Publicado por: MontePituco | 21/01/2012

A PLATAFORMA DEFENDE O MORRAZO SOBRE O PLAN SECTORIAL

A continuación, un comunicado da Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo sobre o Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais.

A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo congratúlase de que a Xunta de Galicia no seu Plan Sectorial de Áreas Industriais cambiase da postura inicial e agora aposte por desestimar os tres proxectos de parques industriais que afectaban ó monte Pornedo, Pastoriza e Cruz da Maceira, dentro do espazo natural protexido polas normas subsidiarias de planeamento provinciais.

O parque industrial do Pornedo, promovido polo concello de Marín cunha extensión que ronda os 300.000 m2, afectaría a un espazo de elevada fraxilidade visual, segundo o Informe de Sostibilidade Ambiental do PXOM, que tamén contempla o “valor limitante absoluto” desa zona para usos urbanísticos de tipo residencial ou industrial. Ademais, o 92% da parcela ten unha pendente superior ao 15% que a Guía de Recomendacións Técnicas para o Proxecto Integral de Parques Empresariais de Galicia recomenda non superar. No Monte Pornedo e arredores hai numerosos vestixios arqueolóxicos, como mámoas e petroglifos catalogados como Bens de Interese Cultural; uns elementos incluidos no proxecto de creación do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños, para a súa posta en valor.

Asi mesmo considera axeitada, tanto a nivel técnico como estratéxico, a proposta de que as empresas ubicadas no porto de Marín sexan reubicadas na área industrial de Pontevedra próxima ó Morrazo e perto da vía do tren. Isto ademais posibilitaría a recuperación de terreo gañado ilegalmente ó mar dentro do dominio público marítimo-terrestre e a reordenación do propio porto en beneficio do núcleo urbano de Marín.

Alén diso considera errática a persistencia a favor dos parques industriais, por parte dos distintos partidos políticos a nivel local nos concellos de Marín e Moaña, nun claro afán localista, da man da especulación empresarial dentro dun modelo de desenvolvemento claramente insustentable.

O parque industrial da Pastoriza, promovido polo concello de Marín de 1.152.021 de m2 afectaría a unha área de especial interese agroforestal e natural, preto do nacemento e áreas de ribeira do río Loira nas Gorgadas, e dun dos núcleos rurais mellor conservados do municipio marinense e da comarca, do mesmo topónimo.

O parque industrial da Cruz da Maceira, promovido polo concello de Moaña de 460.000 m2 afectaría a un terreo con grandes desniveis á beira de dous nacementos do río da Fraga, con repoboacións forestais, monte comunal, carballeiras e áreas de ribeira, e preto do bairro da Fraga, outro dos núcleos rurais mellor conservados da comarca. Foi informado desfavorablemente varias veces e apartado da aprobación definitiva do PXOM de Moaña pola propia Xunta.

A unión dos dous parques municipais como parque supramunicipal a nivel comarcal e que no seu momento a Xunta incluíu no Plan Sectorial, sería sobredimensionada e inviable xa que ademais de estar integrado dentro de solo rústico de proteción de espacios naturais a nivel provincial, con anterioridade xa se proxectou un parque comarcal en Castiñeiras entre os concellos de Cangas e Bueu, o PEIM (Parque Empresarial e Industrial do Morrazo), dunhas dimensións análogas de 1.500.000 m2 a este, e que ademais foi rebaixado posteriormente a unha terceira parte da superficie, precisamente por falla de demanda empresarial como recoñeceu a mesma Xunta a traveso de Xestur.

Tamén o faría inviable por estar en zonas que foron incendiadas con anterioridade o que imposibilitaría a súa recalificación urbanística pola Lei de Montes.

E suporía un impacto e considerable gasto económico engadido pola necesidade de viais de conexión por estrada a traveso da PO-313 Marín-Moaña, afectando coa súa ampliación os núcleos de poboación de Pardavila, Miñán, Broullón e A Paradela, proxectado no seu momento no fallido Plan Vigo Íntegra e asi mesmo rexeitado pola veciñanza.

Para rematar consideramos de irresponsable a postura de algunha formación política de Marín que tenta vincular o desenvolvemento dos parques industriais coa do PXOM municipal cando o único que fixo paralizar o citado Plan Urbanístico foi a oposición social a cinco áreas industriais propostas e unha edificabilidade moi por enriba das súas capacidades de ordenación e sustentabilidade, con centos de alegacións na súa contra ó longo destes últimos anos.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: