Publicado por: MontePituco | 19/12/2011

PLATAFORMA MONTES DO MORRAZO VS. PARQUE EÓLICO EN PEDRAS NEGRAS

Cándido Martínez, de Luita Verde, e Damián Copena, do Grupo de Investigación en Economía Ecolóxica e Agroecoloxía da Universidade de Vigo, explicaron en Marín as afeccións que provocaría a instalación dun parque eólico no lugar de Pedras Negras, afectando os montes dos concellos de Marín, Moaña e Vilaboa. Trátase dun dos moitos polígonos de muíños que han saturar Galicia de norte a sur, de leste a oeste, debido ao Plan Sectorial elaborado -e varias veces modificado- pola Xunta. A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo e os colectivos que a conforman presentaron este verán un documento de suxerencias en contra da construcción deste parque eólico que lle foi adxidicado á empresa italiana Enel Green Power. Pero o proceso aínda vai para longo, posto que máis adiante suponse que haberá unha exposición pública, momento no que se poderán presentar alegacións.

A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo plantexa a “alternativa cero”, é dicir, cero muíños en vez dos 14 proxectados, que xa son dous menos que os 16 inicialmente previstos.

Cándido Martínez, de Luita Verde, advertiu que periga o sistema fluvial do Morrazo: o río Loira en Marín, o río da Fraga ou dos Ladróns en Moaña, a zona do río Miñouga en Domaio, e Ríomaior en Vilaboa resultarían perxudicados pola apertura de viais.

Muíño 1: situado na zona de San Tomé, cerca de Chan da Armada.

Muíño 2: na zona de Vilaboa, pertencente á serra de Domego, igual que o anterior, afecta ao núcleo de poboación de Sobreira e ten no seu contorno unhas brañas incluidas no catálogo de humedais de Galicia.

Muíño 3: en Chan do Xestoso, cerca de Coto do Home, o punto máis elevado do Morrazo.

Muíños 4 e 5: afectan a montes de Moaña e Domaio, na zona do Xaxán.

Muíño 6: en Pedras Negras, pertencente ao Chan da Carqueixa, é onde está previsto instalar unha subestación eléctrica.

Muíños 7, 8 e 9: en Os Candóns, tamén están cerca do núcleo de poboación de San Lourenzo, en Domaio.

Muíño 10: na zona de Os Pedrouzos.

Muíño 11: na zona de Chan da Lagoa.

Muíños 12, 13 e 14: na zona de Charamiza, en Domaio.

Para comunicar todos estes muíños está previsto construir 17 quilómetros de viais e abrir 15 quilómetros de zanxas. Ademais, cómpre ter en conta o destrozo que conleva cada plataforma, que ocupa unha base de 17 metros cadrados. Cada muíño terá unha altura de 120 metros e a extensión das palas será de 112 metros de diámetro, co que a altura máxima acadaría os 175 metros. Situados en montes que teñen unha altitude de entre 400 e 600 metros sobre o nivel do mar, o impacto ambiental e paisaxístico é máis que evidente.

“A afección é moito maior da que sinala o proxecto de Enel”, afirmou Cándido Martínez, que advertiu que o parque eólico de Pedras Negras sería visible dende os montes do Salnés e mesmo do Barbanza, así como tamén polo sur da provincia. A praga eólica planea sobre as Rías Baixas, con outros proxectos no Monte Castrove e na Serra do Galiñeiro.

Tamén perxudica o patrimonio cultural, en particular os monumentos megalíticos, xa que as zanxas e os viais, os camións e a maquinaria pesada, pasan próximos a dúas mámoas.

A enseada de San Simón, incluida na Rede Natura, un espazo cunha importante variedade de aves, cunhas 3500 especies de aves hibernantes na súa contorna, segundo datos oficiais, atópase nas proximidades da área de influencia do parque eólico. As aspas dos muíños provocarán a morte de moitos paxaros que non poderán escapar da forza centrífuga das pas.

Os montes afectados polo parque eólico de Pedras Negras arderon na vaga de lumes de 2006 e actualmente estaban sendo reforestados a base de piñeiro do país e piñeiro radiata. Se prospera o proxecto de Enel, o investimento realizado polas comunidades de montes perderase, xa que a existencia dunha extensión de muíños de vento é incompatible co crecemento do arborado e coa explotación forestal. Precisamente, outro dos aspectos criticados por Luita Verde é que o catálogo de flora presentado pola empresa italiana subestima e mesmo desprecia os toxos e os fentos que medran na zona: plantas que, como o asphodelus album, axudan a rexenerar os solos, tanto como o toxo ou a xesta.

Urces ou brezos, carpaza, herba de Santiago, cardos, falso azafrán, merendeiras, seixebra ou scorodonia, manzanilla silvestre, paxariño ou linaria saxatilis, (un endemismo do Noroeste Ibérico) , varias clases de cogumelos… A flora de Pedras Negras merece un estudio moito máis exhaustivo que o catálogo “paupérrimo” presentado por Enel, recalcou Cándido Martínez, que tamén destacou a variedade de animais vertebrador e invertebrados do lugar.

Non se pode pasar por alto o impacto acústico que terían os 14 muíños, producindo un zunido continuo e molesto. Damián Copena engadiríalle outro perigoso inconvinte: o “efecto discoteca” que se produce ao dar os raios do sol nas aspas, causando nos condutores molestias e distraccións que poderían acarrear accidentes de tráfico.

Pero tamén están os condutores do aire: os numerosos afeccionados á práctica do parapente que teñen no Coto do Home unha das súas pistas de despegue e que, lamentablemente terían que prescindir deste espazo para practicar este deporte.

Hai máis de 4.000 muíños eólicos, segundo os cálculos do equipo de investigadores ao que pertence Damián Copena. Un negocio, o do vento, que xenera moitos beneficios ás empresas pero que repercute de xeito mínimo, por non dicir microscópico, nos propietarios dos terreos destinados a uso eólico.

A lexislación nesta materia foi cambiando sucesivamente dende os decretos 205/1999 e 302/2001 que sentaron as bases deste sector. A normativa é farragosa e, como practicamente todos os asuntos nos que intervén a Administración, coa súa burocracia, con moita letra pequena que cómpre coñecer a fondo para non sucumbir ás trampas do sistema.

Dous detalles chaman poderosamente a atención neste barullo: que os dereitos pola explotación do vento son exclusivos e eternos, non caducan nunca; e que a producíón de enerxía eólica pódese declarar de utilidade pública, co cal o Goberno de turno podería proceder á expropiación do solo aplicando unha lei dos anos 50; unha lei franquista, por tanto, en plena madurez (teórica) da democracia. En cambio, as comunidades de montes, como entidades de utilidade pública que son, pódense involucrar na loita polos seus terreos. E que gañe o máis forte (que non sempre ten que ser Goliat, como a Historia demostrou en non poucas ocasións), ou o máis listo.

Actualmente han 3.300 megawatios de potencia en funcionamento, 300 autorizados e en fase de trámite outros 500, outros 300 tamén a trámite da convocatoria con plan eólico empresarial, uns 2.300 a maiores que proceden do famoso concurso eólico para instalar 91 parques, cerca de 800 admitidos polo Ministerio… o que fai un “total” de 7.500 MW de potencia.

E hai que estar ollo avizor, porque dende o martes 13 de decembro, o parque eólico previsto no Monte Acival de Moraña é o primeiro desta nova fornada que sae a información pública. Faltan aínda moitos trámites para que a empresa que o promove poida saírse coa súa. Certo é que cada vez as “facilidades” que obtén o capital son maiores, sobre todo eludindo ou bordeando a lexislación ambiental. Só así se explica que haxa parques eólicos en espazos da Rede Natura. En calquera caso, Damián Copena cre que, no caso de Pedras Negras, será necesario facer un estudo de impacto ambiental.

A tecnoloxía utilizada na produción de enerxía eólica avanzou e mellorou moito nos últimos anos: aumentou a potencia, incrementouse a altura dos muíños e medrou a rede de comunicacións e abastecementos que os interconectan. Paralelamente, non houbo ningunha mellora no tratamento do territorio no que se asentan estas instalacións industriais e son moitos os inconvintes, dende contaminación lumínica, ata rexevetación con especies alóctonas, a mortandade de aves, ou as interferencias electromagnéticas.

Aínda así, Galicia segue sendo unha “potencia” eólica, só por detrás das dúas Castelas. Pero téñase en conta a extensión das tres comunidades. En Galicia prodúcense 108 KW por quilómetro cadrado, cando a media do Estado está en 38. Sobreexplotación eólica? A estas alturas, todo apunta a que si. Non queda tan lonxe a época na que Galicia mesmo era líder en España e a sexta potencia mundial. Neste país somos moi dados a querer ser sempre os primeiros nalgo, aínda que sexa a costa de sacrificar algo tan importante como o medio ambiente, o patrimonio cultural, ou mesmo a saúde das persoas.

Son numerosos os conflictos abertos na actualidade pola tramitación de parques eólicos: dende as Brañas de Xestoso ao Xistral, Os Ancares e o Caurel, Pena Trevinca, Cosa da Serpe, a Serra da Groba, O Galiñeiro ou Monteferro. Algúns, como o de Paradela, foron paralizados polo empeño, neste caso, dos propietarios dunha casa de turismo rural, que conseguiron unha sentenza única. Ou o de Vilamartiño, onde os veciños están unidos na defensa dos seus pastos, dos que obteñen o alimento para as vacas, que representan un importante activo económico para os habitantes da zona.

Os promotores eólicos buscan a desunión, manexan cartos e teñen acceso a información privilexiada en perxuizo dos propietarios dos terreos, sexan privados ou comunais. En 2008 as empresas facturaron 700 millóns de euros. As comunidades de montes só percibiron o 1,18% da facturación bruta. Unha miseria a cambio de “entregar” para sempre os seus montes e deixarllos inservibles ás xeracións futuras para o desenvolvemento doutras actividades e doutros aproveitamentos alternativos.

O de Pedras Negras é un dos 8 parques eólicos que saíron a concurso en 2010, xunto cos do acival, Xesteiros, Pé dos Cotos, Monte Arca, Castrove, Touriñán e Fontevedra. Suman 195 MW de potencia. A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo segue traballando a prol da conservación desta zona, catalogada como Espazo Natural Protexido polas Normas Subsidiarias e Provinciais de Planeamento. En febreiro organizarase un roteiro para dar a coñecer a súa riqueza cultural e natural, para que a cidadanía se conciencie do moito que pode perder a cambio de 14 muíños de vento, para que os concellos de Marín, Vilaboa e Moaña se sumen a esta causa nobre e xusta.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: