Pasaron TRES días dende que foi localizado o verquido ilegal de residuos procedentes da posible limpeza dunha caldeira, e de que lle fora notificada a súa existencia á directiva da Comunidade de Montes de San Xulián na persoa do seu vicepresidente, á Policía Local de Marín, e -menos de 24 horas despois- ao Concello de Marín. E o lixo segue nas mesmas: nin foron retirados os restos do palé de madeira, nin a ferralla, nin o contenedor de plástico, nin moito menos toda esa carbonilla graxenta e noxenta que está causando un problema medioambiental e un risco para a salubridade das augas.
Esta noite pasada choveu unha migalla. Están agardando a que arroie para que toda esa porquería corra polo monte abaixo?
Estamos ante unha neglixencia, unha tomadura de pelo por parte dos (ir)responsables de arranxar esta desfeita, a falta de poder castigar o autor ou autores da vertedura, ou ámbalas cousas de vez?
Cantas sancións está disposta a pagar a Comunidade de Montes de San Xulián por consentir tozudamente que O Pornedo siga sendo o basureiro extraoficial da parroquia?
Por que razón o Goberno local non dispón os medios necesarios -sexa directamente ou en colaboración cos representantes dos comuneiros- coa maior inmediatez para evitar que ese material tan contaminante siga exposto á intemperie?
Acaso entre a Comunidade de Montes e o Concello están actuando coordinadamente de costas á veciñanza para facer a vista gorda ante as agresións que sofre o Monte Pornedo, coa escura pretensión de favorecer o seu deterioro progresivo e con iso, tal vez sumar argumentos para que se acabe instalando nel o polígono industrial que se proxecta na zona?
Non se decatan a Comunidade de Montes e o Concello que coa súa inacción son cómplices a partes iguais do delicto cometido desde o mesmo momento no que eses residuos foron depositados no monte?
A “marxe de confianza” rematou e DEFENDE O MONTE PITUCO resérvase o dereito a adoptar todas as medidas necesarias ante as autoridades para que este vergoñento verquido non pase NIN UN DÍA MÁIS nesta situación.
…O azar é ben caprichoso. Subindo ao monte para comprobar, efectivamente, como xa sospeitabamos, que ninguén movera nin un só dedo para poñerlle remedio a esta lamentable incidencia, atopamos, a poucos metros do bidón, nunha zona que fora desbrozada, un CD dado a volta. Collémolo do chan, virámolo para saber cal era o seu contido e, escrito en letras maiúsculas, lemos tres palabras: “A MALA EDUCACIÓN”.
Se unha imaxe vale máis que mil palabras, esta non podía ser máis atinada.
[…] TRES DÍAS DESPOIS, 28 de setembro de 2011. […]
By: COLCHÓNS TIRADOS NO MONTE PORNEDO « DEFENDE O MONTE PITUCO (Pornedo) on 28/05/2012
at 23:07