Publicado por: MontePituco | 09/12/2011

PLENO DE DECEMBRO (I)

O último pleno do ano sorprendeu, para empezar, pola súa “brevidade”, tendo en conta que o do mes anterior durara 4 interminables horas. En a penas dúas, na sesión ordinaria de decembro deuse conta dos poucos puntos incluidos na orde do día, entre os que destacou a aprobación, por unanimidade, dunha nova fase de tramitación do proxecto do Plan Xeral de Ordenación Municipal, que non deparou ningunha polémica especialmente agria entre os grupos municipais.

A crónica deste pleno non comeza polo principio, senón polo final, no turno de rogos, preguntas, interpelacións e pataletas varias de certos integrantes da oposición nas filas socialista e nacionalista. A última intervención foi da concelleira independente Isabel Martínez Epifanio, que se dirixiu ao equipo de Goberno cun rogo. A edil de MAR-IN lembrou que no último Consello da Xunta, celebrado este mércores –en vez da xornada habitual do xoves, que foi festivo– o presidente da Xunta falou do Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais de Galicia, que foi declarado de incidencia supramunicipal.

O plan contempla o investimento de 2.500 millóns de euros na creación de 119 polígonos industriais. “O PP e Mar-In quedamos sós na petición de Pastoriza”, apuntou Isabel Martínez, recordando así que populares e independentes discreparon na anterior lexislatura dos socialistas e dos nacionalistas na aposta destes últimos por situar o chan empresarial no Monte Pituco, por non mentar outras áreas como A Brea e Vista Alegre, que tamén estaban condenadas a sucumbir baixo o formigón e o asfalto pola mala xestión e o patético criterio do anterior Goberno local nesa materia.

Isabel Martínez formuloulle un rogo á alcaldesa María Ramallo: que o luns se poña en contacto coa Xunta para interesarse pola planificación do solo industrial e procurar que Marín estea incluido nese reparto. “A ver se non nos pasa coma sempre”, advertiu a concelleira independente, lamentando a perda de oportunidades da nosa vila na dotación de infraestruturas.

María Ramallo contestoulle que tomaba nota do rogo e que cando tivera máis información ao respecto, contestaríalle.

Entre o público, os directivos da comunidade de des-montes de San Xulián non dixeron ren. No pleno de novembro presentáranse con carteis co lema “polígono no pituco xa”, algúns deles prendidos cutremente con imperdibles na roupa dun dos seus simpatizantes, nunha actitude que perxudicaba a imaxe e a dignidade dese veciño, convertido nunha especie de home-anuncio degradante. Nesta ocasión, non empregaron ese recurso pobre e desafortunado de plasmar as súas reivindicacións. Simplemente, estaban de corpo presente. Algúns, mesmo de alma ausente. DEFENDE O MONTE PITUCO segue sostendo que a comunidade de des-montes de San Xulián carece de argumentos para defender o seu irracional punto de vista: nin técnicos, nin legais, só o interese económico e o capricho do erre-que-erre.

Que o Goberno local teña en conta, á hora de interesarse pola dotación de chan industrial para Marín, que o Monte Pornedo:

a) ten unha pendente de máis do 35% en máis da metade da superficie afectada polo hipotético polígono

b) pertence aos Montes do Morrazo e está catalogado como Espazo Natural Protexido

c) o Informe de Sostibilidade Ambiental do proxecto de PXOM contempla a “capacidade limitante absoluta” do Monte Pornedo para acoller urbanizacións de tipo residencial ou industrial.

A continuación, a nota informativa dispoñible na web da Xunta sobre o Consello do 7 de decembro de 2011 e a intervención de Alberto Núñez Feijóo.

Santiago, 07 de decembro de 2011.- Logo de que o Consello da Xunta acordase hoxe declarar como de incidencia supramunicipal o Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais de Galicia, o presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou, na rolda de prensa, que este plan, cunha mobilización de 2.500 millóns de euros, ordenará case 43 millóns de metros cadrados adicados a superficie industrial. “Primeiro presentamos o Plan Move, o plan de infraestruturas da comunidade e, agora, presentamos o plan definitivo de solo industrial. Estamos a falar de unir as superficies industriais coas infraestruturas, de planificar, ordenar o solo industrial, e de xerar emprego”.

O presidente do Goberno galego afirmou que este mapa de solo industrial será a guía do goberno e salientou que: “por parte da Xunta de Galicia, promotora Xunta de Galicia, pasaremos de 19 millóns de metros cadrados de chan industrial a 62 millóns de metros cadrados. Multiplicamos por 3 o solo empresarial na comunidade galega, faremos un solo industrial máis accesible e comezamos de forma ordenada, por fin, a organizarnos como país desde o punto de vista de solo industrial que é fundamental”.

Feijóo subliñou que para deseñar este plan traballouse nun dobre sentido: “cuantificar para localizar o solo empresarial que desenvolverá nos próximos anos, establecendo a curto, medio e longo prazo as necesidades de solo; e traballamos de forma simultánea en que isto casara dentro das Directrices de Ordenación do Territorio e do Plan do Litoral”.

Pola súa banda, o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, afirmou que o principal obxectivo desta planificación é que calquera empresa poda implantarse no noso territorio. “Coa aprobación deste plan sectorial –precisou- deixamos previstos, en Galicia, 119 parques empresariais con preto de 43 millóns de metros cadrados, o 80% de iniciativa da Xunta e o 20% de iniciativa doutros promotores”.

Ao longo da súa intervención, o conselleiro explicou, tamén, a utilidade doutra ferramenta, “na que estamos traballando”, o rexistro de demandantes de solo empresarial. “Un rexistro público, de libre acceso –dixo- no que as empresas e particulares que desexen solo empresarial se poderán inscribir de xeito que, cando se acade un grao de solicitudes suficiente, a administración garantirá o desenvolvemento do parque en concreto que, grazas a súa inclusión neste plan sectorial, a súa tramitación será máis rápida”.

Segundo Agustín Hernández, a importancia deste documento radica en que “se o combinamos axeitadamente co novo rexistro de demandantes conseguiremos executar solo empresarial de xeito moi áxil nos lugares onde é verdadeiramente necesario”.

Así mesmo, salientou que se segue a permitir a execución de parques de carácter municipal que os concellos poderán recoller nos seus correspondentes plans de ordenación municipal. “No documento de hoxe –incidiu- analizamos e incluímos aqueles espazos de carácter supramunicipal; e esa supramunicipalidade é o que aprobou o Consello da Xunta”.

Por último, avanzou que, nos vindeiro días, o documento someterase a información pública. “A partir de aí, faremos a análise das alegacións e os axustes oportunos ademais da correspondente elaboración da memoria ambiental para contar con esta ferramenta aprobada ao longo do vindeiro ano”.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: