Publicado por: MontePituco | 21/12/2011

A VARIANTE DE MARÍN: FLASHBACK

Flashback: dise da técnica narrativa que consiste en intercalar, no desenvolvemento dunha acción, pasaxes pertencentes a un tempo anterior.

…Que onde estabamos cando as excavadoras abrían o trazado do primeiro tramo da variante de Marín? Que por que non fixemos nada cando someteron a pedrafita de Currás ao baile de San Vito? Que que faciamos cando Islero embestiu mortalmente a Manolete? Hai individuos/as moi empeñados ultimamente en pasar(nos) factura por todo o habido e por haber. Sen importarnos canto lles perxudica a crise financeira, o que está claro é que estes “trolls” –polemizadores aburridos e empedernidos, na acepción interneteira da palabra– o que máis padecen é unha absoluta crise de ideas e de argumentos.

Ano 2003: as máquinas furaban o Monte Pornedo para construir a –aínda hoxe inconclusa, case 9 anos despois “yloqueterondarémorena”– variante de Marín. Os veciños do Caeiro miraban cara ao alto con preocupación: a zona pola que avanzaban os traballos tiña unha composición xeolóxica moi rochosa e xa se comezaban a sentir as primeiras detonacións. As cargas de explosivo medraron en cantidade e intensidade, ata o punto de que a estrutura das vivendas comezou a resentirse: fendas exteriores e interiores, paredes desconchadas, o corazón dos veciños nun puño cada vez que os operarios, sen preaviso, efectuaban as voaduras.

…Sen que ninguén, nin dende o Concello, nin a Xunta, nin a empresa construtora, nin a comunidade de montes, lles tivera explicado como lles ían afectar, durante longos meses, aquelas obras, os habitantes do Caeiro tiveron que enfrontarse en solitario aos xefes de obra, os enxeñeiros, e os executivos de medio pelo que, cunha lamentable falta de delicadeza e de respecto, pretendían lavar as mans ante os desperfectos progresivos que experimentaban as vivendas. Tras moito porfiar, con informes e contrainformes, a empresa accedeu a repoñerlles os gastos que lles ocasionou a reparación dos danos.

Esa foi a particular loita desta modesta veciñanza que, cámara en ristre, retratou tamén as agresións cometidas no monte, consentidas dende as administracións públicas e asumidas sen rechistar pola comunidade de (des)montes de San Xulián. Na súa inmensa cobiza por embolsar as indemizacións –u-los cartos, a día de hoxe?– pola ocupación dos terreos, a directiva dos comuneiros “vendeulles a moto” aos parroquianos finxindo que fixeran o negocio do século autorizando o recheo artificial e con terra de dubidosa procedencia –hoxe infestada da praga da herba da Pampa que tanto abunda polas autoestradas– a ladeira do Monte Pornedo, onde antano había unha pequena carballeira e un regato: onde aquela carballeira, quedou unha pista cunha pendente semellante á do Angliru para que os residentes de catro vivendas poidan acceder a elas en coche; onde aquel regato, quedou un mamotreto de escalinata de formigón pola que a auga baixa dende o monte formando un torrente que irremediablemente anega todas as fincas que se atopan dende A Curxeira ata Vilafíns.

Por aquelas datas preguntóuselle ao daquela conselleiro de Política Territorial –actual presidente da Xunta– Alberto Núñez Feijóo, se podía garantir que o impacto das obras da variante quedaría minimizado ao seu remate, coa instalación dunha pantalla vexetal para aillar o ruído do tráfico, e a súa resposta foi afirmativa. A verdade é que nin pantalla vexetal ninrabodeghaita: a variante segue inconclusa, con serios problemas de seguridade vial non só pola sinuosidade do trazado, senón tamén pola ausencia de medidas para evitar que o gando mostrenco acceda á calzada, co conseguinte perigo para a vida dos usuarios e dos propios animais.

…E o recheo? Ai, o recheo! Onde houbo fonte (sen auga), mesas e bancos, árbores… quedan os restos que sobreviven ao expolio descarado e os actos vandálicos continuos. E un petroglifo –localizado mais non catalogado, senón outro galo cantaría– que había na zona, sepultado baixo toneladas de terra e cantullos. De nada serviron as protestas de Xan Montenegro para que se respectara ese vestixio prehistórico; tan só serviron para facer valer, en todo caso, a súa dignidade como cidadán, os seus irrenunciables dereitos constitucionais, e o seu compromiso na defensa do patrimonio cultural da parroquia na que outros, por degraza e ignorancia, din que “as pedras non dan de comer”.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: