Publicado por: MontePituco | 29/04/2010

…VONTADE DE DIÁLOGO? Ú-LA ESTÁ?

Fai hoxe unha semana viñeron a Marín un grupo de deputados do PSdeG encabezados polo seu voceiro, Xoaquín Fernández Leiceaga, para reunirse co alcalde e con varios concelleiros e abordar diversos proxectos de infraestruturas pendentes. Acompañaban a Leiceaga o coordinador provincial do partido, Modesto Pose, e outros cargos autonómicos por Pontevedra: Abel Losada, Carmen Gallego, Carmen Cajide, Manuel Gallego, María José Caride e Guillermo Meijón, a quen lle mandamos -a el e ao seu irmá Miguel, concelleiro popular en Pontevedra, pai da vítima- as nosas condolencias polo falecemento dunha sobriña súa nun tráxico accidente de tráfico acontecido en Caldas de Reis.

Con motivo de tamaño desembarco, dos cales só estaban anunciados inicialmente Modesto Pose, Carmen Gallego, Abel Losada e Guillermo Meijón, enviámoslles tanto a Leiceaga como a estes catro últimos, unha carta para informarlles da barbaridade de plan que trama o goberno local no Monte Pituco-Pornedo:

Prezado Sr. Leiceaga, 

Tendo coñecemento da súa visita a Marín para abordar co alcalde, Francisco Veiga, as necesidades da vila en materia de dotacións e equipamentos, a Asociación Defende o Monte Pituco (Pornedo) diríxese a vostede para expoñer, brevemente, a problemática a respecto das propostas para a creación de chan industrial. 

Defende o Monte Pituco (Pornedo é o topónimo tradicional deste enclave) é unha asociación coa que simpatiza a veciñanza dos lugares de Pena, Caeiro, Bouza, A Laxe, O Casal, Bravos, Arealonga e outros núcleos de poboación próximos a este monte, que linda coas parroquias de Lourizán e Salcedo, pertencentes a Pontevedra, nas que tamén apoian as nosas reivindicacións. 

Rexeitamos a intención do goberno local de instalar un polígono industrial no Monte Pituco, incluido nos Montes do Morrazo, que están catalogados como espazo natural protexido polas Normas Subsidiarias e Complementarias Provinciais e polas Directrices de Ordenación do Territorio. Precisamente, tendo en conta este rango de conservación, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas vén de facer unha importante obxección á Memoria Medioambiental do PXOM marinense, ante a imposibilidade de acometer dita actuación “en tanto non se faga unha avaliación de impacto ambiental específica” para esa zona. 

Posto que lle esixiremos o máximo rigor á Administración autonómica no cumprimento das súas funcións, ademais da protección ambiental do Monte Pituco, tamén cómpre ter en conta as súas características topográficas: máis do 92% do terreo susceptible de ser destruido e formigonado supera o 15% de pendente (o máximo recomendado pola Xunta para a construcción de polígonos industriais) e, máis do 57% ten un desnivel por riba do 35%. 

O Informe de Sostibilidade Ambiental do PXOM recén aprobado pola Corporación municipal enxalza as cualidades naturais, paisaxísticas e patrimoniais do Monte Pituco: pola súa riqueza forestal, a súa elevada “intervisibilidade”, a abundancia de acuíferos que fornecen de auga para consumo doméstico e de regadío aos habitantes da zona, e o valor dos numerosos xacementos incluidos nun proxecto para a creación do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños, que impulsan unha vintena de colectivos de Marín, Pontevedra e Vilaboa.

Contradicindo o ISA, o Goberno local pretende converter o Monte Pituco nunha chaira de cemento e naves adicadas a actividades industriais, probablemente contaminantes. Argumenta que os veciños non presentaron alegacións cando, en realidade, colectivos de tan ampla representatividade como a Asociación de Veciños de San Xulián e a Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra, dos que somos partícipes, se posicionaron en contra, en tempo e forma; alegacións que foron rexeitadas e non contestadas. 

A respecto do interese da Xunta de Galicia polo desenvolvemento -mediante a fórmula do plan supramunicipal- dun polígono industrial en terreos de Moaña e Marín que, no caso desta vila, se situarían na zona de Pastoriza, o Goberno local non se ten pronunciado. Sen embargo, mantén a súa pretensión de solicitar incomprensiblemente -posto que as necesidades de chan industrial se verían satisfeitas con esa outra actuación- a desafectación do Monte Pituco para crear un polígono que tería moita menos envergadura.

Ante o exposto, solicitámoslle que se dirixa ao alcalde de Marín para que retire a proposta de creación dun polígono industrial no Monte Pituco (Pornedo). Dámoslle as grazas pola súa atención e quedamos ao seu dispór se precisa calquera aclaración pola nosa parte. 

Xosé Garrido e Paz Castro, en representación da Asociación Defende o Monte Pituco

Por suposto, nunha xuntanza sobre dotacións e equipamentos, abordouse a cuestión do chan industrial. Aínda que nas páxinas da prensa local non se recolleu este aspecto, a nota informativa elaborada polo gabinete de prensa do PSdeG si citaba brevemente unha frase de Leiceaga a respecto da construcción dun polígono en Marín:

Sobre as infraestructuras que dan servicio ao porto e os marinenses puntualizou que so hai retrasos, e citou a variante e o convenio de soterramento que da avenida de Ourense, sobre estes asuntos Leiceaga dixo que “non temos ningunha noticia”. E proseguiu “non ter noticias sobre as infraestructuras e sobre os polígonos industriais, e sobre os problemas dos cidadáns é unha malísima noticia”, proclamou.

Ao día seguinte desa xuntanza case multitudinaria, en termos políticos, Fernández Leiceaga “respostou” a nosa mensaxe. Daquela maneira, as catro liñas que nos puxo demostraron que o noso escrito entroulle polos ollos e saiulle por algún outro orificio corporal sen ter apenas sido procesado polas neuronas. Prescindimos dos formalismos e do blablabla e reproducimos o cerne da cuestión:

“O Alcalde indicou que o citado polígono estaba incluído na proposta de PXOM que fora aprobado inicialmente hai só algúns días polo Pleno do concello, nunha votación favorable á que tamén se sumou a oposición municipal”.

Agora vai resultar, segundo insinúa o voceiro socialista, que a culpa de que se poida instalar un polígono industrial no Monte Pituco-Pornedo é da corporación enteira. A nós non nos colan as verdades a medias. Se esa foi a mensaxe que lle transmitiu o alcalde a Leiceaga, mal por un e mal por outro. Porque certamente non houbo votos en contra nunha votación tan trascendental para o futuro de Marín: MAR-IN abstívose moi valentemente e o PP votou a favor da aprobación inicial do PXOM, pero precisando de antemán que o seu grupo nunca votaría en contra dun plan de urbanismo, e botándolle en cara ao equipo de goberno que tiveran o “capricho” -esa foi literalmente a palabra empregada por María Ramallo- de excluir o estudo da zona de Pastoriza. Esa é a realidade, non o argumento frouxo que esgrime Leiceaga para intentar xustificar algo que non hai por onde collelo.

E traemos a colación este tema porque estes días estase cuestionando a capacidade de diálogo do goberno local de Marín, e en particular do alcalde: mentindo aos veciños da Brea a respecto da subestación eléctrica, acusando aos veciños dos núcleos do litoral de “confundir” coas súas valoracións a respecto da precaria situación na que seguen quedando as súas vivendas coa trapallada de PXOM recén aprobado… Engadir que Francisco Veiga segue sen inmutarse ante as peticións de entrevista que DEFENDE O MONTE PITUCO lle temos formulado, tanto en persoa, como pola vía formal do escrito por rexistro e mesmo interpelándoo a través dos medios de comunicación. Ou somos invisibles e non nos ve, ou o alcalde nos engana e en vez de ir ao Concello polas mañás queda na cama quentiño e así non hai maneira de atender os asuntos do despacho, ou non le a prensa.

Á marxe das ironías, é absolutamente reprochable esta actitude nun rexedor municipal; estes ramalazos de prepotencia, como quen se cre tocado polo dedo dalgunha divinidade para dicir ou decidir de xeito unilateral e sen criterio de ningunha clase. O tempo dirá se, coa maior cercanía das eleccións, se abranda esta cerrazón inexplicable.


Responses

  1. o mais chistoso do asunto é que, o que trascendeu na prensa desta reunión é que se xuntaron para valorar e ver que se pode facer ante “A falta de diálogo” que a Xunta de Galicia amosa cos gobernantes de Marín.

    • Paradoxos da política, hai que ver. Dito en prata: manipulación.
      Como diría meu avó, que non estaría nada orgulloso da postura que está adoptando o grupo de goberno, é moi “elástico” responsabilizar aos demais daquelo do que un mesmo peca. E así andan, montando un cristo pola palla que ven no ollo alleo, pero ignorando deliberadamente que do seu ollo asoma unha viga coma un mundo.
      Que cada un saque as súas propias conclusións.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: