Publicado por: MontePituco | 18/06/2012

AGUSTÍN HERNÁNDEZ VISITA AS OBRAS DA VARIANTE

“Este verán imos contar coa variante de Pontevedra en funcionamento: o vindeiro 1 de xullo poderase circular pola variante, unicamente no sentido dende Marín a coller a variante, o 6 de xullo poderase acceder directamente dende Pontevedra hacia á variante e nas primeiras semanas de agosto estará completado o enlace na súa integridade e estará completada esta obra”.

Agustín Hernández, conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

O treito da variante de Marín entre O Regueiriño e Pontevedra xa está construído ao 90%, segundo anunciou o conselleiro Agustín Hernández, que hoxe visitou as obras, cunha lonxitude de 4,2 quilómetros. Trátase da “variante de poboación máis importante que estaba por facer na provincia de Pontevedra”, explicou o titular de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas. Na execución desta segunda fase investíronse 37,7 millóns de euros.

A Consellería asegura que este novo vial “beneficiará directamente a máis de 120.000 habitantes dos concellos de Pontevedra, Marín e Bueu”, argumentando que a posta en funcionamento desta infraestrutura viaria no vindeiro mes de xullo “facilitará a circulación do tráfico con maior fluidez, evitando os colapsos de vehículos no centro urbano da vila pontevedresa debido á grande afluencia de visitantes que se achegan ás praias no período estival”.

Con esta obra pouco menos que interminable, quedaría completada a mal chamada variante de Marín, posto que empeza practicamente no límite con Pontevedra pero nin sequera remata na fronteira con Bueu, senón que remata a medio camiño da vila veciña. Unha variante pola que -por seguridade- non é nada recomendable circular: ten un trazado moi sinuoso con varios cambios de rasante e uns desniveis para quitar o hipo, por non falar das eivas que “permiten” que de cando en vez algún animal (sen contar os “fitipaldis” suicidas, que tamén os hai), ou dos desprendementos que ten habido debido á deficiente consolidación do terreo.

Unha variante que, como case todos os proxectos de infraestruturas, tivo un alto custe a nivel ambiental e paisaxístico, posto que atravesa unha ampla zona de monte na que as excavadoras escangallaron considerablemente a fisonomía natural do terreo; e como exemplo esperpéntico, velaí o recheo realizado entre A Pena e O Caeiro onde, para maior “gloria” dos que consentiron ese adefesio a cambio de nada desdeñables contraprestacións, foron instalar un merendero que prometía ser un “oasis” a carón do asfalto, e non pasa de ser o punto de encontro ocasional de individuos de sospeitosa bondade. Por riba, a variante foi rematar xusto enriba da ría, a carón da fábrica de Ence, como para reforzar aínda máis a pésima fachada marítima que debuxan conxuntamente as chemineas fumegantes da fábrica e o nó de circulación que, pola falta de sentido común das Administracións e dos políticos que se atopan moi cómodos nos seus despachos da gran capital, non quixeron desprazar máis cara ao interior.

Se a visita do conselleiro á variante de Marín, en realidade, se produciu no mesmo enlace deste novo vial coa actual “autovía”, a caron de Celulosas, onde estaba entón o alcalde de Pontevedra, valla a pregunta retórica? Será que Fernández Lores e Agustín Fernández xa se teñen moi visto o un ao outro; polo menos, terán unha nova oportunidade de atoparse este venres, na inauguración da Ponte das Correntes.

Antes de despedirse, Agustín Hernández tamén falou do PXOM de Marín, dándolle á alcaldesa María Ramallo un espaldarazo que, así a golpe de luns, debeulle infundir moito ánimo á responsable local do PP.

“…Unicamente está pendente do informe definitivo da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, é cuestión de días, e nas vindeiras datas, dentro deste mes ou nos primeiros días do mes de xullo, poderemos aprobar a orde de aprobación, co cal Marín vai contar cun plan xeral despois de moitísimos anos de esperar por ese documento que é imprescindible para que Marín teña marcado as liñas mestras do seu futuro”.

Marín poderase converter no concello 59 de Galicia que contará cun plan xeral adaptado á Lei do Solo, se así o di o conselleiro. Pero non deixa de ser contraditorio que ese PXOM clasifique como chan industrial unha zona -o monte Pornedo- que, segundo o propio Plan de Ordenación de Áreas Empresariais de Galicia, non reúne as condicións técnicas nin ambientais necesarias para cumplir esa función. Por tanto, algo se fixo rematadamente mal na tramitación deste PXOM, por máis anos que duraron as xestións, por máis corporacións que entraron e saíron, por máis alegacións e revoltas veciñais que rexeitaron os bandazos que foi dando a ubicación de solo empresarial nesta vila.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

A %d blogueros les gusta esto: