaron fincas, traballaron na eliminación de especies invasivas e estudaron a biodiversidade do espazo. Xunto coa asociación cultural Ridimoas de Ribadavia, que foi pioneira en Galicia na creación dunha rede de custodia do territorio, e as asociacións Drosera e Anduriña, que impulsaron en Marín a custodia da carballeira de Sorretas para garantir a conservación dunha especie de morcego, a Fundación Fragas do Mandeo é das poucas entidades que se adica en Galicia a velar pola protección do territorio nesta modalidade de custodia activa. Actualmente contan cunha extensión de máis de 4000 hectáreas e un observatorio.

Coñecer o traballo que realizan noutras localidades, achegarse a experiencias novidosas, preguntar e compartir a experiencia propia con outras entidades semellantes é a única maneira de formarse e de evolucionar. Por iso é unha mágoa que nunha comunidade de montes como a de San Xulián non se poidan poñer carteis anunciando xornadas como as celebradas en Bora sobre “O rural que queremos”. Pecharse en si mesmos, aillarse do resto do mundo e non participar doutras propostas de traballo, sen dar tampouco a posibilidade de informar sequera sobre iniciativas alleas relacionadas co desenvolvemento do monte, é un xeito de empobrecemento que di ben pouco da capacidade para afrontar os retos do futuro.

O futuro, por exemplo, non debería pasar por converter o Pornedo nun ermo de formigón e asfalto para encha a rebosar as arcas da comunidade, por un tempo moi limitado, por certo. O futuro do Pornedo debería estar ligado a un plan serio de explotación forestal e á conservación e proxección dos seus valores patrimoniais e paisaxísticos; unha estratexia que daría beneficios ilimitados no tempo para as xeracións futuras.

En todo caso, o blogue DEFENDE O MONTE PITUCO seguirá sendo o tablón de anuncios de cantas actividades se organicen a prol do desenvolvemento rural, da cultura e do medio ambiente. Así, este mesmo sábado 7, a partir das 10:00 horas, no Pazo da Cultura de Pontevedra, celebrarase unha xornada de traballo sobre “Comercialización da madeira e outros produtos do rural” organizada polo Grupo de Desenvolvemento Rural Pontevedra-Morrazo.

10:10 O monte veciñal como recurso para o desenvolvemento rural (María do Mar Pérez Fra, profesora da USC, especialista en política agraria e desenvolvemento rural)

10:45 Os produtos do monte: a xeración de valor engadido para os titulares das terras (Edelmiro López Iglesias, profesor da USC, especialista en economía e política agraria)

11:25 Produtos do medio rural e mercados locais (Xosé Antonio Meixide, profesor do Centro de Formación Agroforestal de Guísamo)

12:30 Experiencias na comercialización de madeira: Agrupación de propietarios particulares (Manuel Galdo, presidente da Asociación de Produtores de Madeira de Viveiro) e Venta en común de varias comunidades de montes (Iago Pereira Moreda, capataz da Mancomunidade de montes do Val Miñor)

13:10 Experiencias na diversificación de rendas a través da multifuncionalidade: A explotación do mel (César Cambeiro, Paco Cambeiro e Domingo Martínez, CMVMC de Caldebarcos, Carnota), A explotación do gando (Roberto Álvarez González, xerente da Facenda O Agro – CMVMC de Amoroce, Celanova), A explotación de madeira (Isaac González González, CMVMC de Santa Mariña do Rosal, O Rosal)

16:30 Presentación da “Lonxa virtual de madeira e produtos do monte”: A lonxa virtual como ferramenta das comunidades de montes (Alberto Lema Couso, presidente da Mancomunidade de montes de Ponte Caldelas), Características técnicas e funcionamento da lonxa virtual (Marta Martínez López, enxeñeira de montes

18:00 Comercialización dos produtos do monte: problemática, necesidades e propostas (mesa redonda coa participación dos relatores da Xornada, moderada por Claudio Quintillán, presidente da Mancomunidade de montes do Castrove-Salnés).

DESCARGAR PROGRAMA EN FORMATO PDF: “Comercialización da madeira e outros produtos do rural“.


Responses

  1. […] Máis información no artigo: NA FORMACIÓN, O FUTURO […]


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

A %d blogueros les gusta esto: