Publicado por: MontePituco | 14/07/2010

ANIMAIS, OS DONOS

 

Cruel. Horrible. Vergoñento. Reprobable. Ilegal. Perigoso. Sancionable. Máis cruel. Noxento. Alarmante. Suxo. Indigno. Irresponsable. Perseguible…

Todas as palabras son poucas para criticar e denunciar a situación dos cabalos ceibes que percorren os montes de San Xulián, no límite con Lourizán e con Salcedo. Eguas, principalmente, cuxas patas están trabadas, limitadas, atadas, prendidas, feridas e lesionadas porque os seus donos as condean a levar permanentemente estes tinglados de tortura que cercenan a súa mobilidade.

Persoas que de “sapiens” teñen pouco e ou nada, ata o punto de seren máis animais aínda que os propios cuadrúpedos. Cobardes, porque saben cal é o seu gando, pero os demais non sabemos a quen pertencen estes pobres cabalos, que se buscan a vida á intemperie. Ocultan a súa identidade baixo marcas horrorosas, feridas de dimensións desproporcionadas e con trazos de ostensible mal gusto. E cando sospeitan que as autoridades poidan localizalos, volven facer sufrir as reses, desfigurando a forma que deixara inicialmente o ferro candente.

Insensatos porque os animais, na súa natural irracionalidade, móvense por onde poden ou por onde lles cadra segundo o instinto os leve, na procura de alimento, auga e resgardo. Poden tripar unha veiga de patacas, coa conseguinte reacción airada dos labregos. Nalgúns casos, máis extremos e máis incalificables aínda, téñenlles dado caza e morte aos cabalos, da forma máis violenta e inxustificable, como xesto de vinganza, de advertencia, coa maior saña.

Poden irromper nunha estrada a calquera hora do día ou, ao peor, da noite, co perigo que supón para a integridade física dos conductores que transiten pola zona e non poidan esquivar o animal que, por riba, non ten marxe de manobra para saír galopando ou apartarse a tempo de que o vehículo o leve por diante ou acabe empotrado ou despeñado nalgún terraplén. Por eso os propietarios destes equinos ceibes teñen responsabilidade subsidiaria sobre os percances que poidan acontecer. Pero están alleos e agazapados na sombra; atentos só aos poldros que nacen para aumentar a súa riqueza ou o seu patrimonio. Cobizosos.

Que a Fiscalía de Pontevedra non deixe de investigar estes casos de maltrato animal. As imaxes que acompañan este relato foron tomadas no vial de Marín a Figueirido á altura do acceso ao Monte Pituco, este segundo fin de semana pasado do mes de xullo. É habitual constatar a presenza destes cabalos escravizados nesa zona, pola abundancia de herba verde e bebedoiros, tanto á mañanciña, como ao caer a tarde. Que o SEPRONA, que se vén preocupando ultimamente polas agresións ambientais que afectan a este espazo, tome nota da situación. Que as persoas con sensibilidade polo bo trato aos animais que lean esto e vexan estas imaxes, compartan a información. Moitas grazas.

 


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

A %d blogueros les gusta esto: