Publicado por: MontePituco | 01/03/2011

NON MÁIS QUADS NIN MOTOS

INTOLERABLE, INADMISIBLE e INSOSTIBLE. A situación na que se atopa o Alto de Pornedo non pode continuar así, ante a pasividade, a incompetencia e a indiferenza da xunta rectora da Comunidade de Montes de San Xulián. O presidente encóllese de ombros ante as fotografías que lle presentamos, evidenciando o estado de degradación no que se atopa o monte a causa da práctica indiscriminada e impune de pilotos de quads e motos, que teñen o terreo absolutamente horadado, cuns sucos terriblemente fondos, coa terra convertida en pó que, coa auga da chuvia, baixa en riada polo monte, deixando as marcas dunha erosión galopante que este “presidente” consinte, de tanto desleixo seu. A actitude do vicepresidente é aínda peor: non fai outra cousa que exercer de rexedor do bar da Casa de Montes e sempre está a pé de barra, como se a xestión dunha Comunidade de Montes fora un simple negocio de hostalería que se sosteña a base de servir bebidas e facer caixa.

NON PISAN O MONTE e tanto lles ten en que estado se atope, son absolutamente insensibles ao cargo que representan de xeito fraudulento. Unha parroquia como a de San Xulián, cunha extensión de monte tan valiosa que debera estar xerando riqueza constantemente a base dunha explotación racional dos recursos forestais, ten á súa fronte a un FATO DE NECIOS que miran para outro lado cando se trata de cumprir coas súas obrigas e que só reaccionan ante o brillo cegador dos cartos e os privilexios do poder. Xa basta de escudárense na súa suposta falta de recursos, de simular xestións inexistentes co Seprona, nun intento de contentar aos veciños que estamos indignados co aspecto lamentable do monte, do que a xunta rectora é cómplice e culpable.

…ACTÚEN, O****! Déixense de tanto bar e tanta conachada. Mentres vostedes están os domingos, tan ricamente estarricados na súa taberna, repartíndose prevendas e espelexando aos veciños que disentimos abertamente da xestión que practican, o monte está invadido por unha horda de bárbaros en vehículos, convertindo o lugar nun circuito de carreiras, rodando perigosamente a carón de gravados rupestres milenarios de valor incalculable, desmoronando o terreo reforestado con árbores que nunca van crecer porque secaron ou foron esmagadas polas rodas, contaminando o entorno cun ruido enxordecedor e deixando tiradas latas de aceite, restos de neumáticos, pezas inservibles, botellas e plásticos. Tomen medidas urxentes e drásticas: sinalicen a zona con carteis que prohiban expresamente a práctica de actividades motorísticas, acoten a zona con cadeas, pedras ou outros medios que impidan o acceso dos vehículos, e sobre todo, pateen o monte, como o percorremos os veciños aos que nos doe fondamente esta agresión constante.

Un día vai haber un problema e a xunta rectora da Comunidade de Montes terá a súa parte de responsabilidade nas consecuencias. Cada vez que roncan os motores, sube un veciño ou veciña, cámara de fotos en ristre, para apercibir aos pilotos, de boas maneiras, con educación. Nas máis das veces, todo hai que dicilo, parecen aceptar as explicacións e marchan. Outros fan o remolón e alegan (sexa verdadeiro ou falso) que teñen o permiso da Comunidade de Montes. Pero que pasa cando se reviran, cando reaccionan con palabras malsoantes nun ton excesivamente elevado…

…Na pasada tarde, quen teclea estas liñas sentiu, dende a súa casa, o boureo dos tubos de escape como se os tivera ao pé da porta, do barullo que facían. Non lle coubo a alma no corpo e prantouse inmediatamente no Alto de Pornedo para impedir que seguiran destrozando o monte. Alí atopou dúas furgonetas cun equipamento tremendamente custoso no seu interior, e dous pilotos en cadanseu quad, a gran velocidade, dando voltas ladeira arriba e ladeira abaixo, movendo terra e máis terra ao seu paso. Pouco lles importou unha presenza allea a eles, porque seguiron rodando ata que se percataron de que se lles estaba facendo un sinal para deterse. Explicóuselle a un deles que estaban nun monte comunal, nunha zona sen autorización para practicar ese deporte, e que estaban facendo un ruido desproporcionado que mesmo chegaba ás vivendas. E no seu descargo alegou (mentiu) que a Garda Civil xa estivera alí e que lles dera permiso para continuar no “circuito”. Advertíuselle que se persistían ían ser denunciados ante o Seprona. E non conforme cos argumentos, ergueuse no seu quad sobre os pedais, para continuar falando dende unha altura superior á persoa que estaba defendendo o monte con toda a lexitimidade que el non tiña para agredilo. Entón, quen teclea estas liñas, vendo que non se podían razoar máis polas boas, marchou de alí mentres os pilotos facían ademán, supostamente, de gardar as súas cousas.

Afortunadamente, naquel intre, e como caída do ceo, porque ninguén a chamou, chegou unha patrulla da Policía Nacional de Marín. E alí quedaron os pilotos terqueando cos axentes, mentres quen teclea estas liñas voltaba á súa casa, tan indignada ou máis que antes, pero coa conciencia de ter feito o correcto, aínda arriscándose a chupar unhas ostias se a aquel piloto intransixente e maleducado lle dera por adoptar unha actitude máis agresiva que a chulería inicial que demostrou plantándose enriba do vehículo. Como se falar máis alto e dende unha posición de superioridade lle permitira amedrentar e asoballar, sen decatarse de que estaba a demostrar a súa cativeza moral e mental.

…Non foi un acto de valentía, foi unha inconsciencia, froito da impotencia e da frustración ante unha Comunidade de Montes anestesiada, cómoda e irresponsable. Grazas aos anxos da garda do Alto do Pornedo por velaren por min. Ben saben estes espíritos bondadosos da natureza que teñen que seguir valéndonos, porque seguiremos “partíndonos a cara” (no sentido figurado da expresión) na defensa deste monte, sempre e en todo lugar.

 


Responses

  1. Tes que ter paciencia, esa xente non ten ningun respeto pola natureza. Por desgraza.

    • …Paciencia!!?? De ningunha maneira. Ou se actúa dun raio dunha vez ou nos toman polo pito do sereno e campan ás súas anchas. Pacencia tena quen non lle doe o monte, quen pasa de todo para non complicarse a vida, quen se conforma co dito “ollos que non vén, corazón que non sente”. Nesa postura está a Comunidade de Montes, inoperante e pasota, cruzada de brazos na tabernucha tomándose uns “glorios” e arreglando o “seu” mundo. No NOSO mundo, que é o real, o monte está cheo de broza, as árbores desordenadas e abandonadas, o patrimonio histórico e etnográfico nun pésimo estado de conservación, os cabalos ceibes atrapados con pexas, en cada recuncho un verquido de cascotes e lixo, e por riba, os poucos espacios que hai para disfrutar deles, “secuestrados” por conductores de vehículos…
      Ése é o monte que temos! Vergoña de Comunidade de Montes!

  2. hola queridisima amiga me alegro de que estes bien y que mi milagrosa inrtervención sirviese para salvarte la vida, para evitar que te martirizasen los moteros y andantes de quad, tienes mucha razon en lo que expones, a mi en el cielo me molestan esto especimenes desalmados, tambien me molestan los desalmados que explotan forestalmente los montes y qeu a lo mejor dejan peor el monte, pero claro ahi hay dinero, y fillina si algo te cae entonces no protestas, dices que vives cerca del sitio, yo desde el cielo no veo muchas casas por alli y la tuya tampoco, a no ser que vivas en una cueva, cosa que no me extrañaria, hablando se entiende la gente , eso es cierto, hablando no creyendo que tienes la razon, por que vamos a ver si vinves cerca de esa zona, reciclas la basura que produces, haces compost con la materia vegetal que tienes en casa,usas gasoil o energia solar para la calefaccion de casa, etc etc etc.
    ve conmigo que te espero en la vuelta de la esquina

    unha aperta
    o ANXODEDEUS.

    • Queridisísísimo AnxoDeDeus… (que alcume máis pretencioso me gastas). Desculpa que non vaia contigo, nin a pé, nin en moto, nin en patinete, á volta de ningunha esquina. Máis que nada porque o pouco tempo libre que teño, ti ben o ves desde ese ceo tan puro no que habitas, o paso agochada detrás dun penedo ou do toro dun eucalipto, pau e máquina de afotos en ristre, para saltarlles á chepa aos moteros e os quatreros que asoman o nariz polo Monte Pituco. Coitadiños.
      Moito me preocupan a min tamén os destrozos que provocan os madeireiros cos seus tractores apañando (e algúns mesmo roubando) troncos. Tamén me preocupan os danos das máquinas que se introducen no monte arrasando o que atopan ao seu paso para abrir as pistas que permitirán que uns señores chanten muiños eólicos dos que se van lucrar de lo lindo. Tamén me preocupan os desalmados que poñen pexas e trancas nas patas dos seus cabalos, que lles desfiguran as marcas feitas a ferro para dificultar a súa identificación; cabalos ceibes que morren despeñados, atacados por outros animais, enfermos ou impedidos tras algunha lesión que se fan ao caer e mancarse; cabalos que irrompen nas estradas representando un perigo para os conductores que van tranquilamente á súa vida. Tamén me preocupan as consecuencias da franxa de seguridade da Brilat, a proliferación de verquidos incontrolados e contaminantes, a aparición de pintadas en pleno monte (para que as “admire” quen? os raposos?)
      Tamén me preocupa a chuvia ácida no Xapón, o uso de armas a base de uranio empobrecido en Libia, as vítimas esquecidas do terremoto de Haití… A ti, pola contra, parece que só che preocupa ridiculizar un problema que leva anos enquistado e que cómpre arranxar dunha vez, en beneficio de todos, aplicando o sentido común. Debes ser o único anxo que, podendo voar ou levitar, conduce unha moto a todo ghas polo Alto do Pornedo. E claro, como lle dicía a outro compañeiro, o teu xoguete mecánico, léase o vehículo, queda sen pista de probas. Síntoo moito, meu. Pídelle prestada unha leira de nubes a San Pedro para faceres trompos e derrapes, porque o que é aquí na Terra, o choio vai estar algo complicado.
      Con sentido do humor, outra aperta.


Deixa unha resposta a anxo de DEUS Cancelar a resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: