Tomando un desvío xusto antes de chegar a Santo Andrés do Hío, onde se conserva o famoso e impresionante cruceiro tallado por Cerviño en 1872, unha estrada estreita e sinuosa lévanos ata a Costa da Vela, declarada Lugar de Interese Comunitario (LIC) e incluido na Rede Natura 2000. Dende Donón divísase o Monte Facho, mítico enclave onde se localizan importantes vestixios prehistóricos que suxiren que os antigos poboadores da zona acudían a ese promontorio para vixiar o horizonte da chegada de posibles inimigos, e tamén para realizar ofrendas á divinidade. As excavacións arqueolóxicas que se están realizando neste espazo, coa participación de destacados historiadores mesmo a nivel internacional, mereceron o Premio Provincial de Cultura que outorga anualmente a Deputación de Pontevedra.
Para describir as panorámicas da Costa da Vela non bastan as palabras, porque cada día é diferente: a luz, o vento, o son das ondas, a vexetación cambiante en función da época do ano. Un agasallo para os sentidos, e un tesouro natural en todas as acepcións posibles: a nivel paisaxístico, ambiental, biolóxico pola fauna e a flora que habitan a terra, o mar e o aire. Entre o patrimonio arquitectónico, os faros de Cabo Home e de Cabo Pequeno, separados pola praia de Melide. En resume, un dos lugares privilexiados da bisbarra do Morrazo, coas impoñentes Illas Cíes -emblema do Parque Nacional das Illas Atlánticas- practicamente ao alcance dos dedos.
(Preme a continuación en “Ler máis” para ver o álbum fotográfico completo).
…Polo escuro do mar que vos contruba
aínda hai peixes de luz nos seus abrigos,
mariñeiros de Cangas, meus amigos,
meus irmáns, de salitre e sol e chuva.
Soltre a ría un exército de naves,
mariñeiros de Cangas, traede as liñas,
que, anunciandoo fumazo das sardiñas,
polos cons e cabezos cantan aves.
Polas ondas sen muros e sen diques,
polo lombo do Atlántico azulado
brinca e bufa o arroaz todo apurado
perseguindo os bonitos e os alcriques.
Máis alá de Sobrido ti me guíes,
mariñeiro de Cangas, ti me leves
pra ver os escumallos e os percebes
e mirar dende a popa as Illas Cíes.
Máis alá do Cabalo e Cabo Home
da Negra e deses baixos de Biduído,
mariñeiro de Cangas, vas perdido
e o mar é un gran misterio que te come…
(Bernardino Graña: fragmento de “Oda aos mariñeiros de Cangas” na obra “Profecía do mar”).
[…] …Deixamos ás nosas costas o Monte do Facho e o núcleo de Donón para emprender a senda de Cabo Home. Tras percorrer un pedaciño de Cabo Udra, tocaba volver á Costa da Vela. […]
By: …E UN POUCO DE CABO HOME | DEFENDE O MONTE PITUCO (Pornedo) on 28/04/2016
at 13:25