Publicado por: MontePituco | 13/12/2011

REUNIÓN INFORMATIVA SOBRE O PARQUE EÓLICO

 

O vindeiro venres 16 de decembro celebrarase en Marín unha charla informativa sobre o parque eólico previsto para o Morrazo, na zona de Pedras Negras, e que abarca os concellos de Marín, Vilaboa e Moaña. Realizarase no salón da Biblioteca Municipal Vidal Pazos ás 20:00 horas. No acto intervirán Cándido Martínez, representante do colectivo ecoloxista Luita Verde, e Damián Copena, membro do Grupo de Investigación en Economía Ecolóxica e Agroecoloxía (GIEEA) da Universidade de Vigo.

O parque eólico de Pedras Negras está promovido pola empresa transnacional italiana Enel Green Power España, empresa que ten agredido o medio coa construción de parques eólicos noutras zonas do Estado español, que deron lugar a sentenzas xudiciaus por delicto ecolóxico.

Este parque eólico suporá a instalación de 14 aeroxeneradores de grandes dimensións (119 metros de altura de buxe e 112 metros de diámetro de rotor), a ocupación dunha explanada de 17×17 metros de superficie por cada aeroxenerador, a apertura de novas comunicacións e ampliación do ancho de pistas forestais existentes, que en total suman 17.302 metros liñais de vías entre os de acceso e interiores, 15.702 metros de gabias para instalación de cable eléctrico e de comunicacións, e unha subestación eléctrica.

Este parque eólico conlevaría, como moitos outros, un impacto visual na paisaxe moi severo nunha área que está entre os 500 e os 600 metros de altitude, e que pasa por ser das máis altas do Morrazo,  con amplas vistas cara ás Rías Baixas, ás serras entre Pontevedra e Ourense, e as do Sur de Pontevedra hacia Portugal.

A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo, composta por colectivos, asociacións e persoas de Marín, Bueu, Cangas e Moaña, rexeita a instalación dun parque eólico en Pedras Negras e pretende dar a coñecer este proxecto aos veciños e veciñas do Morrazo, informar das graves consecuencias que ten sobre o medio e sobre a veciñanza unha instalación deste tipo, e valorizar a gran riqueza natural e arqueolóxica dos Montes do Morrazo, protexido polas normas subsidiarias provinciais.

A Plataforma convida a veciñanza de Marín a participar na asemblea que terá lugar este mércores 14 de decembro a partir das 20:30h na casa da cultura de Seixo. Nesta xuntanza abordaranse as distintas ameazas que se cernen sobre os Montes do Morrazo e planificaranse as accións e actividades que se desenvolverán nos vindeiros meses a prol da defensa deste espazo.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

A %d blogueros les gusta esto: