Eu son a Fada que vive
na largura montesía,
tendo ós meus pés a campía
…e o ceo como dosel;
e coido as frores do toxo
e os carrascos recendentes
onde as abellas firentes
veñen a chuchar o mel.
Érgome ó romper o día
e rezo ó pé dos cruceiros
e sei falar cos luceiros
na dozura do serán,
e vixío as ovelliñas
que apastan polas valgadas
sin medo a ser axexadas
dos dentes do lobicán.
Eu poño no bo camiño
os que no escuro da noite
sin que ninguén os escoite
non saben por onde ir,
e eu acocho entre os penedos
os que na choiva e no vento
chegan tristes, sin alento,
nun atolado fuxir.
Santo Rei, a miña oferta
é este añiño ventureiro
ó que un lobo carniceiro
quixo no monte roubar,
e prégoche teu amparo
ós que coa alma ferida
van a escuras pola vida,
sin acougo nin fogar.
Ramón Cabanillas, “OFRENDA DAS FADAS NO PORTAL DE BELÉN”.
Deixar unha resposta