Publicado por: MontePituco | 15/01/2012

ROTEIROS DO ESPAZO ‘SETE CAMIÑOS’

 

“A oposición está indignada, quen a desindignará, o desindignador que a desindigne, bo desindignador será”

Tralo pleno municipal deste pasado venres, os grupos municipais do PSOE e do BNG están arestora tirando de axenda para quentarlle o tarro aos empresarios marinenses e convencelos, aínda que só sexa por aburrimento, de que a “decisión” (entre aspas, posto que non se trata dunha medida definitiva) da Xunta de non considerar o Monte Pituco como potencial ubicación dun parque industrial pola súa “baixa puntuación”, é un insulto, un agravio e un atentado contra os intereses da vila.

“Claramente discriminan a Marín y van a producir un rápido deterioro de nuestras perspectivas de futuro, por lo que nosotros solicitamos un rechazo absoluto a esta decisión y una reunión urgente con la Xunta”, proferiu o voceiro socialista, Francisco Veiga, no seu correctísimo castelán de Castela. O seu homólogo nacionalista, Xosé María Vilaboa, reclamou a convocatoria da comisión informativa correspondente para analizar a situación. En representación de Marinenses Independentes, Isabel Martínez Epifanio volveu facer fincapé na posibilidade de artellar unha proposta de desenvolvemento industrial compartida co veciño concello de Moaña. Pola súa banda, a alcaldesa María Ramallo anunciou que a principios desta semana se reunirían as partes interesadas para estudar a posibilidade de elaborar alegacións.

Non é normal que unha Administración pública se revolva para desprotexer un espazo natural protexido. Para que se crean entón as figuras legais de protección ambiental, para usalas a comenencia? No ámbito dos Montes do Morrazo, o Monte Pornedo merece o respecto que un día lle outorgaron as Normas Subsidiarias e Provinciais de Planeamento polas razóns que insistentemente vimos reiterando: a súa ubicación, en plena fachada da ría; as súas condicións orográficas, pola pendente accidentada do terreo; a riqueza da fauna e da flora do contorno; a presenza de elementos arqueolóxicos e etnográficos de indubidable valor histórico e cultural…

En vez de aproveitar todas estas condicións privilexiadas, hai representantes políticos que, como Veiga e Vilaboa, están empeñados en esnaquizar o Monte Pornedo, construir unha pantalla de formigón e asfalto no balcón da ría, para maior gloria da súa torpe estreitez de miras.

Pola contra, hai persoas e colectivos sociais que son sensibles coa protección do patrimonio material e inmaterial, que avogan por unha xestión sostible dos recursos forestais da zona, que confían no seu potencial turístico e cultural como fonte inesgotable de desenvolvemento económico, como unha enerxía renovable que sempre vai estar xerando beneficios, a diferenza do que representa converter o Monte Pornedo nunha chaira de naves que tan pronto poden estar cheas como absolutamente baleiras: pan para hoxe e fame para mañá.

A comisión técnica que traballa a prol da posta en marcha do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños leva dous anos deseñando estratexias de posta en valor do Monte Pornedo, do Monte Catadoiro e dos Sete Camiños, estudando como enlazar este contorno coa Lagoa de Castiñeiras e co complexo rupestre de Chan da Armada e Chan da Arquiña. Froito dese traballo, son os roteiros expostos no documental “Sete Camiños: encrucillada do tempo”, que -con tanto éxito de público e de crítica- se presentou esta semana no Teatro Principal. A cidadanía marinense xa ten motivos abondo para deixar de mirar ao chan, para virar as costas e comezar a ollar cara ao monte, que antano foi o medio de supervivencia de moitas familias.

* ENTREVISTA EN RADIOFUSIÓN SOBRE O ESPAZO SETE CAMIÑOS

   Pincha na seguinte ligazón: AUDIO DA ENTREVISTA no blog Á Sombra de Bouza Panda.

“…É a zona de maior riqueza arqueolóxica do contorno, trátase dun espazo de dimensións reducidas, polo que resulta máis fácil de pór en valor e facer un roteiro arqueolóxico. Posúe restos de canteiras, valados, penedos figurativos e lendas asociadas ao entorno, ademais do seu valor paisaxístico, constituíndo unha verdadeira atalaia sobre a ría de Pontevedra”.

“…A repoboación de eucalipto, a variante de Marín, a liña de alta tensión, a franxa de seguridade da Brilat, o risco de instalación dun parque industrial. A pesar da súa riqueza, non é dos lugares mellor tratados”.

(Rafael Quintía, economista e antropólogo, codirector e coguionista do documental “Sete Camiños: encrucillada do tempo”).

* ENTREVISTA NO PROGRAMA “SOMOS QUEN” DA RADIO GALEGA

   Pincha na seguinte ligazón: AUDIO DA ENTREVISTA na páxina da Sociedade Antropolóxica Galega

“…Levamos dous anos co proxecto, informando das ameazas que lle afectan ao lugar e serían incompatibles co proxecto, como a instalación dun parque industrial no contorno duns petroglifos ou a ampliación da base militar, para vencer localismos e converter o espazo nun referente turístico”.

(Rafael Quintía, economista e antropólogo, codirector e coguionista do documental “Sete Camiños: encrucillada do tempo”).


Responses

  1. ola! estamos interesados en facer este domingo esta ruta, podédesme dar a as coordenadas exactas para gps, grazas.

    • Ola, moitas grazas por visitar o blog e polo voso interese en percorrer o roteiro do proxecto Sete Camiños. Por favor, ponte en contacto connosco por correo electrónico no enderezo montepituco@gmail.com, para trasladarlle a túa mensaxe aos compañeiros da comisión técnica do proxecto, e poderche facilitar as indicacións técnicas necesarias para realizar a andaina. Se o desexades, tamén se pode valorar a posibilidade de organizarvos un roteiro guiado, en caso de que sexades un grupo. Téñense realizado varios percorridos con colectivos como Revira, Almuinha, ou o Clube de Montañeiros, dos que se deu conta neste mesmo blog, por se queres facerte unha idea.

      https://montepituco.wordpress.com/2011/10/17/andaina-polo-espazo-sete-caminos/

      Saúdos.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: