Publicado por: MontePituco | 06/02/2012

O PSOE DE PONTEVEDRA OPONSE AO POLÍGONO NO PITUCO

Faro de Vigo: “Los socialistas pontevedreses formalizarán alegaciones en contra de las áreas logísticas propuestas por el departamento autonómico a caballo de los municipios de Marín y Vilaboa. En el primer caso, las objeciones planteadas aluden a que el área empresarial diseñada ocupa terrenos calificados parcialmente como de protección integral arqueológica”.

Diario de Pontevedra: “O edil do PSOE non quere nin oír falar tampouco da posible posta en marcha dunha plataforma loxística entre Marín e Pontevedra, que contaría cunha superficie de 279.264 metros cadrados. No avance do PXOM de Pontevedra, estes terreos aparecen cualificados parcialmente como de “Protección Integal Arqueolóxica”, se ben o plan urbanístico da cidade vén de ser novamente rexeitado polo Goberno galego. Aínda así, Louro desaconsella levar a cabo esta infraestrutura, á que se lle outorga unha viabilidade socioeconómica e medioambiental de 29 puntos. O propio documento redactado por técnicos da Xunta desaconsella desenvolver actuacións que obteñan menos de 30 puntos”.

Como xa auguramos atinadamente hai tan só uns días, o posicionamento do goberno local de Pontevedra vai ser radicalmente distinto ao que anunciou o goberno local de Marín a respecto do proxecto de instalación dunha plataforma loxística entre Marín e Pontevedra, no Monte Pituco. Este fin de semana foi noticia que o grupo municipal socialista de Pontevedra vai propoñer, para o seu debate na Corporación, unha proposta de alegacións ao Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais. Concretamente, sobre a Plataforma Loxística Marín-Pontevedra, o comunicado do grupo que lidera o concelleiro de Urbanismo, Antón Louro, di textualmente:

No avance do PXOM de Pontevedra, estes terreos aparecen cualificados parcialmente como “Protección Integral Arqueolóxica”, polo que parece dificilmente executable. Doutra banda, no Plan Sectorial aparece reflectida unha puntuación de viabilidade socioeconómica-medioambiental de 29 puntos, cando o propio documento desaconsella as actuacións con menos de 30 puntos.

O grupo socialista propón desbotar esta proposta e que sexa eliminada.

A calquera cidadán con sentido común non pode menos que chamarlle a atención esta ostensible incongruencia entre concelleiros homólogos do mesmo partido en concellos veciños. Non podemos obviar que o posicionamento do líder da oposición e anterior alcalde de Marín, o socialista Francisco Veiga, está radicalmente a favor da instalación dun polígono industrial no Monte Pornedo. Pero a Veiga nada lle importa o patrimonio arqueolóxico polo que se preocupa Antón Louro; e a diferenza deste último, a Veiga parécelle irrelevante que o estudo de viabilidade socioeconómica e medioambiental da zona sexa negativo.

É previsible que a proposta dos socialistas de Pontevedra para que o Concello de Pontevedra formalice o seu rexeitamento ao proxecto de plataforma loxística Marín-Pontevedra no Monte Pituco, acabe contando co respaldo dos seus socios de goberno no grupo municipal do BNG. Entón, a incongruencia será dobre, posto que os nacionalistas de Marín o que pretenden é xusto o contrario: que a Xunta instale ese polígono industrial nun Espazo Natural Protexido pertencente aos Montes do Morrazo, nunha zona de máxima fraxilidade visual e con pendentes que exceden as recomendacións do Instituto Galego de Vivenda e Solo no que respecta á urbanización de parques empresariais.

O que moita xente ignora é que a oferta de solo empresarial que fixera o anterior Goberno local bipartito de Marín quedou reducido practicamente á metade co novo plantexamento artellado polos técnicos contratados pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas. O que moitos marinenses descoñecen é que ese polígono industrial, tal e como está plantexado pola Xunta, ocupa máis da metade do seu perímetro no termo municipal de Pontevedra, e que ao Concello de Marín só lle afecta nunha terceira parte, co cal non solucionaría en absoluto o afán recaudatorio deste Goberno local á hora de tramitar e conceder as hipotéticas licenzas urbanísticas.

…A política é tan paradóxica, tan ilóxica e tan esdrúxula, que a mesma dicotomía se produce entre o BNG e o PSOE de Pontevedra e de Vilaboa en relación ao proxecto de creación do parque loxístico Pontevedra-Vilaboa. O grupo municipal socialista de Pontevedra rexéitao de plano pola afección medioambiental ao contorno do río dos Gafos, mentres que o bipartito socialista-nacionalista de Vilaboa ve con bos ollos esa proposta, obviando os posibles efectos contaminantes. “Doutores ten a Igrexa”, que dirían por aí. Os discípulos de Sigmund Freud teñen entre Marín, Pontevedra e Vilaboa un interesante “triángulo das bermudas” para estudar a fondo conceptos como contradición, incoherencia e disparate.

 


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: