Publicado por: MontePituco | 14/01/2012

EXITAZO DA ESTREA DO DOCUMENTAL ‘SETE CAMIÑOS’

A resposta do público foi espectacular, a estrea do documental “Sete Camiños: encrucillada do tempo” celebrouse nun ambiente fantástico e os aplausos ao rematar a proxección foron a proba inequívoca da satisfacción e das expectativas cumpridas. O Teatro Principal presentaba un cheo absoluto, cos asentos practicamente ocupados ao 100% na parte inferior, polo que tamén houbo que habilitar o acceso ao palco superior para acomodar a xente que seguía chegando.

Moitas grazas a todas as persoas que nos acompañaron: de maneira especial, a Lucinda Montenegro, irmá do noso admirado Xan, xa que o documental está adicado á súa memoria; aos representantes da Asociación de Veciños de San Xulián; aos veciños do lugar de Caeiro e doutros puntos da parroquia que tamén se sumaron a este acto. Grazas ao presidente do Ateneo Santa Cecilia polo seu apoio; aos rapaces e rapazas da Asociación Cultural Almuinha e de Revira por estar tamén aí; aos directivos das comunidades de montes veciñas de Lourizán e de Salcedo, e ao presidente da Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común, Xosé Alfredo Pereira, facendo patente o apoio desta entidade ao proxecto de creación do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños.

Non faltaron dirixentes municipais dos concellos de Pontevedra e de Vilaboa; representantes de asociacións sociais, culturais, ambientais e veciñais como Heroes do Campo da Porta ou Vaipolorío; profesionais da arqueoloxía vencellados ás Administracións local e provincial, e á Escola de Restauración, entre os que destacamos o marinense Álvaro Arizaga…

E moitos amigos e amigas, coñecidos e descoñecidos, que atenderon o chamamento da comisión técnica do proxecto para a creación do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños, ou que souberon da presentación a través da ampla e xenerosa cobertura informativa que os medios de comunicación lle deron a este acto.

Un agradecemento máis aos compañeiros da comisión técnica do proxecto Sete Camiños polo seu traballo ao longo destes últimos dous anos; un traballo que se vén de materializar neste documental, coproducido pola Sociedade Antropolóxica Galega e por Faro de Ons Producións, coa colaboración desinteresada de moitas persoas sensibles co patrimonio natural e histórico.

“Sete Camiños: encrucillada do tempo” presentarase en próximas datas en Marín e mais en Vilaboa. Organizaranse andainas ao espazo e charlas informativas para dar a coñecer a riqueza desta zona, para concienciar da necesidade de preservalo fronte ás circunstancias adversas que o ameazan, para poñelo en valor. Seguiremos informando.

MÁIS INFORMACIÓN:

Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños

Sociedade Antropolóxica Galega


Responses

  1. […] mámoas catalogados, así como material recuperado da tradición oral. Gravouse un documental que se presentou no Teatro Principal de Pontevedra en xaneiro de 2012, e organizáronse varias rutas divulgativas; non só para reivindicar a posta en valor deste […]


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: