Publicado por: MontePituco | 17/02/2012

O BNG DO MORRAZO SOBRE O CHAN INDUSTRIAL

Sempre coa demagoxia por diante, as agrupacións locais do BNG no Morrazo veñen de adoptar unha estrana estratexia sobre como se debería xestionar o solo industrial. Pero o BNG da bisbarra chega tarde, mal e arrasto a “salvarnos” da crise, porque a crise xa comezaba a “asomar a patiña” cando eles tiñan responsabilidades políticas, tanto a nivel autonómico como local, e daquela non achegaron ningunha medida válida para afrontala. E veñen agora aireando -dun xeito un tanto impúdico e morboso- as dramáticas cifras do paro, metendo o dedo na chaga supurante e infectada das empresas en concurso de acreedores ou envoltas na sangría dos expedientes de regulación de emprego, e invocando a desesperación das familias que carecen dos ingresos necesarios para vivir con dignidade. E con eses argumentos tan recorrentes e sensibles para os tempos difíciles que nos toca vivir, temos que tragar as receitas presuntamente milagreiras do BNG do Morrazo, que nos han traer riqueza e felicidade a esgalla.

O BNG do Morrazo ten un serio problema de personalidade, de coherencia coa ideoloxía que representa, de rumbo, en definitiva. Durante anos caracterizouse por criticar duramente a política errada dun PP ao que acusaba de fomentar a proliferación -coma cogomelos- de polígonos industriais nos lugares máis recónditos, atribuíndo esta medida ao favorecemento da especulación e do amiguismo, e criticando a falta de planificación urbanística que derivaba nunha desvertebración territorial.

Agora cambiaron as tornas e vén sendo o mesmísimo BNG o que, non conforme con apostar pola dotación dun gran polígono industrial na bisbarra, di que tamén hai que construir micropolígonos duns 50.000 metros cadrados en cada concello. Así concibe o progreso o BNG do Morrazo: convertendo o país nun queixo gruyer, furando en todo canto concello haxa nun delirante exercicio do “café para todos”… Porque podemos extrapolar que se esta é a política que defende o BNG do Morrazo, tamén na bisbarra de Pontevedra, e na do Salnés, e na de Caldas, e na de Terra de Montes, e na do Condado-Paradanta… os respectivos BNG’s poden estar demandando máis do mesmo. Deberían aprender conceptos como sostibilidade e, sobre todo, ter máis memoria.

…Máis memoria dos principios que enarbolaron antano con tanto brío, e máis memoria inmediata das declaracións que fan os propios integrantes deste partido, ou dos artigos que publican na prensa. Máis que nada, para non quedar publicamente en ridículo, para non xerar confusión no electorado que merecidamente lle deu as costas nas eleccións. Porque somos escravos das nosas palabras, e as de Xosé María Vilaboa no Faro de Vigo do pasado 9 de febreiro, entran en clarísima contradición coa historieta que vén de contarnos o cuarteto Blanco-Millán-Lobeira-Fernández:

“…O Consello da Xunta aproba un Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais no cal se recollen 600.000 metros cadrados de chan empresarial para todo o Morrazo! Se repartimos esa superficie entre os cinco concellos que forman a península saímos a 120.000 metros cadrados por concello. Como deberiamos chamarlle? Nanopolígonos?”

A súa camarada de filas no BNG de Marín, Pilar Blanco, criticaba nesa rolda de prensa que “a alcaldesa María Ramallo, apoiada por Feijóo e polos alcaldables do PP, insistiu no polígono da Pastoriza como gran solución, un proxecto que agora a Xunta declara inviábel”. E non di nada Pilar Blanco da inviabilidade dun polígono industrial no Monte Pornedo, ese lugar situado en plena fachada marítima do Concello a carón do límite con Pontevedra, onde o BNG de Marín -durante a longa tramitación do PXOM- discurriu crear un polígono industrial de 700.000 metros cadrados, e onde a Xunta tamén acaba de determinar que non procede semellante infraestrutura?

Ningún artigo dos publicados na prensa, nin sequera o comunicado do BNG, fala da aposta que fixo o BNG de Marín pola instalación dun polígono industrial no Monte Pornedo, tal e como está recollido no PXOM que está a piques de aprobarse despois de moitos tiras e afrouxas. E sen embargo, no Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais o proxecto da plataforma loxística Marín-Pontevedra ten tanta puntuación como o parque empresarial Marín-Moaña, cunha diferenza: a orografía do Monte Pornedo é máis escarpada que a de Pastoriza e a puntuación que o Plan Sectorial lle dá nese apartado é un tremendo ceropatatero.

Por que Pilar Blanco alude ao PP cuestionando a instalación dun polígono en Pastoriza, que a Xunta declara inviable, e non di nin ren do polígono deseñado polo BNG no Pornedo, que a Xunta tamén declara inviable? Sen dúbida, para non poñer en evidencia o estrepitoso fracaso da súa política urbanística na anterior lexislatura municipal. Por que Xosé María Vilaboa menta que nin o polígono do Pornedo nin o de Pastoriza son viables, pero só ataca a proposta do PP de crear chan industrial en Pastoriza e logo volve “erre que erre” a defender o da Brea? Evidentemente, para presentarse como víctima das decisións do PP e eludir as responsabilidades derivadas dos seus propios erros políticos.

Agardamos impacientes polo resultado dese brillante estudo que o BNG do Morrazo ten encargado para determinar onde, segundo eles, habería que ubicar eses micro-nano-polígonos de 50.000 metros cadrados en Marín, Bueu, Vilaboa, Cangas e Moaña. Namentres, para paliar o grave problema de memoria que ten este partido, lembrarlles as palabras do seu compañeiro de filas e concelleiro de Ordenación do Territorio no Concello de Pontevedra, César Mosquera, sobre o proxecto da plataforma loxística Marín-Pontevedra:

“…Nós opoñémonos frontalmente, a viabilidade que ten é moi pouca. Viabilidade xa non ten porque se manteñen a puntuación… É que alí ten unhas pendentes tremendas, ten protección arqueolóxica, ten impacto visual sobre a ría tremendo. Tenas todas! Agora, se o Concello de Marín non encontrou outro sitio… No Morrazo, francamente, non nada é fácil. Non vou entrar a valorar se fixeron ben ou mal, se estudaron ben ou mal. Imaxino que isto vén inducido tamén a veces por decisións arrastradas por cuestións técnicas: igual o equipo redactor do plan pintou eso, non sei. O Concello de Pontevedra, o seu posicionamento é que eso, non! Hai sitios de sobra para poñelo bastante mellores que ese. Hai aí unha cantidade de restos arqueolóxicos tremendos, iso polo menos é o que figura”.

E para rematar, compartimos os comentarios publicados por dous “facebook-amigos” do Monte Pituco sobre estas constantes contradicións nas que caen os dirixentes do BNG de Marín, que cada vez que abren a boca ou lle dan á tecla, provocan asombro e incredulidade a partes iguais:

“Iso pasa cando unha formación política perde o rumbo, o sentido de país, e a defensa dun proxecto coherente, e se embarca ao seguidismo interesado de calquera movemento veciñal, mesmo que sexa aberrante, con tal de arrapiñar unha presadiña de votos”.

“Non saben o que queren, agora todos queremos un polígono ao lado da casa, aínda que non haxa un can para facer empresas, así lle vai ao de Meis. E despois outros aspectos que se poderían explotar sen afectar o entorno, déixanos de lado. Nótase ben que o BNG de Marín, ten as ideas “claras”, así lle vai nas urnas, e así lle seguirá indo. O BNG da comarca do Morrazo tiña que recapacitar, xa que nuns lados di unha cousa, está a favor da Plataforma Montes do Morrazo, e despois noutros lados está en contra do Monte de Pornedo, onde apoiaba facer un micropolígono deses, un espazo rico en recursos Naturais e Arqueolóxicos, Monte Pituco, Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños, que se podería explotar como fan noutros sitos, coma en Asturias, Cantabria e Pais Vasco. E despois eles din que son os que defenden a nosa cultura, as nosas tradicións e o noso pobo. Polo que se está vendo, non saben nin o que queren nin o que defenden, debe ser segundo lles dea o aire. En Castellón fan aeroportos para pasear os veciños, e aquí algúns políticos, e algúns comuneiros que vén unha oportunidade para levar cartos coas expropiacións, queren facer polígonos sen naves para que os veciños poidan pasear, que o de facer aeroportos xa esta moi visto”.


Responses

  1. O mellor de cada casa. A florinata do nacionalismo galego…Deus nos colla confesados.
    Con estes candidatos na esquerda, imos ter ó PP gobernando moito tempo.

  2. […] quen defende máis este emprazamento, (incluído certo partido en descomposición que parece ter un proxecto de país por parroquia), cegados polo pailanismo e o localismo máis miope. A comunidade de montes de San Xulián devece […]

  3. Estou totalmente de acordo coa opinión de Franjo , e aproveito a ocasión para convidar a todos aqueles que ainda non coñezan o seu blog, que o visiten, porque é boísimo.

    • A súa opinión, dende logo é moi valiosa. E a partir de agora as Novas de Arqueoloxía teñen a súa ligazón permanente no blog do Pornedo. Seguirémoslle a pista. Grazas, saúdos.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: