Manuel Arzúa Piñeiro e Xabier Prieto Espiñeira asinan un interesante artigo sobre a “Chioglossa lusitanica”, ou saramaganta rabilonga, no Atlas dos Anfibios e Réptiles de Galicia, elaborado e editado -presentouse aínda o pasado mes de setembro de 2011- pola Sociedade Galega de Historia Natural baixo a coordinación de Moisés Asensi Cabirta. Esta publicación, elaborada “sen ningún tipo de subvención nin axuda pública ou privada, tanto no labor de campo como na súa edición”, segundo explican dende a propia SGHN, foi posible “grazas ao esforzo humano e económico de todos os colaboradores na obtención de datos no campo, e á aportación económica da Sociedade Galega de Historia Natural”.
Entre as súas páxinas atópase esta exhaustiva análise sobre o hábitat e a distribución -tanto a nivel mundial como en Galicia- deste anfibio endémico e protexido, do que DEFENDE O MONTE PITUCO vén de alertar sobre a súa presenza no ámbito do Monte Pornedo. No apartado adicado á súa catalogación, detállanse neste Atlas cuestións que denotan a fraxilidade da súa supervivencia, polo que mesmo se lle aplicou unha lei que obriga á súa PROTECCIÓN ESTRICTA.
Catalogación:
-Categoría mundial UICN: Vulnerable VU A2c.
-Categoría en España: Vulnerable VU A2c.
-Catálogo Galego de Especies Ameazadas: Anexo II (vulnerable).
-Lei 42/2007 do 13 de decembro do “Patrimonio Natural y de la Biodiversidad“: Anexos II (especies animais e vexetais de interés comunitario para cuxa conservación É NECESARIO DESEÑAR ZONAS ESPECIAIS DE CONSERVACIÓN) e V (especies animais e vexetais de interés comunitario QUE REQUEREN UNHA PROTECCIÓN ESTRICTA).
…Non se pode comprender, nin xustificar pois, a arbitrariedade coa que dende certas instancias pouco ou mal informadas -e pouco ou nada sensibles co medio ambiente- se valora este importante achado. Estamos ante a especie faunística MÁIS IMPORTANTE de Marín e, por tanto, non procedería valorar se se estuda, ou non, a súa conservación. A normativa de Patrimonio Natural e da Biodiversidade do ano 2007 establece claramente que tratamento lle hai que dar ao espazo no que habita esta especie, o que supón que a instalación dun polígono industrial no Monte Pornedo vulneraría o obrigatorio cumprimento da lexislación.
Deixar unha resposta