Publicado por: MontePituco | 23/07/2010

…TRALLA?

Se antano tiveran clara a posición dos puntos cardinais, algunha clase de tormenta magnética debeulles avariar o sentido da orientación e, por extensión, o xuízo enteiro. Os integrantes da xunta rectora da Comunidade de Montes de San Xulián perderon o norte, viven nunha deriva de insultos e de incitación á violencia. E o peor, arrastran con eles a veciños e veciñas que non se decatan de que este conflicto estase saíndo do testo.

Non son conscientes de que a persoa e a familia aludida nestes panfletos delirantes que distribúen -xa non só pola parroquia, senón tamén por sitios estratéxicos do centro da vila- presentou denuncia ante a Policía Nacional por semellantes afrentas. Que piden a identificación dos responsables das mensaxes que se están a emitir a través duns altofalantes cos que percorren as rúas. Que o axente da Policía Local ao que se enfrontou física e verbalmente o vicepresidente da comunidade de montes e algún comuneiro máis, na protesta do pasado 3 de xullo ante o Concello, tamén denunciou a agresión. O asunto non é trivial, derivará en sancións económicas de certa consideración.

Que estratexia tan errada, a desta directiva que non dá pé con bola. Coa súa actitude están conseguindo que o culpable desta situación, o propietario do terreo acusado de usurpar monte comunal, quede como víctima e saia trunfante ante a opinión pública primeiro, e acaso máis tarde ante a Xustiza. Porque hai formas de obter a razón, pero tamén de perdela. E o rumbo trazado polos i-responsables da comunidade non pode ser máis desacertado.

Cando dende un principio tiñan que terse presentado ante os tribunais coas probas da titularidade comunal dos terreos usurpados, optaron por perder o tempo cun interdicto que lles foi desfavorable. Onde está a documentación histórica que determina os lindes do monte? Por que tiveron os veciños que mobilizarse para achegar os seus arquivos particulares? A canto ascenden os gastos deste litixio que se está embarullando máis da conta? Asesoramento e representación legal? Fotocopias dos folletos e anuncios varios? Megafonía? Por que o presidente da comunidade -concelleiro popular da Corporación municipal- non lidera este problema e deriva a xestión no vicepresidente?

Dende logo, un colectivo que se denomina DEFENDE O MONTE PITUCO posiciónase claramente a prol dos veciños e veciñas, que están librando unha dura batalla para recuperar un espazo que é de todos e todas. Pero o estilo da xunta rectora da comunidade de montes carece de toda ética e estética, con procedementos, iniciativas e expresións de nula elegancia. En vez de preocuparse de que a Xustiza actúe aplicando as leis e deixando en evidencia ao infractor, recorren á descalificación: “…demos tralla a estes personaxes e mangantes…”.

Señores da xunta rectora, “barbarie” e “atrocidade” é o que vostedes pretenden facer, non cos mil e pico metros usurpados por Romero, senón cos 400.000 metros cadrados de terreo comunal de San Xulián que vostedes lle consinten arrasar ao Concello para instalar un polígono industrial. Non están vostedes lexitimados para apelar á “loita polos nosos montes” porque vostedes son uns vendidos que só actúan por intereses económicos e personais. Vostedes si que ignoran o significado de conceptos como legalidade e democracia.

 

Advertisements

Responses

  1. Isto lémbrame ao que pasou na nosa Comunidade do ano 86 ao 91, onde un grupo opositor a unha directiva non dubidou en chamarlles de todo menos guapos, en panfletos, coa megafonía i en manifestacións á porta do local do presidente.
    Ademais diso houbo unha querela criminal polo medio dos opositores, pero xamais se nos deu a coñecela resolución do xuíz. Iso si, como os querelantes acadaron a dirección da comunidade, cobraron os gastos, redacto tal e como consta na acta: los vecinos aprueban el cobro porque gracias a esa denuncia, apareció el dinero que antes no aparecía.
    Si señor, segundo esa acta o que non viu o xuíz, vírono os comuneiros. Estamos a falar de que os directivos terían agochados 30 millóns das antigas pesetas e apareceron gracias a esa querela.
    Pode que soe raro, pero é totalmente verídico.

    • …Moitos chanchullos se teñen urdido á sombra de comunidades de montes cuxos directivos se enriqueceron persoalmente esquilmando os recursos económicos e forestais das parroquias, obtendo beneficios para as súas empresas ou medrando social e politicamente.

  2. […] o selo particular do ex-vicepresidente. E para mostra, basta repasar artigos como o titulado “…Tralla?“, con expresións máis ou menos […]


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: