Publicado por: MontePituco | 23/03/2012

POST-DÍA DA AUGA: OS MANANCIAIS DO PORNEDO E DOS SETE CAMIÑOS

Neste pasado 22 de marzo, Día Mundial da Auga, e neste 23 de marzo, Día Meteorolóxico Mundial, cómpre incidir na abundancia de recursos hídricos existentes no subsolo do Pornedo e dos Sete Camiños; un argumento máis para desbaratar as febles afirmacións de quen ousa dicir que este monte é “de baixa calidade”. Mananciais naturais que corren o risco de desaparecer se a Xunta aproba a instalación dunha plataforma loxística ou polígono industrial neste espazo. Se a veciñanza da zona estivo en vilo hai uns anos debido ás obras da variante de Marín, por culpa das cales o monte foi sometido a graves agresións, especialmente polo uso de explosivos que fixeron perigar a conservación dos acuíferos, a ameaza agora é infinitamente maior, debido á enorme extensión da área afectada polo hipotético polígono e a colosal envergadura das obras que requeriría nun emprazamento con tantos desniveis.

O perímetro que abarcaría a plataforma loxística Marín-Pontevedra proxectada polo Instituto Galego de Vivenda e Solo e incluido no Plan Sectorial de Áreas Empresaris de Galicia, aféctalle directamente a polo menos catro mananciais naturais que lle suministran auga para consumo doméstico e de regadío a diversos núcleos de vivendas e fincas de cultivo situadas nos lugares de Pena, Caeiro, Bouza, Casal, Souto, Arealonga e Laxe, na parroquia de San Xulián. Son acuíferos catalogados, algúns deles legalizados e outros en periodo de tramitación para adaptarse á Lei de Augas de Galicia.

A estes pódense sumar outros mananciais que, aínda estando fóra do ámbito xeográfico directo da Plataforma Loxística Marín-Pontevedra, demostran que esta zona posúe unha riqueza hidrolóxica que podería resultar gravemente mermada, se se acometera unha obra de infraestruturas de grandes dimensións. A este respecto, cabe lembrar que as Directrices de Ordenación do Territorio (DOT), contemplan os seguintes obxectivos, aplicables ao caso que se expón:

“Promoverase o mantemento da calidade dos recursos hídricos, e no caso das masas de auga deterioradas, pularase pola mellora do seu estado. Así mesmo, promoverase a redución do risco de contaminación das augas tanto superficiais como subterráneas”.

Nas alegacións presentadas por Defende o Monte Pituco e outros colectivos culturais, veciñais e ambientais ao Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais, fíxose unha relación dos acuíferos que perigan, con datos relativos á súa localización exacta coas coordenadas GPS, fotografías e documentos históricos que proban o seu aproveitamento veciñal.

O manancial de Fontenla xa conta con autorización administrativa. Suministra auga para consumo doméstico e de regadío aos habitantes e propietarios de terreos no lugar de Caeiro. A auga que nace no manancial de Fontenla repártese nos depósitos saneados e individuais existentes nunha edificación construida en 1991.

 

O manancial das Presas proporciónlle auga de regadío a habitantes dos lugares de A Pena, Caeiro e Bouza. Actualmente atópase en fase de adecuación á normativa que establece a Lei de Augas de Galicia.

O manancial de Gorgullón do Pino ou Fonte das Pulgas diríxese aos lugares de Souto do Carregal, Casal e Laxe. Grazas ao interese e o esforzo dos nosos antergos, esta conducción de auga chega ata este outro extremo da parroquia.

O manancial de Sete Camiños sitúase no monte comunal da parroquia de San Xulián de Marín e a súa auga fornece varias fontes, tanto como abrevadoiro para o gando que habita pola zona, como para o surtidor público existente na área de descanso a carón da estrada Marín-Figueirido.

Coa colaboración de varios veciños, Defende o Monte Pituco recolleu a existencia de mananciais tamén nos lugares de Cachada de Carballo, Fonte Lagoa e Monte da Serra. Ante a evidente riqueza hidrolóxica desta zona, Defende o Monte Pituco reiteroulle á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas que este é outro motivo a ter en conta para desbotar o proxecto da plataforma loxística nesta ubicación.

No propio Plan Sectorial afírmase para a elección dos parques empresariais cómpre ter en conta:

“Evitar as localizacións próximas aos cursos de auga, así como a afección aos mesmos e as zonas de recarga dos acuíferos”. (…) “Con carácter xeral, para garantir a integridade do recurso, adoptaranse as medidas de eficiencia relacionadas no Informe de Sustentabilidade Ambiental, tales como: analizar as posibles afeccións ás augas de escorrentía e subterráneas. Así como ás traídas veciñais”.

Por riba, o proxecto da plataforma loxística Marín-Pontevedra foi puntuado cun baremo de 50, por ter unha afección (500 m) sobre os cursos de auga. Esta puntuación debería ser reconsiderada e recibir 0 puntos por ter unha afección complexa sobre o Rego de Louredo, que nace dentro do monte comunal de Lourizán, na área afectada polo parque empresarial, e que non aparece no plano do Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais.

No Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais de Galicia afírmase que:

“O desenvolvemento dunha área empresarial precisa dunha serie de servizos (abastecemento, saneamento, telecomunicacións, enerxía, transportes…) que deben ser prestados a través da súa conexión cuns sistemas xerais ou da explotación de recursos presentes na área de influencia”. (…)“Disponibilidade de recurso de auga e posibilidade da súa utilización para abastecimento”.

Malia a existencia de mananciais en puntos dispersos, en toda a contorna non existe ningún río cun caudal suficiente para abastecer unha hipotética área empresarial. Agás que se recorra a estes acuíferos que, dende a antigüidade, fornecen aos habitantes dos núcleos de poboación próximos e as zonas de cultivo que se extenden ao redor destes. Sería inaceptable, neste caso, que se privara a veciñanza de seguir beneficiándose dun recurso natural que historicamente veñen aproveitando, no que investiron recursos económicos propios para mellorar as canalizacións, e que mesmo están rexistrados e funcionan en réxime de comunidade de usuarios e/ou regantes.

22 de marzo, Día Mundial da AUGA

23 de marzo, Día METEOROLÓXICO Mundial

#MontePornedoCALIDADE

 

 


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: